Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 3 de xaneiro de 2019 Páx. 288

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 17 de decembro de 2018 pola que se ordena a publicación da addenda ao concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde, para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias.

O artigo 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade establece que no marco da planificación asistencial e docente das administracións públicas, as universidades e as institucións sanitarias poderán establecer, a través do réxime de concertos, a vinculación de determinadas prazas asistenciais da institución con prazas dos corpos docentes universitarios.

Mediante o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, establécense as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias.

En data 20 de abril de 2001, o presidente da Xunta de Galicia, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente do Servizo Galego de Saúde subscribiron o concerto para a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde na docencia e investigación universitarias e na asistencia sanitaria, en cumprimento do mandato contido na disposición adicional sexta da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria e nos artigos 104 e 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril.

Ao devandito concerto déuselle publicidade a través da Orde do 18 de xuño de 2001 pola que se ordena a publicación do concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde.

A necesidade de cubrir as prazas das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde vinculadas no anexo II do concerto que co transcurso do tempo quedaron ou quedarán vacantes nos próximos anos fai necesaria unha modificación nas súas especificacións, logo de acordo da comisión mixta que se prevé no dito concerto.

Ao abeiro do anterior, con data 2 de novembro de 2018, o presidente da Xunta de Galicia, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente do Servizo Galego de Saúde subscribiron a addenda ao concerto para a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde na docencia e investigación universitarias e a asistencia sanitaria.

Procede, de acordo co contido da propia addenda, ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento. Así, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

ACORDO:

Ordenar a publicación da addenda ao concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde, para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitarias.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

Addenda ao concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela
e o Servizo Galego de Saúde, para a utilización das institucións sanitarias
na investigación e docencia universitarias

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018.

O artigo 105 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade establece que no marco da planificación asistencial e docente das administracións públicas, as universidades e as institucións sanitarias poderán establecer, a través do réxime de concertos, a vinculación de determinadas prazas asistenciais da institución con prazas dos corpos docentes universitarios.

Mediante o Real decreto 1558/1986, do 28 de xuño, establécense as bases xerais do réxime de concertos entre as universidades e as institucións sanitarias. Ao abeiro do citado real decreto, o 20 de abril de 2001, o presidente da Xunta de Galicia, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela e o presidente do Servizo Galego de Saúde subscribiron o concerto para a colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde na docencia e investigación universitarias e na asistencia sanitaria.

O referido concerto, ao que se lle deu publicidade a través da Orde do 18 de xuño de 2001, establece no seu anexo II as prazas das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde que quedaron vinculadas naquel momento con prazas dos corpos docentes da Universidade de Santiago de Compostela. Porén, nas prazas vinculadas que se relacionan nese anexo II producíronse e produciranse nos próximos anos vacantes, xa sexa por xubilación ou por outras circunstancias, sen prexuízo da existencia de prazas de nova creación.

En consecuencia, considérase preciso arbitrar un mecanismo que permita a cobertura das prazas vacantes de xeito inmediato cando sexa necesario para garantir o cumprimento dos obxectivos asistenciais, docentes e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde. En consecuencia, cómpre clarificar no concerto, a través dunhas bases xerais, o proceso para a provisión temporal destas prazas, a través da figura da comisión de servizos, ata que as dúas administracións convoquen o concurso de acceso para a provisión definitiva das devanditas prazas conforme o procedemento establecido no Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, polo que se regula o réxime dos concursos de acceso a corpos docentes universitarios.

Este proceso de provisión temporal permitirá tamén cubrir de xeito temporal as prazas vinculadas de nova creación ata a súa cobertura definitiva mediante concurso, e deberá axustarse a provisión temporal de todas as prazas vinculadas ás bases xerais que se establecen na presente addenda.

Polo exposto, as partes intervenientes

ACORDAN:

Cláusula primeira. Engadir un punto seis á base décima do concerto, co seguinte teor literal:

«6. O Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela poderán realizar convocatorias para a cobertura temporal en comisión de servizos de prazas vinculadas, tanto vacantes como de nova creación. Esta convocatoria será efectuada conxuntamente polo Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Santiago de Compostela, a proposta da comisión mixta que contempla a base quinta, e será asinada polo/a reitor/a da Universidade.

Para a selección das persoas empregadas públicas que vaian ocupar de xeito temporal as prazas vinculadas que se oferten en cada convocatoria, as persoas aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos específicos:

– Estar en posesión do título oficial de especialista que corresponda á praza convocada.

– Pertencer aos corpos docentes universitarios de profesores/as titulares de universidade ou catedráticos/as de universidade e estar en servizo activo.

No proceso de provisión temporal valoraranse os méritos asistenciais e docentes que se especifiquen na convocatoria.

As convocatorias publicaranse no taboleiro de anuncios electrónico da Universidade de Santiago de Compostela e tamén serán publicadas pola Xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela nos seus taboleiros de anuncios, así como nas páxinas web que se considere oportuno, co fin de darlles a maior difusión.

Para valorar os méritos dos/das solicitantes e realizar a correspondente proposta de selección para a adscrición temporal e posterior nomeamento provisional na praza vinculada, constituirase unha comisión de valoración, composta por dúas persoas representantes da Universidade de Santiago de Compostela, das cales unha actuará como secretaria, e por unha persoa representante designada do Servizo Galego de Saúde por proposta do xerente do organismo. O nomeamento dos membros da comisión de valoración efectuarase na correspondente convocatoria.

O período de cobertura das prazas vacantes mediante este sistema non poderá exceder dun curso académico, prorrogable por outro curso adicional. Cunha antelación mínima de seis meses ao remate da cobertura temporal das prazas, a comisión mixta analizará se persisten as necesidades docentes e asistenciais, para os efectos de proceder, en función da dita análise, á cobertura definitiva das vacantes. Esta decisión deberá ser aprobada polos órganos de goberno correspondentes.

As persoas candidatas seleccionadas para ocupar temporalmente as prazas vinculadas estarán en situación de servizo activo e manterán a reserva do seu posto de traballo, ao que retornarán en calquera momento en caso de producirse a revogación da adscrición temporal regulada neste acordo ou ben, se fora o caso, con ocasión da provisión definitiva da praza vinculada polo procedemento legalmente establecido.

As persoas designadas para cubrir temporalmente estes postos terán todos os dereitos e deberes inherentes ao persoal vinculado.

O procedemento establecido neste acordo é de aplicación a todas as prazas vacantes que existen na actualidade».

Cláusula segunda. As coberturas temporais que na actualidade existen manteranse ata a resolución da convocatoria do correspondente concurso para a provisión definitiva, que deberá producirse en todo caso antes de que transcorran dous cursos académicos contados desde a aprobación desta addenda.

Cláusula terceira. Esta addenda entrará en vigor na data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, logo de aprobación polos órganos de goberno da Universidade de Santiago de Compostela e do Servizo Galego de Saúde.

E para que conste para os efectos oportunos fírmase este acordo de addenda, por triplicado exemplar, en todas as súas páxinas, no lugar e data que figuran na cabeceira.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde