Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2019 Páx. 1441

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que convocan para o ano 2019, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

O 12 de febreiro de 2015 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, inclúe no seu eixe 3º un programa específico, tendente a paliar os efectos dos desafiuzamentos por non pagamento das rendas de vivendas alugadas, como é o bono de alugueiro social.

O 7 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2019 habilítanse créditos para o financiamento da axuda do bono de alugueiro social.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o ano 2019, con financiamento plurianual, que se tramitarán cos códigos de procedemento VI482A e VI482B.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 7 de xaneiro de 2019.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2019, 2020, 2021, 2022, 2023, faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2019

07.83.451B.480.3

880.000 €

2020

07.83.451B.480.3

800.000 €

2021

07.83.451B.480.3

800.000 €

2022

07.83.451B.480.3

800.000 €

2023

07.83.451B.480.3

600.000 €

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as previstas no artigo 2 das bases reguladoras, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das citadas bases.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das prórrogas extraordinarias previstas no artigo 6.2 das bases reguladoras aquelas persoas que finalizasen o período máximo ordinario de desfrute das axudas deste programa no ano 2018 ou durante o ano 2019.

Quinto. Límites máximos de ingresos e valor do IPREM para a concesión das axudas

1. Os límites máximos de ingresos das solicitudes, tanto iniciais como das prórrogas, calcularanse tomando como base do cálculo a contía do IPREM anual en 14 pagas para o ano 2018 (7.519,59 €) multiplicado por 1,5.

Esta contía dividirase polos seguintes factores de ponderación en función do número de persoas que integren a unidade de convivencia:

• Familias dun membro: 1,25.

• Familias de dous membros: 0,90.

• Familias de tres membros: 0,80.

• Familias de catro membros: 0,70.

• Familias de cinco ou máis membros: 0,60.

Obtendo como resultado os valores que figuran no seguinte cadro:

Nº de membros da unidade de convivencia

Límites máximos de ingresos

(1,5 veces IPREM 2018 en 14 pagas ponderado. Valores mensuais)

1

751,96 €

2

1.044,39 €

3

1.174,94 €

4

1.342,78 €

5 ou máis

1.566,58 €

2. Ás unidades familiares en que algún dos seus membros sexa unha persoa con discapacidade, nas condicións establecidas na normativa reguladora do IRPF, aplicaráselles o límite máximo de ingresos do tramo seguinte ao que lles correspondese, segundo o número de persoas que a integren.

No caso de mulleres xestantes, o/a fillo/a ou fillos/as concibido/s e non nado/s contará/n como membro/s da unidade familiar. Igual tratamento terá a acreditación de adopción en trámite.

3. No caso de que as axudas se soliciten por unha unidade de convivencia composta por máis dunha unidade familiar, os ingresos de cada unidade familiar, computados conforme o parágrafo primeiro, sumaranse e o resultado deberá estar comprendido dentro do límite máximo de ingresos para acceder a este programa.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 13 de decembro de 2019.

2. As persoas beneficiarias deste programa e que non perderan o dereito mediante a oportuna resolución, poderán solicitar a prórroga ordinaria ou, de ser o caso, extraordinaria, dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, das prórrogas que estea percibindo, coa excepción sinalada no parágrafo seguinte.

3. As persoas que xa tivesen desfrutado os períodos ordinarios da axuda durante tres anos, á data da publicación desta convocatoria, poderán solicitar a prórroga extraordinaria no prazo de dous (2) meses, contados desde a publicación desta resolución.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión inicial realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482A). As solicitudes de concesión de prórroga realizaranse mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo VI a esta resolución, debidamente cuberto (código de procedemento VI482B). As solicitudes deberán dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude de concesión inicial a persoa solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade e o seu importe.

c) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningún outro membro da súa unidade de convivencia ten no territorio nacional unha vivenda en propiedade ou en usufruto, agás os supostos exceptuados no artigo 3.1.g) das bases reguladoras.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa da unidade de convivencia ten vínculo de matrimonio ou relación estable análoga coa persoa arrendadora. Así mesmo, que non exista vínculo de parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata segundo grao, coa persoa arrendadora da vivenda ou con calquera dos socios ou partícipes da persoa xurídica arrendadora, de ser o caso.

e) Compromiso de presentar a documentación acreditativa do pagamento de parte do alugamento dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes.

f) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

g) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

h) Declaración de que todos os datos da solicitude e dos documentos que se achegan son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude de axuda inicial, anexo I, deberase achegar a seguinte documentación (código de procedemento VI482A):

a) Documento acreditativo da representación da persoa que actúe como representante, de ser o caso.

b) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia, distintos da persoa solicitante.

