Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53880

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P) e á segunda convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X).

A través da Orde do 31 de decembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 5 de febreiro de 2018, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras e convocou axudas para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, prevéndose na dita orde a realización de múltiples convocatorias ao longo das anualidades 2018 e 2019.

Con data do 4 de xullo de 2018, no DOG nº 127 publicouse a Orde do 26 de xuño de 2018 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (código de procedemento TR301P), que se axustaba aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta terceira convocatoria axústase aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P)

Artigo 1.Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á terceira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para o financiamento das accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas nas empresas e da actividade laboral asociada, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, a través do programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 2. Orzamentos

1. As axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, que figuran nos estados de gastos do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2019:

Aplicación

Código proxecto

Importe anualidade 2019

09.41.323A.471.0

2013 00545

1.500.000 €

2. O crédito excedente desta convocatoria poderá incorporarse ao crédito asignado a convocatorias futuras.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude referida ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) Ficha do curso de formación profesional para o emprego (anexo I-B).

b) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude, en nome e representación da entidade.

c) Compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vinculadas inicialmente no proxecto presentado, no cal se detalle/n categoría/s profesional/ais e localidade/s en que serán obxecto de contratación laboral. Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir a/as empresa/s beneficiaria/s con respecto a si, salvo que se trate de entidades de formación, caso en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.

d) Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar un convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizarán o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade, ou declaración de dispoñibilidade para que se fagan nas instalacións da solicitante. Nos termos do artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, se as empresas beneficiarias son entidades de formación, asumirán a responsabilidade, entre outros, do cumprimento deste convenio.

e) Para todas as especialidades, e salvo no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para esa especialidade, relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres, con indicación dos metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde se imparta a formación que, nos casos de certificados de profesionalidade, deberán estar visados polo técnico do colexio oficial competente.

Cando as especialidades formativas solicitadas non estean incluídas no catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

f) Programa formativo elaborado pola propia entidade seguindo a maqueta que figura como anexo IV da Resolución do 12 de marzo de 2010, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se establece o procedemento para a inclusión de novas especialidades no entón denominado Ficheiro de especialidades formativas (actualmente denominado Catálogo de especialidades formativas). Os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático editable e virán redactados en lingua galega e castelá, para o seu posterior envío ao Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa, seguindo o procedemento establecido na antedita resolución.

g) Informe motivado da necesidade de impartición da especialidade formativa solicitada.

Deberá ser remitido inescusablemente en soporte informático e virá redactado en lingua galega e castelá, para o seu posterior envío ao Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa.

h) Importe da subvención económica solicitada en función do número de persoas alumnas para as cales se solicita o proxecto formativo.

No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas deberá achegarse:

i) Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta.

j) Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo I-C).

k) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 6. Data de inicio e fin das accións formativas. Prazos de xustificación

1. A data de comezo das accións formativas figurará na solicitude e non poderá ser anterior á data resultado de engadir tres meses á data de finalización do prazo límite de presentación de solicitudes.

2. O remate das accións formativas terá como data límite o 15 de novembro de 2019.

Por causas debidamente xustificadas que xurdan despois da data de resolución, e sempre logo de autorización por parte do persoal funcionario competente da Subdirección Xeral de Promoción Laboral, as accións formativas poderán rematar, como máximo, o 10 de decembro de 2019.

3. A xustificación final dos gastos subvencionables deberase realizar dentro do prazo dun mes desde o remate de cada curso.

Os prazos para a xustificación final dos gastos axustaranse, en calquera caso, aos seguintes

límites:

a) Nas accións formativas que rematen ata o 15 de novembro de 2019, a data límite para presentar a xustificación final dos cursos será o 1 de decembro de 2019.

b) As accións formativas que rematen no mes de decembro de 2019 deberanse xustificar do seguinte modo:

b.1. Xustificación parcial: os gastos producidos ata o 30 de novembro de 2019 deberanse xustificarse con data límite do 14 de decembro de 2019.

b.2. Xustificación final: os gastos producidos ata o 10 de decembro de 2019 xustificaranse antes do 16 de xaneiro de 2020.

4. Non se poderán imputar gastos xustificados con facturas de data anterior en máis dun mes ao inicio da actividade formativa. En todo caso, os gastos financiados deberán ser posteriores á concesión da subvención.

CAPÍTULO II

Programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas
con compromiso de contratación inmediata (TR349X)

Artigo 7. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para á concesión de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR349X).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 8. Orzamentos

As axudas recollidas nesta orde de convocatoria financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias, que figuran nos estados de gastos do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2019: 09.40.322C.470.1, código de proxecto 2017 00020, cun crédito de 500.000 euros.

A concesión das subvencións estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que se presentase a correspondente solicitude. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade estará determinada pola hora de presentación.

O crédito excedente desta convocatoria poderá incorporarse ao crédito asignado a convocatorias futuras.

Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento de crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 9. Solicitudes e documentación

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, esta atribución expresa acreditarase por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, e deberase achegar a declaración ante un notario ou secretario municipal. Adquirirá esta a categoría de documento público e poderá ser substituída por declaración en comparecencia persoal do representado ante o órgano xestor.

b) Informe de vida laboral dun código conta de cotización correspondente ao mes anterior ao mes en que se realiza a contratación pola cal se solicita subvención, máis o correspondente ao mes en que se realiza a dita contratación.

c) Declaración do cadro de persoal de todos os centros de traballo da empresa en Galicia no mes anterior ao mes de inicio da relación laboral da persoa traballadora contratada pola cal se solicita a subvención, segundo o modelo anexo II-B, cando se trate de contratacións indefinidas iniciais, e segundo o modelo anexo II-C, cando se trate de contratacións temporais. De ser o caso, TA2 de baixa das persoas traballadoras que causaron baixa polas causas previstas nos artigos 54.3 e 60.3 da orde de convocatoria.

d) Relación nominal das persoas traballadoras polas cales se solicita subvención, onde se inclúan os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora por quen se solicita subvención, anexo II-D e a nómina do mes de contratación.

e) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social ou discapacidade recoñecida fóra de Galicia).

f) Comprobación de datos da persoa traballadora contratada, anexo II-E.

g) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa traballadora contratada e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

h) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de emigrante retornado.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que a persoa interesada exprese o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da empresa solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

g) Certificado de discapacidade da persoa traballadora contratada emitido pola Xunta de Galicia.

h) Certificado de empadroamento da persoa traballadora contratada, de ser o caso.

i) Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

j) Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

k) Contratos de traballo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano marcar no cadro indicado no formulario de solicitude, como figura no anexo II-A e anexo II-E, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da contratación laboral que se produza ao remate da acción formativa, respectando en todo caso o límite máximo do 14 de decembro de 2019.

Artigo 12. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables

1. Os incentivos previstos nesta convocatoria serán de aplicación ás contratacións indefinidas iniciais e temporais que realicen as empresas e persoas empregadoras con persoas desempregadas participantes nos proxectos de acción formativa con compromiso de contratación, formalizadas desde o 15 de decembro de 2018 ata o 14 de decembro de 2019.

2. A xustificación da subvención concedida, será en todo caso, antes do 30 de decembro de 2019. Excepcionalmente e por causas debidamente xustificadas, o órgano concedente poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación que non exceda a metade deste. O acordo de ampliación deberá ser notificado ás persoas ou entidades beneficiarias.

3. Todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento do expediente entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia con finalidade estatística e dun eficaz tratamento tecnolóxico da información.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltanse as persoas titulares da Secretaría Xeral de Emprego e da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que ditaren, no ámbito da súa competencia, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file