Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2019 Páx. 1467

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que convocan para o ano 2019, con financiamento plurianual, as subvencións do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020.

BDNS (Identif.): 433091.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias deste programa as previstas no artigo 2 das bases reguladoras, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 3 das citadas bases.

2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias das prórrogas extraordinarias previstas no artigo 6.2 das bases reguladoras aquelas persoas que finalizasen o período máximo ordinario de desfrute das axudas deste programa no ano 2018 ou durante o ano 2019.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas do Programa do bono de alugueiro social do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o ano 2019, con financiamento plurianual, que se tramitarán cos códigos de procedemento VI482A e VI482B.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 7 de xaneiro de 2019.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria correspondentes aos exercicios 2019, 2020, 2021, 2022, 2023, faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade

Aplicación orzamentaria

Importe

2019

07.83.451B.480.3

880.000 €

2020

07.83.451B.480.3

800.000 €

2021

07.83.451B.480.3

800.000 €

2022

07.83.451B.480.3

800.000 €

2023

07.83.451B.480.3

600.000 €

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Importe

1. O importe mensual desta axuda terá as seguintes contías:

– 225 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 5.1.a) das bases reguladoras.

– 200 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 5.1.b) das bases reguladoras.

– 175 euros mensuais para os contratos relativos a vivendas situadas nos concellos a que se refire o artigo 5.1.c) das bases reguladoras.

2. Ademais, poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para os efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 13 de decembro de 2019.

2. As persoas beneficiarias deste programa e que non perdesen o dereito mediante a oportuna resolución, poderán solicitar a prórroga ordinaria ou, de ser o caso, extraordinaria, dentro dos dous meses anteriores á data de remate da concesión inicial ou, de ser o caso, das prórrogas que estea percibindo, coa excepción sinalada no parágrafo seguinte.

3. As persoas que xa tivesen desfrutado os períodos ordinarios da axuda durante tres anos, á data da publicación desta convocatoria, poderán solicitar a prórroga extraordinaria no prazo de dous (2) meses, contados desde a publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo