Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2018 Páx. 54940

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta benvida, para as familias con fillas e fillos nados ou adoptados/as no ano 2019 e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, como un dos obxectivos do sistema galego de servizos sociais, garantirlles o apoio ás familias como marco de referencia no que se desenvolven as persoas.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal; recoñece, como un dos principios de responsabilidade pública, o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Pola súa vez, os estudos máis recentes sobre a evolución dos principais indicadores demográficos e as previsións dun continuado decrecemento da súa poboación, sitúan a Galicia ante un reto estrutural de importantes consecuencias económicas e sociais e, polo mesmo, ante un horizonte demográfico sobre o que é necesario actuar dende unha perspectiva integral.

Acadar a revitalización demográfica e o recambio xeracional convértese nun obxectivo urxente e imprescindible para a sustentabilidade económica e social e por iso a Xunta de Galicia, desde o ano 2013, veu recollendo este desafío en sucesivos documentos de planificación que culminaron na instauración da recuperación demográfica como un principio transversal a todos os eixes de actuación do goberno autonómico que leva a cabo o Plan Estratéxico Rexional Galicia 2015-2020 (PEG), onde se recolle ademais un paquete integral de medidas para avanzar no obxectivo de crear en Galicia un ambiente social favorable para vivir, para formar unha familia e para que cada quen poida ter os fillos e fillas que desexe. En consecuencia, a finais do ano 2015 a Administración autonómica pon en marcha o Programa de Apoio á Natalidade (PAN), un programa de carácter integral e con vocación de permanencia no tempo co que se operativizan as mencionadas previsións.

A tarxeta benvida, forma parte deste programa e ten como finalidade paliar o custo que leva aparellado o coidado dos fillos e fillas, dirixíndose nas sucesivas convocatorias publicadas a contribuír ao pagamento dos gastos realizados no primeiro ano de vida do neno ou nena. A convocatoria do ano 2018 avanzou nas liñas estratéxicas previstas no PEG, onde se recollía a necesidade por unha banda, de traballar sobre a dimensión socioeconómica da cuestión demográfica e de deseñar as solucións precisas para favorecer que a poboación poida ter o número de fillos/as que desexe, e por outra de impulsar medidas que promoveran o benestar das persoas emigrantes retornadas. En consonancia, regulou a súa extensión ata que o neno ou nena cumprira os tres anos de idade para aquelas familias cuxa renda fora igual ou inferior aos 22.000 euros e equiparou ao nacemento a data na que se constituíra unha adopción ou se declarara unha garda con fins adoptivos, para apoiar as persoas que proporcionan un fogar aos nenos e nenas que se atopan en situación de abandono ou desamparo. Así mesmo, recolleu a consideración das especiais circunstancias das persoas galegas que residindo no exterior decidiran volver a Galicia, para que puideran optar á axuda.

Esta nova convocatoria incorpora todas estas cuestións e, coa vontade de axilizar ao máximo o momento no que as familias que cumpran os requisitos poidan beneficiarse da axuda, establece a posibilidade de presentar a solicitude durante a xestación do fillo/a.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e mais na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a cal posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e dabondo no proxecto de lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2018.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

O obxecto desta orde é regular os requisitos e o procedemento de concesión dunha axuda económica ás familias con fillas e fillos nados no ano 2019 a través da tarxeta benvida. Con esta axuda preténdese contribuír a sufragar os gastos derivados da crianza dun fillo ou filla. Esta tarxeta poderá ser utilizada soamente en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia. Deste modo, a axuda contribuirá a que as familias poidan atender os maiores gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena, como, entre outros, leite e outros alimentos infantís, cueiros, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ,así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de: publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2019 teñan un fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda no ano 2018, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á ampliación regulada no artigo 4.2, e proceder á súa convocatoria (código do procedemento BS403B).

2. A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, a cal só poderá ser utilizada en farmacias, parafarmacias, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 36.179.576 euros, que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1 distribuído en catro anualidades, correspondendo 9.222.000 euros ao ano 2019, 13.843.676 euros ao 2020, 8.742.600 euros ao 2021 e 4.371.300 euros ao 2022 .

2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender a todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019.

2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2019.

3. Igualmente poderán beneficiarse da ampliación prevista no artigo 4.2 aquelas familias que obtiveran a axuda no ano 2018 e experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á dita ampliación.

