Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53907

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P) e á segunda convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X).

BDNS (Identif.): 429808.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto proceder á convocatoria pública de subvencións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para o financiamento das accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas nas empresas e da actividade laboral asociada, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, a través dos seguintes programas:

a) Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P). Trátase da terceira convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva.

b) Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR349X). Trátase da segunda convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas e dos incentivos á contratación (códigos de procedemento TR301P e TR349X).

Cuarto. Importe

O importe das axudas recollidas no capítulo I da orde de convocatoria, correspondentes ao Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P), é de 1.500.000 euros para o ano 2019.

O importe das axudas recollidas no capítulo II da orde de convocatoria, correspondentes ao Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), é de 500.000 euros para o ano 2019.

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes das axudas correspondentes ao Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P) será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente convocatoria.

No caso das axudas correspondentes ao Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR349X), o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao rematar a acción formativa, respectando, en todo caso, o límite máximo do 14 de decembro de 2019.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria