Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2018 Páx. 55052

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO do Anuncio do 28 de decembro de 2018 polo que se convocan seis bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

BDNS (Identif.): 431451.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas que teña a condición de ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar, mediante empadroamento, residencia en Galicia alo menos dende os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

Segundo. Obxecto

Convocar cinco bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea:

a) Tres bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios dende unha perspectiva galega.

Unha delas desenvolveranse na oficina da Fundación Galicia Europa (en adiante FGE) en Santiago de Compostela e dúas na oficina de Bruxelas.

b) Dúas bolsas destinadas a persoas cun título universitario para á súa formación en comunicación das políticas comunitarias e da participación galega en asuntos europeos.

Unha delas desenvolveranse na oficina da FGE en Santiago de Compostela e a outra na oficina de Bruxelas.

c) Unha bolsa destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo con destino na oficina de Bruxelas.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario o cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (código de procedemento PR770N).

Cuarto. Importe

O importe total destas bolsas é de 87.117,28 €.

O importe total de cada bolsa distribuirase do seguinte xeito:

a) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 12.050 €.

– Seguridade Social: 422,88 €.

b) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 14.620 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao bolseiro): 500 €.

– Seguridade Social: 422,88 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa