Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 31 de decembro de 2018 Páx. 55047

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

ANUNCIO do 28 de decembro de 2018 polo que se convocan seis bolsas para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

O 20 de decembro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea.

Segundo o establecido no artigo 15 dos Estatutos da Fundación Galicia Europa, en ausencia do presidente da Fundación corresponde ao Vicepresidente asinar as convocatorias públicas das axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación.

Á vista do anteriormente exposto

DISPOÑO:

Primeiro. Convocatoria

Convocar cinco bolsas dirixidas a persoas cun título universitario e unha dirixida a persoas cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea, de conformidade coas bases reguladoras establecidas no anexo I da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa a conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario ou cun título de técnico superior de formación profesional, para a realización de prácticas en asuntos relacionados coa Unión Europea (en adiante bases reguladoras).

Segundo. Duración, número, modalidades e lugar de realización das bolsas

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración de 11 meses.

2. Número, modalidades e lugar de realización das bolsas.

a) Tres bolsas destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios dende unha perspectiva galega.

Unha delas desenvolveranse na oficina da Fundación Galicia Europa (en adiante FGE) en Santiago de Compostela e dúas na oficina de Bruxelas.

b) Dúas bolsas destinadas a persoas cun título universitario para á súa formación en comunicación das políticas comunitarias e da participación galega en asuntos europeos.

Unha delas desenvolveranse na oficina da FGE en Santiago de Compostela e a outra na oficina de Bruxelas.

c) Unha bolsa destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo con destino na oficina de Bruxelas.

Terceiro. Contía e financiamento das bolsas

1. O importe total destas bolsas é de 87.117,28 € coa seguinte distribución:

a) Retribucións brutas e axudas de desprazamento para gastos de viaxe (pagamentos aos bolseiros): 84.580,00 €.

b) Seguridade social: 2.537,28 €, en cumprimento do establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

2. O importe total de cada bolsa distribuirase do seguinte xeito:

a) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Santiago de Compostela:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 12.050 €.

– Seguridade Social: 422,88 €.

b) Para as bolsas con destino na oficina da FGE en Bruxelas:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 14.620 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao bolseiro): 500 €.

– Seguridade Social: 422,88 €.

3. O financiamento destas bolsas enmárcanse na epígrafe «Gastos por axudas e outros, axudas monetarias», con cargo á conta 65001, «Axudas monetarias individuais», na que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da FGE coa seguinte distribución:

Conta

2019

2020

Total

65001

79.379,35

7.737,93

87.117,28

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gastos.

A concesión das bolsas quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

A tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento inmediatamente anterior á disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta convocatoria enténdense condicionados a que unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Cuarto. Requisitos dos beneficiarios e presentación de solicitudes

1. Para poder ser beneficiario da bolsa deberá cumprir os requisitos establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

2. As solicitudes presentaranse de acordo co procedemento establecido no artigo 6 das bases reguladoras

3. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a documentación a que fai referencia o artigo 7 das bases reguladoras.

4. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será o establecido no artigo 8 das bases reguladoras.

Quinto. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo (PR770N) poderase obter información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

b) Na páxina web da Fundación Galicia Europa:

http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

c) No enderezo electrónico: santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu ou bruselas@fundaciongaliciaeuropa.eu

d) No teléfono: 981 54 10 12 ou +32 (0) 27 35 54 40.

e) Persoalmente no enderezo da Fundación Galicia Europa:

En Santiago de Compostela: rúa do Hórreo, 61.

En Bruxelas: Rue de la Loi / Wetstraat, 38 - 2°, bte. 2.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou de carácter xeral, poderán facer as súas consultas no teléfono de información da Xunta de Galicia 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es.

Sexto. Xustificación e pagamento das bolsas

1. As axudas de desprazamento serán aboados con anterioridade á primeira mensualidade das retribucións brutas, teñen a consideración de pagamentos anticipados e non esixen a constitución de garantías de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Estes desprazamentos xustificaranse no prazo dun mes dende a súa realización e acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa.

2. As retribucións brutas aboaranse en 11 mensualidades ao final de cada mes pola parte proporcional que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da seguridade social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

A xustificación debe presentarse con carácter previo aos pagamentos mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha declaración responsable da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

b) Unha declaración responsable de que están ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Os informes que xustifiquen a actividade realizada durante o mes.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa