Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 3 de xaneiro de 2019 Páx. 293

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade á solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria.

As asociacións de viticultores e os elaboradores de viño da indicación xeográfica protexida Barbanza e Iria presentaron o pasado día 17.7.2018 unha solicitude de modificación da normativa que rexe a produción destes viños.

A solicitude de modificación implica o aumento do rendemento máximo por hectárea permitido para as uvas de variedades brancas e a inclusión dunha nova variedade, a Merenzao. Tamén afecta os límites máximos de dous parámetros analíticos, en concreto á acidez volátil e ao contido en anhídrido sulfuroso. Estes cambios no prego de condicións terían a consideración de modificación de menor importancia, de acordo co artigo 20.4 do Regulamento (CE) núm. 607/2009, da Comisión, do 14 de xullo de 2009, polo que se establecen determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 479/2008 do Consello no que atinxe ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, aos termos tradicionais, á etiquetaxe e á presentación de determinados produtos vitivinícolas.

Polo que se refire ao rendemento por hectárea das variedades brancas, que pasa de 10.000 a 12.000 kg, este aumento xustifícase en que a experiencia dos últimos anos demostra que son un número importante as parcelas que son capaces de proporcionar rendementos superiores aos agora admitidos sen diminución da calidade do viño obtido.

No que se refire á inclusión da variedade Merenzao, trátase dunha variedade presente na zona aínda que en cantidades pequenas. É unha uva de cultivo tradicional en Galicia aínda que escasa debido aos seus baixos rendementos e á súa sensibilidade á podremia. Ao tratarse dunha variedade de ciclo curto adáptase ben ao medio natural desta indicación xeográfica, onde madura de maneira axeitada e permite lograr mostos de gran calidade.

Polo que se refire á acidez volátil e ao contido de sulfuroso, no prego de condicións vixente establécense uns límites para estes dous parámetros demasiado restritivos, que deixan fóra produtos con adecuadas características organolépticas e que responden á tipicidade dos viños de Barbanza e Iria.

Así, no que se refire á acidez volátil, no prego de condicións actual o seu límite máximo fíxase en 0,80 g/l de ácido acético para todos os viños, cando o olfacto humano ten o limiar de sensibilidade para detectar esta acidez en valores algo superiores. Por iso proponse incrementar lixeiramente este límite ata os 0,9 g/l para os viños do ano e ata os 1,0 g/l de ácido acético no caso dos viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento.

Polo que respecta ao contido en anhídrido sulfuroso, os límites que se fixan no prego de condicións vixente son 125 mg/l para os viños monovarietais e 150 mg/l para o resto dos viños. Nos últimos anos, e cada vez máis, estanse a comercializar viños desta indicación xeográfica cun maior envellecemento. Son viños que teñen un maior tempo de crianza e que, por tanto, están durante moito máis tempo expostos a riscos oxidativos. Para estes viños os límites actuais quedan en ocasións curtos, o que provoca que queden sen o amparo da indicación xeográfica viños con moi boas calidades organolépticas e que cumpren co límite legal máximo para este parámetro. Por iso proponse elevar o límite máximo de anhídrido sulfuroso ata 175 mg/l para os viños brancos e ata 150 mg/l para os tintos.

Estes cambios afectan tanto ao prego de condicións como ao documento único que serviron de base para a inscrición da indicación xeográfica no rexistro europeo. Por iso, a solicitude de modificación debe someterse a un proceso preliminar de publicidade para eventuais oposicións no Estado membro antes da súa tramitación aos servizos da Comisión Europea. Así o recolle o Regulamento (UE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, que establece que os procedementos nacionais de oposición deben garantir unha publicación adecuada da solicitude e fixar un prazo mínimo de dous meses desde a data da publicación durante o cal, calquera persoa física ou xurídica que posúa un interese lexítimo e resida ou estea establecida no seu territorio, poida impugnar a modificación proposta coa presentación dunha declaración debidamente motivada.

A normativa estatal reguladora desta materia é o Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas, modificado polo Real decreto 149/2014, do 7 de marzo. De acordo co artigo 8.6 desta disposición, unha vez comprobado que a solicitude cumpre os requisitos establecidos na normativa reguladora, debe darse publicidade desta mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, para o inicio do prazo de presentación de eventuais oposicións. A publicación deberá incluír o enderezo da páxina web oficial onde se atoparán o novo prego de condicións e o documento único. Para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas cuxo ámbito abarca máis dunha comunidade autónoma, e que polo tanto son da competencia da Administración Xeral do Estado, o devandito real decreto fixou un período de oposición de dous meses, pero non fixou prazo para as de ámbito autonómico, por ser competencia das comunidades autónomas.