No caso de que unha unidade de convivencia estea composta por máis dunha unidade familiar, deberase cubrir un anexo II por cada unha delas.

c) Anexo III, de compromiso das persoas asinantes do contrato de arrendamento de someterse ás condicións do Programa de bono de alugueiro social. Neste anexo indicarase tanto o número de conta bancaria de titularidade da persoa arrendadora en que se realizará o ingreso da subvención mensual do bono de alugueiro social, como o número de conta da persoa arrendataria en que se realizará o ingreso, de ser o caso, da axuda complementaria.

d) Informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, co contido recollido no anexo IV, podendo utilizarse para tal efecto o citado anexo.

e) Contrato de arrendamento da vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

No caso de non ter formalizado o contrato no momento de presentación da solicitude, deberase presentar na correspondente área provincial do IGVS no prazo de dous (2) meses, contados desde a notificación da resolución de concesión da axuda, acompañado do certificado de empadroamento das persoas que integran a unidade de convivencia nesa vivenda e do anexo III, referido no punto c) deste ordinal.

f) Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos tres meses anteriores á data da presentación da solicitude.

g) No caso de nai xestante, certificado médico ou documentación que acredite o citado estado.

h) Se é o caso, certificado acreditativo da situación de adopción en trámite.

i) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia, no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

j) No caso de persoas afectadas por un procedemento de desafiuzamento por non pagamento de rendas, deberase achegar a copia da demanda interposta.

k) No caso de vítimas de violencia de xénero, para os efectos de acreditar esta condición, deberase presentar algún dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e /ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

4º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

5º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

6º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

l) No caso das persoas privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, deberanse achegar os seguintes documentos:

– Título que acredite a súa condición de persoa propietaria ou usufrutuaria da vivenda afectada polos danos.

– Memoria que acredite a inhabitabilidade da vivenda polos danos sufridos.

– Reportaxe fotográfica onde se reflictan os danos sufridos pola vivenda.

2. A documentación complementaria necesaria para acompañar a solicitude de prórroga da axuda, anexo VI, é a prevista no artigo 9 da Orde do 18 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Para estes efectos, xunto con esta convocatoria, publícanse os seguintes modelos:

a) Anexo II, de comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia.

b) Anexo IV, modelo de informe dos servizos sociais do concello en que está empadroada a persoa solicitante, en que se faga constar que subsisten as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como os ingresos da unidade de convivencia dos tres meses anteriores á data da solicitude de prórroga.

c) Anexo V, de declaración da persoa arrendadora da vivenda de que a persoa arrendataria non ten ningunha reclamación pendente por non pagamento das rendas e/ou subministracións.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante, das persoas que integran a unidade de convivencia que figuran no anexo II e da persoa arrendadora que figura no anexo III.

b) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira.

c) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, no caso de cambio de domicilio durante a vixencia do contrato, e das persoas que figuran no anexo II.

d) Certificacións da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT), da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia e que figuran no anexo II.

e) Datos catastrais correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a súa unidade de convivencia.

f) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro onde conste que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da unidade de convivencia teñen en usufruto ou en propiedade outra vivenda en territorio español.

g) Certificado acreditativo de discapacidade, no caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas que figuran no anexo II, faga constar na solicitude que lle é de aplicación esta circunstancia, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia. No suposto de non tratarse dun documento expedido pola Xunta de Galicia deberase presentar a correspondente documentación.

2. No caso de que a persoa solicitante e, de ser o caso, a persoa representante, os demais membros da unidade de convivencia ou a persoa arrendadora se opoñan expresamente a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I, anexo II e no anexo III, respectivamente, e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Xustificación da subvención

A xustificación da concesión da subvención realizarase segundo o establecido nas bases reguladoras.

Décimo segundo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceiro. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Décimo cuarto. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file