Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2018 Páx. 54967

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 20 de decembro de 2018 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o ano 2019.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, define o marisqueo como o exercicio da actividade extractiva, desenvolvida a pé ou dende embarcación, na zona marítima ou marítimo-terrestre dirixido de modo exclusivo e con artes selectivas e específicas á captura dunha ou varias especies de moluscos, crustáceos, tunicados, equinodermos e outros invertebrados mariños, con fins de comercialización.

En consonancia co anteriormente exposto, o Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños, modificado polo Decreto 237/2002, do 11 de xullo, establece que a extracción de marisco estará suxeita ao Plan Xeral de Explotación Marisqueira aprobado con carácter anual pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (hoxe en día Consellería do Mar).

Nesta orde establécese o réxime necesario para que a explotación marisqueira en Galicia se realice, durante todo o ano, coas garantías dunha boa xestión do recurso.

A través dos plans desenvolvese o sistema de coxestión dos recursos marisqueiros entre a administración e o sector.

O mecanismo de elaboración do Plan xeral permite ás entidades asociativas do sector a participación activa na xestión dos recursos marisqueiros mediante a presentación de plans de explotación para as autorizacións e para as zonas de libre marisqueo nas que procuran unha mellora da explotación con respecto ás normas xerais de libre marisqueo. Adquiren especial relevancia as actividades de semicultivo e rexeneración, control e vixilancia que prevén os plans de explotación, elemento fundamental para a recuperación e mellora das zonas produtivas.

Sen prexuízo do exposto, a administración avalía o réxime de xestión da explotación dos recursos tendo en conta as variables biolóxicas e o estado dos stocks, así como as variables socioeconómicas da xestión e, se procede, introduce as melloras necesarias, co fin de asegurar unha explotación sostible e acadar unha maior rendibilidade económica.

Os plans de explotación son o resultado dun estudo continuado da evolución dos recursos e do hábitat. Moitos dos traballos realizados para a elaboración e desenvolvemento dos plans de explotación achegan información que pode ser encadrada nos descritores e indicadores definidos pola Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña (DMEM) como criterios para definir o bo estado medioambiental.

Os plans de explotación incorporan información estandarizada que pode encadrarse nos descritores 1, 2, 3, 6 e 10 da DMEM. Os resultados da información ambiental do plan de xestión recollida ao longo de toda a costa galega para ser tratada como descritora do estado dos recursos mariños e do medio mariño, confírenlle un gran potencial debido á súa extensión no espazo e á súa continuidade no tempo.

O marisqueo, exercido a través dos plans de explotación, axústase a unha perspectiva sistémica axeitada na medida en que mellora a biodiversidade, fomenta o uso axeitado do territorio, pode contribuír a minorar ou adaptarse ao cambio climático, e se axusta ao concepto de infraestrutura verde (ou azul no caso de medios acuáticos). O marisqueo, a través dos plans de explotación, responde ao concepto de infraestrutura verde na medida en que favorece ou mantén os servizos ecosistémicos, aplica a restauración ecolóxica, e mellora a conectividade.

A orde regula, as solicitudes e prazos dos plans zonais e plans de explotación marisqueira. O desenvolvemento dos plans de explotación marisqueira adoita realizarse mediante autorizacións mensuais das xefaturas territoriais da Consellería do Mar. A experiencia do sector na explotación dos recursos e o seguimento técnico da actividade permite que actualmente están perfectamente delimitados os bancos marisqueiros por especie comercial, se coñezan os niveis de capturas de cada unha, e poda analizarse o resultado do esforzo pesqueiro a que están sometidos ditos bancos.

A xestión do recurso nos plans de explotación vixentes, xunto co seguimento técnico permanente, permite incrementar o período de autorización da actividade marisqueira, polo que se considera oportuno posibilitar o desenvolvemento trimestral dos plans de explotación.

Cando se dean circunstancias de forza maior que dificulten ou impidan o desenvolvemento previsto do plan de explotación, as xefaturas territoriais, competentes para autorizar a actividade extractiva, poderán adaptar as medidas de xestión co obxecto de optimizar o rendemento biolóxico e económico dos bancos marisqueiros.

A Orde regula, así mesmo, e como medida para unha mellor conservación, os períodos autorizados para a extracción dos diferentes crustáceos, tendo en conta os datos científicos dispoñibles.

As medidas de xestión para a explotación da centola, boi e do polbo, desenvolveranse a través de plans de xestión específicos para estas pesqueiras. De igual xeito, o uso do bou de vara e o bou de man para a extracción de moluscos bivalvos autorizarase a través dun plan de xestión para estas modalidades.

As entidades asociativas do sector, no ámbito dos plans de explotación marisqueira, poden reservar zonas nas que as persoas titulares de licenzas marítimas de pesca recreativa podan capturar ata 50 poliquetos ao día, sempre que non interfiran coa actividade marisqueira.

Ás entidades asociativas titulares de plans de explotación, poderán levar a cabo o control destas actuacións, no marco das operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies que están a realizar.

As zonas reservadas polas entidades para esta actividade estarán publicadas na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos, e poderán ser actualizadas durante este ano.

Polo tanto, examinados os plans de explotación remitidos polas entidades, consultadas estas na elaboración das normas relativas ás zonas de libre marisqueo, vistos os informes emitidos polo persoal técnico desta consellería, e de conformidade co disposto no Decreto 423/1993, do 17 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar o conxunto de normas e orientacións destinadas á regular e programar a extracción do marisco para o ano 2019.

2. Tamén é obxecto desta orde regular as solicitudes e prazos para:

a) A presentación dos plans zonais.

b) A presentación dos plans de explotación marisqueira.

3. Os procedementos administrativos regulados nesta orde son os seguintes:

a) Plans de explotación marisqueira (PE 403A).

b) Plans zonais (PE 403C).

c) Autorización de extracción, traslado, sementeira, limpeza en plans específicos de explotación marisqueira (PE 403D).

d) Autorización de extracción, traslado, sementeira, limpeza en plans de explotación para autorizacións ou concesións marisqueiras (PE 403E).

Artigo 2. Plans de explotación en autorizacións marisqueiras

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2019, para as zonas de autorización, presentados polas entidades asociativas do sector, que se relacionan no cadro A. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 6 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. A explotación das autorizacións marisqueiras para as que non se presentaron plans de explotación ou para aquelas nas que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto no artigo 4 para as zonas de libre marisqueo.

Artigo 3. Plans específicos de explotación para as zonas de libre marisqueo

1. Apróbanse os plans de explotación para o ano 2019, para as zonas de libre marisqueo, presentados polas entidades asociativas do sector que se relacionan no cadro B. Os plans de explotación desenvolveranse conforme ao establecido no artigo 6 desta orde e as instrucións que posteriormente se diten, de seren necesarias.

2. A explotación das zonas para as que non se presentaron plans específicos de explotación ou para aquelas nas que se presentaron pero non foron aprobados, rexerase polo disposto no artigo 4 para as zonas de libre marisqueo.

3. Se non existe acordo de reparto da zona de traballo entre os sectores de marisqueo a pé e desde embarcación, as zonas dos dous sectores quedarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar máxima escorada.

Artigo 4. Zonas de libre marisqueo para o ano 2019

1. Como norma xeral, autorízase a extracción de moluscos nas zonas de libre marisqueo, non suxeitas a plan específico, desde o 2 de xaneiro ao 29 de marzo e desde o 1 de outubro ao 31 de decembro.

2. As cotas máximas de captura para as zonas de libre marisqueo na Ría de Arousa serán as recollidas no cadro C, e para o resto das zonas de libre marisqueo serán as recollidas no cadro D. As cotas máximas de captura poderán ser aumentadas ou diminuídas pola dirección xeral competente en materia de marisqueo dependendo do estado do recurso.

3. Para traballar con rastro de vieira ou voandeira (para voandeira, zamburiña, ostra e rabioso) nas zonas de libre marisqueo remitirase a solicitude á dirección xeral competente en materia de marisqueo, cunha anticipación mínima de 10 días á data de inicio da extracción, especificando a relación de embarcacións, especie obxecto de explotación e zonas de traballo, de conformidade co disposto o artigo 155 do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As zonas de traballo dos sectores de marisqueo a pé e dende embarcación nas zonas de libre marisqueo, estarán delimitadas pola liña que une os puntos de cota mareal cero, correspondente coa liña da baixamar máxima escorada.

Artigo 5. Crustáceos

Os períodos autorizados no ano 2019 para a extracción das especies de crustáceos establécense no cadro E.

Artigo 6. O desenvolvemento dos plans de explotación

1. As entidades titulares de plans de explotación aprobados dirixirán as solicitudes para o desenvolvemento da actividade ás xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Mar.

2. As entidades poderán presentar solicitudes para desenvolver a actividade marisqueira durante un período mínimo dun mes e máximo de tres meses. A presentación de solicitudes realizarse de conformidade co artigo 14.

3. Os formularios normalizados aos que se refire o punto anterior correspóndense co anexo IV (PE 403E), para os plans nas autorizacións marisqueiras, e co anexo III (PE 403D), para os plans específicos en zonas de libre marisqueo.

4. A documentación complementaria correspondese coa establecida no artigo 15.1 desta orde.

5. As xefaturas territoriais, de acordo co previsto no plan de explotación, ditarán resolución autorizando as actividades de marisqueo ou denegando a extracción, expresando as datas concretas da actividade, e demais normas necesarias para o desenvolvemento do plan de explotación.

A falta de resolución expresa determinará a autorización presunta da actividade sempre que a solicitude se presentase cunha anticipación mínima de 15 días á data de inicio da actividade, doutra forma considerarase desestimada.

6. O traslado de semente, a limpeza dos bancos marisqueiros, así como as actividades de semicultivo necesarias para a mellora da produción, requirían de autorización e poderán levarse a cabo durante todo o ano, conforme ao establecido no artigo 2.3 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de marisqueo, extracción de algas e cultivos mariños.

Artigo 7. Adaptación das medidas de xestión durante o desenvolvemento do plan

1. As medidas de xestión aprobadas poderán ser adaptadas, mediante orde da consellería, cando se produzan circunstancias de forza maior ou debidamente xustificadas que dificultan ou impidan o desenvolvemento previsto do plan de explotación. Entre estas circunstancias estarían, entre outras, os episodios de biotoxinas, a mortalidade dos recursos ou cambios imprevistos na clasificación das zonas de produción.

2. A Consellería do Mar poderá autorizar a adaptación das medidas dos plans de explotación co obxecto de optimizar o rendemento biolóxico e económico dos bancos marisqueiros.

3. A Consellería do Mar, coas autorizacións da actividade, poderá adaptar as medidas de xestión ás anteditas circunstancias cando exista:

a) Solicitude motivada da entidade titular do plan de xestión avalada por informe do seu técnico.

b) Informe favorable sobre o estado dos recursos emitido polos persoal técnico da consellería.

c) Informe favorable de servizo competente en materia de marisqueo.

Artigo 8. Dos plans zonais

1. A Consellería do Mar poderá adoptar plans zonais, que conterán medidas reguladoras da actividade pesqueira, aplicadas nunha zona e nun período de tempo determinado, que teña por obxecto, entre outros, novas especies, novas artes, modificación ou uso diferente do establecido nos plans de xestión, así como novas medidas de xestión, incluíndo limitación de capturas, capacidade e esforzo pesqueiro, de acordo co establecido no artigo 7.2.a) da Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2. As entidades asociativas do sector dirixirán as solicitudes de plan zonal de marisqueo á dirección xeral competente en materia de marisqueo, cunha anticipación mínima de dous meses á data prevista para o inicio da actividade.

3. A presentación de solicitudes realizarse de conformidade co artigo 14.

4. O formulario normalizado correspóndese co anexo II (PE 403C) desta orde.

5. A documentación complementaria correspondese coa establecida no artigo 15.2 desta orde.

Artigo 9. Emenda da solicitude dos plans zonais

1. A dirección xeral competente en materia de marisqueo, como órgano responsable da tramitación da solicitude, comprobará que reúnen todos os requisitos. En caso contrario, requiriráselles ás entidades para que, nun prazo de 10 días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar a solicitude do plan zonal. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo 1 a aquelas solicitudes que non conteñan como mínimo os aspectos que se indican a continuación, que serán inadmitidas, logo da correspondente resolución:

a) Xustificación e obxectivos do plan zonal.

b) Obxectivos de explotación.

c) Avaliación do recurso realizada e/ou valoracións realizadas sobre o uso e as características dos útiles, equipos e técnicas para o marisqueo.

d) Plan de extracción e comercialización.

e) Plan financeiro.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución das solicitudes presentadas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes de conformidade co disposto no artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 11. Dos plans de explotación

1. As entidades asociativas do sector dirixirán as súas solicitudes á dirección xeral competente en materia de marisqueo antes do 1 de novembro.

2. A presentación de solicitudes deberá realizarse de conformidade co artigo 14.

3. O formulario normalizado ao que se refire o apartado anterior correspóndese co anexo I (PE403A) desta orde.

4. A documentación complementaria correspondese coa establecida no artigo 15.3 desta orde.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. As xefaturas territoriais, como órganos responsables da tramitación da solicitude, comprobarán que reúnen todos os requisitos. En caso contrario, requiriráselles ás entidades para que, nun prazo de 10 días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para avaliar o plan. Se así non o fixeren, considerarase que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo 1 a aquelas solicitudes que non conteñan como mínimo os aspectos que se indican a continuación, que serán inadmitidas, logo da correspondente resolución:

a) Obxectivos de explotación.

b) Avaliación do recurso.

c) Plan de extracción e comercialización.

d) Plan financeiro.