Por último, a normativa reguladora da materia no ámbito autonómico é o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Este decreto establece un procedemento para a publicidade e oposición no relativo a solicitudes de inscrición de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas, e tamén para as modificacións dos pregos de condicións das existentes, pero limitado aos produtos alimentarios, xa que no momento da súa aprobación, para as denominacións de orixe e indicacións xeográficas vitivinícolas aínda non era de aplicación a normativa europea que exixe este trámite. O período para a presentación de oposicións que establece no caso das devanditas denominacións de orixe e indicacións xeográficas do ámbito alimentario é de dous meses.

De acordo co artigo 30.I.4 do Estatuto de Autonomía de Galicia, esta Comunidade Autónoma ten a competencia exclusiva, en colaboración co Estado, en materia de denominacións de orixe. A dita competencia, para os produtos de orixe agraria, exércea a Consellería do Medio Rural a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, de acordo co que se establece no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da devandita consellería.

Por todo o anterior, cumpridos os preceptivos trámites regulamentarios e vistas as disposicións citadas,

RESOLVO:

Ter por comprobada a documentación e continuar o procedemento de tramitación da solicitude de modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida «Barbanza e Iria», e dar publicidade á devandita solicitude mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia do documento único onde se recolle o resumo dos datos do prego de condicións. O devandito documento único, que figura como anexo desta resolución, inclúe un vínculo á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se atopa o texto íntegro do dito prego de condicións, no cal figuran sinalados os cambios respecto da versión vixente.

Tamén se dará publicidade da solicitude mediante un anuncio no Boletín Oficial del Estado, que incluirá os vínculos á páxina web da Consellería do Medio Rural onde se poderá atopar o contido do prego de condicións e do documento único.

Desde o día seguinte ao da publicación máis tardía de ambas iniciarase o cómputo dun prazo de dous meses para que calquera persoa, física ou xurídica, que estea establecida ou resida legalmente en España, cuxos lexítimos intereses considere afectados, poida opoñerse ao rexistro da devandita modificación mediante a correspondente declaración de oposición, dirixida á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, da Consellería do Medio Rural (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Consellería do Medio Rural, de conformidade co previsto nos artigos 115, 120 e 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO

Indicación xeográfica protexida (IXP) Barbanza e Iria
Documento único

1. Nome e tipo.

a) Denominación que debe rexistrarse: Barbanza e Iria.

b) Tipo de indicación xeográfica: IXP-Indicación xeográfica protexida.

2. Categorías de produtos vitícolas.

1. Viño.

3. Descrición dos viños.

a) Viños brancos e tintos e viños monovarietais.

– Breve descrición textual.

Viños lixeiros, limpos, brillantes e ben cubertos de cor en fase visual; con aromas francos nos cales se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con gradacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas; en boca serán suaves, frescos, saborosos e equilibrados e, finalmente, con pequenos toques de acidez.

– Características analíticas xerais:

• Grao alcohólico volumétrico total máximo (en % vol.): non se define.

• Grao alcohólico volumétrico adquirido mínimo (en % vol.): 10 % vol. (en viños monovarietais, 11 % vol.).

• Acidez total mínima (en gramos/litro de ácido tartárico): 5 g/l.

• Acidez volátil máxima (en miliequivalentes/litro de ácido acético): 15 meq/l (excepto para viños que se comercialicen con polo menos un ano de envellecemento, nese caso este límite de acidez volátil será de 16,66 meq/l).

• Contido máximo total en anhídrido sulfuroso (en mg/l): 175 mg/l para os viños brancos e 150 mg/l para os viños tintos.

4. Prácticas vitivinícolas.

a) Prácticas enolóxicas esenciais.

• O rendemento na extracción do mosto e a súa separación dos bagazos non será superior a 67 litros de mosto por cada 100 kg de uva.

b) Rendemento máximo.

Variedades brancas.

• 12.000 quilogramos de uvas por hectárea.

• 80,40 hectolitros por hectárea.

Variedades tintas.

• 8.000 quilogramos de uvas por hectárea.

• 53,60 hectolitros por hectárea.

5. Zona delimitada.

A totalidade dos termos municipais de Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra do Caramiñal, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, e Valga, así como parte dos termos municipais de Lousame, Padrón e Porto do Son, todos eles na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Principais uvas de vinificación.

• Albariño.

7. Descrición do vínculo.

Os viños son reflexo das condicións termopluviométricas e agronómicas, e do factor humano, que se concreta no adecuado axuste varietal (utilízanse maioritariamente variedades autóctonas), a elección dos mellores solos (francos, profundos e permeables, característicos desta área xeográfica) e as correctas prácticas culturais, entre as que destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola. Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.

8. Outras condicións esenciais.

a) Envasado na zona delimitada.

• O envasado terá lugar na zona xeográfica delimitada.

b) Disposicións adicionais relativas á etiquetaxe.

• Todas as botellas levarán unha contraetiqueta numerada que incluirá o logotipo da indicación xeográfica.

Referencia á publicación do prego de condicións:

http://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/tramitacion/IGP_BARBANZA_e_IRIA_Pliego_de_condiciones_CCC_NOV_2018.pdf