Artigo 4. Contía da axuda

1. Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200€ por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2019: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento, ou de ser o caso do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2020: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena cumpra un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

2. Para aquelas familias con renda igual ou inferior a 22.000 € a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

A axuda ampliarase nas seguintes contías:

a) 600 €/ano, a razón de 50€/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o primeiro.

b) 1.200 €/ano, a razón de 100€/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o segundo.

c) 2.400 €/ano, a razón de 200€/mes, se o fillo/a que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos.

Esta ampliación farase efectiva en pagamentos anuais sucesivos co importe que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento, ou do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos do fillo ou filla polo que se concedeu a axuda.

Artigo 5. Requisitos

1. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia.

Para estes efectos considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamento efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía fose superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á ampliación da axuda prevista no artigo 4.2.

2. Ademais, as persoas galegas emigrantes deberán ter retornado a Galicia no ano 2019 e deberán estar en posesión da nacionalidade española antes do dito retorno.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Todos os requisitos recollidos no punto 1 deste artigo deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. No suposto de ter concedida a Tarxeta Benvida para unha filla ou fillo en situación de garda preadoptiva, non pode volver a solicitarse esta no momento de constituírse a adopción.

Artigo 6. Determinación da renda

1. Para a determinación da renda da unidade familiar, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en adiante IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

2. Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade.

3. Entenderase por unidade familiar a formada pola/s persoa/s proxenitora/s e mais:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de garda con fins adoptivos.

No suposto de non convivencia das dúas persoas proxenitoras se unha delas asume en solitario o sustento da unidade familiar, familias monoparentais segundo o disposto no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, a renda da que non contribúe non será computada sempre que se acredite documentalmente a dita circunstancia.

4. No suposto de que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non teña identificado algún membro da unidade familiar, a determinación da renda completarase cos datos que figuren na documentación acreditativa dos ingresos achegada coa solicitude.

5. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles ás que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 7. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.

No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2019 e sempre que o fillo ou filla nacera con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación estando, en todo caso, a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 7, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

5. No suposto de ter obtido a axuda no ano 2018 e ter experimentado unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito á ampliación prevista no artigo 4.2, deberá comunicarse esta circunstancia mediante a presentación do anexo III, habilitándose para estes efectos un prazo de dous meses dende o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que se atopa no enderezo: http://www.xunta.gal/resultados-da-guia-de-procedementos, de acordo co establecido no artigo 8.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II debidamente cuberto e asinado pola persoa proxenitora que non apareza como solicitante, se é o caso.

b) Copia completa do libro ou libros de familia da unidade familiar ou, de ser o caso, documentación acreditativa dos vínculos de parentesco dos membros da unidade familiar.

c) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando se trate de adopcións formalizadas fóra da Comunidade autónoma de Galicia.

d) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.

e) Certificado de monoparentalidade cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Pasaporte en vigor da persoa cónxuxe ou parella, para o suposto de que esta estea en trámite de autorización de residencia.

g) Documentación acreditativa dos ingresos percibidos no estranxeiro no período impositivo computable, acompañados dun certificado de organismo competente ou entidade bancaria acreditativo do valor en euros dos ditos ingresos, de ser o caso.

h) No suposto de persoas galegas emigrantes retornadas ou descendentes, deberase presentar ademais:

1º. Documentos xustificativos do nacemento en Galicia ou de ser descendente dunha persoa galega.

2º. Certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España.

3º. Pasaporte para as persoas solicitantes que non teñan DNI.

i) No suposto de presentarse a solicitude con carácter previo ao nacemento deberase presentar ademais un certificado médico acreditativo do estado de xestación onde conste a data probable do parto.

3. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán deberá presentarse tamén a tradución dos ditos documentos a calquera destes dous idiomas.

4. Na solicitude (anexo I) deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta benvida. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.

5. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, deberá presentarse unha copia dixitalizada dos documentos indicados nos puntos anteriores.

6. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

7. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

9. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos na forma prevista no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

10. A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas Administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de Identidade de Estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF, da persoa solicitante, da/o cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención. No caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF comprobarase o nivel de renda.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou a garda con fins adoptivos formalizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Certificado de monoparentalidade expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acreditación do nacemento do/a neno/a no caso de solicitudes presentadas durante o período de xestación.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, no anexo II e no anexo III segundo o caso e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As axudas tramitaranse por un procedemento abreviado no que o órgano instrutor formularalle ao órgano concedente a proposta de concesión tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención.

2. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social, no prazo de catro meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución se o acto fose expreso, e se non o fose, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de Notificación Electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade, electrónica ou en papel, escollida para a notificación.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 13. Instrumentación da axuda

1. A axuda farase efectiva a través da tarxeta benvida, unha tarxeta moedeiro que se expedirá a nome da persoa solicitante.

A Consellería de Política Social remitirá ao enderezo indicado na solicitude as tarxetas benvida coa carga que lles corresponda na anualidade 2019 en función do previsto no artigo 4.1 e con instrucións para a súa activación. Así mesmo, informará as familias das condicións de uso.

2. De ser o caso, a tarxeta será recargada coa contía que corresponda na anualidade 2020 en función dos meses que restan ata que o neno ou nena que deu dereito a ela cumpra un ano ou ata que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

3. De atoparse no suposto previsto no artigo 4.2, a tarxeta será recargada ademais nas sucesivas anualidades ata que o neno ou nena cumpra tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos, coas contías e conforme ao procedemento establecido no dito artigo.

4. As tarxetas están sometidas a caducidade e con carácter xeral non poderán ser usadas máis ala do 31 de decembro de 2020, data que se ampliará para as persoas emigrantes retornadas que se atopen no suposto previsto no segundo parágrafo do artigo 7.2 e para as familias con rendas iguais ou inferiores a 22.000 euros. En todo caso a vixencia das tarxetas concedidas ao abeiro desta convocatoria expirará o 31 de decembro de 2022.

5. A Consellería de Política Social conveniará cunha entidade financeira para que colabore na xestión da axuda. Esta entidade terá a consideración de entidade colaboradora de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, estando suxeita ás obrigas sinaladas no artigo 12. Polas características da colaboración a entidade que resulte seleccionada estará exenta de constituír as garantías ás que se refire o artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente a:

a) Comunicar calquera variación que se produza na situación familiar que poida dar lugar á perda da axuda.

b) Responsabilizarse e cumprir as condicións de uso establecidas para a tarxeta benvida e a destinala exclusivamente á finalidade para a que foi concedida.

c) Comunicar a perda, roubo ou extravío da tarxeta á Consellería de Política Social.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. Así mesmo, de acordo co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. No suposto de que o requirimento de información non sexa atendido en prazo impoñeranse multas coercitivas cuxo importe será establecido de xeito proporcional á contía da subvención en función da gravidade do incumprimento.

Artigo 16. Xustificación da subvención

Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.

Artigo 17. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código BS403B, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, no portal da Consellería de Política Social http://politicasocial.xunta.gal, no enderezo de internet http://www.familiasgalegas.org, na Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, no teléfono 012, e no enderezo electrónico tarxetabenvida.familia@xunta.gal.

Artigo 19. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recabados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de Procedementos e Servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/proteccion-datospersoais. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Os datos relativos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil serán comunicados á entidade financeira colaboradora, encargada da carga e recarga das tarxetas coa finalidade de que esta poida tratalos e utilizalos para emitir, estampar e gravar a correspondente tarxeta prepago, así como para a realización das operacións e procesos relativos á activación e xestión desta, incluíndo o envío ao número de teléfono móbil dunha mensaxe SMS informándolle do PIN, da activación e das recargas que, de ser o caso, se efectúen.

A Consellería de Política Social comunicará os datos relativos ao nome, apelidos e número de teléfono móbil á entidade financeira colaboradora, encargada da carga e recarga das tarxetas coa finalidade de que esta poida tratalos e utilizalos para emitir, estampar e gravar a correspondente tarxeta prepago, así como para a realización das operacións e procesos relativos á activación e xestión desta, incluíndo o envío ao número de teléfono móbil de mensaxes SMS informándolle do PIN, da activación e das recargas que, de ser o caso, se efectúen.

Así mesmo haberá intercambio dos datos de identidade da persoa solicitante e do/a cónxuxe ou parella, de ser o caso, entre a Consellería de Política Social e a Consellería de Sanidade para a verificación dos datos de nacemento do/a neno/a, no caso de solicitudes presentadas durante o período de xestación.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:// www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 20. Publicidade

1. As axudas económicas concedidas ao abeiro desta convocatoria non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Por outra parte, transmitirase á Base de Datos Nacional de Subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file