Artigo 13. Aprobación

Os plans de explotación serán aprobados mediante orde da Consellería do Mar, con anterioridade ao inicio do ano.

Artigo 14. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave (https:/sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de desenvolvemento do plan de explotación en zonas de autorización (anexo III-PE 403D) ou de plans específicos de explotación en zonas de libre marisqueo (anexo IV-PE 403E), os datos da explotación anteriores necesarios para o seguimento e xestión dos bancos, de acordo coas indicacións do persoal técnico da consellería responsables de informar a solicitude. Non será necesaria a achega destes datos sempre e cando estean dispoñibles na páxina de seguimento técnico habilitada para a consulta desta información.

2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de plan zonal (anexo II-PE 403C), o plan para o ano correspondente.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude de plan de explotación (anexo I-PE403A), o plan de explotación marisqueira para o ano correspondente, para o cal empregarase o modelo que se pode consultar na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/gl/content/plans-de-xestion-e-biodiversidade).

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electrónicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - Consellería do Mar - coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás Administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade esixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme ao descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais ou páxinas web.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. A estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición adicional terceira. Rastros remolcados

Os rastros remolcados definidos na sección cuarta do capítulo IV do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, só poderán capturar especies acompañantes nunha porcentaxe inferior ao 10 % do peso total das especies obxectivo, sempre e cando non estean sometidas a un plan de explotación aprobado pola Consellería do Mar, cumpran os tamaños mínimos e non estean en veda.

Disposición adicional cuarta. Ampliación do número de embarcacións coa modalidade de marisqueo con vara

En virtude do disposto na disposición adicional terceira da Orde do 26 de outubro de 2004, pola que se regula a alternancia de artes para embarcacións que faenen en augas da Comunidade Autónoma de Galicia, e durante a vixencia desta orde, naqueles plans de explotación nos que os datos resultantes do seguimento da explotación, a situación social do sector e os estudos sobre o estado dos recursos así o permitan, poderase incrementar o número de embarcacións coa modalidade de marisqueo con vara, sen prexuízo das limitacións e condicións establecidas para cada un dos plans de explotación.

O incremento dos/das participantes aprobados/as nos plans de explotación de marisqueo con vara realizarase segundo a resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro do 22 de outubro de 2013 pola que se aproba o baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión, e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión.

Disposición adicional quinta. Permisos de explotación

Segundo o disposto no artigo 2.1 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, a extracción de marisco e a recolección de algas en augas da Comunidade Autónoma de Galicia só poderá ser exercida polas persoas e embarcacións que estean en posesión do preceptivo permiso de explotación, e non serán recoñecidas como válidas aquelas autorizacións emitidas polas propias entidades.

Disposición adicional sexta. A extracción de marisco nas vésperas de festivos

Con carácter xeral, autorízase a extracción de marisco nas vésperas de festivos durante todo o ano 2019, sempre e cando o estado dos recursos o permita.

Disposición adicional sétima. Extracción de mexillón silvestre

1. Prohíbese durante todo o ano a extracción de mexillón silvestre en todo o litoral galego, agás resolución expresa da dirección xeral competente en materia de marisqueo.

2. No marco dos plans de explotación poderá autorizarse a extracción de mexillón silvestre cando a súa proliferación provoque efectos adversos na produción marisqueira e sempre que proceda de accións de mellora, acondicionamento ou recuperación de bancos marisqueiros.

Disposición adicional oitava. Zonas de extracción de poliquetos por persoas titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie

Dentro do ámbito dos plans de explotación marisqueira poden contemplarse zonas para que as persoas titulares de licenza de pesca marítima de recreo en superficie podan capturar un máximo de 50 poliquetos/día, sen interferir coa actividade extractiva.

Na páxina web https://www.pescadegalicia.gal/gl/poliquetos publicaranse as zonas que as entidades asociativas do sector titulares de plans de explotación marisqueira, de ser o caso, reservarán para a extracción de poliquetos para pesca marítima de recreo en superficie.

Disposición derradeira primeira. Consulta dos plans de explotación

Os plans de explotación presentados polas entidades que serviron de base para esta Orde estarán dispoñibles nos servizos centrais, xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Mar, así como na sede das entidades responsables destes.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Autorízase á persoa titular da dirección xeral competente en materia de marisqueo para o desenvolvemento desta orde e que, co obxecto da mellora da xestión dos recursos e na procura dunha explotación sostible destes, adopte as medidas de xestión necesarias en función do estado dos recursos e dos informes emitidos polo persoal técnico.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file