Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2019 Páx. 1847

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se realiza a súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 432144.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, ben individualmente ben mediante unha agrupación de entidades:

– Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento.

– Universidades.

– Empresas e organizacións empresariais.

– Sindicatos.

– Comunidades galegas no exterior.

– Outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

Non se considerarán agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación a que pertenza a dita entidade, ou aquelas nas cales os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

Segundo. Obxecto

Estas bases regulan a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación (procedemento PR803D).

Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a acción humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se realiza a súa convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un crédito total de 3.500.000 €, de acordo coa seguinte distribución:

– Para proxectos no exterior de ONGD, por un importe total de 2.800.000,00 € (1.120.000 € no ano 2019 e 1.680.000 € no ano 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0, por un importe total de 2.100.000,00 € (840.000,00 € no ano 2019 e 1.260.000,00 € no ano 2020), e á aplicación 05.26.331A.790.0, por un importe total de 700.000,00 € (280.000,00 € no ano 2019 e 420.000,00 € no ano 2020).

– Para proxectos no exterior dos outros axentes, por un importe total de 700.000 € (280.000 € no ano 2019 e 420.000 € no ano 2020), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.26.331A.490.0, por un importe total de 400.000,00 € (160.000,00 € no ano 2019 e 240.000,00 € no ano 2020), e á aplicación 05.26.331A.790.0, por un importe total de 300.000,00 € (120.000,00 € no ano 2019 e 180.000,00 € no ano 2020).

O importe máximo que se poderá financiar será dun 95 % do orzamento total do proxecto e non superará en ningún caso a subvención concedida os 175.000 € para proxectos plurianuais. Para proxectos que se executen só durante o ano 2019, a subvención máxima concedida será de 60.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades en agrupación, a subvención concedida non superará o límite dos 225.000 €. Para proxectos en agrupación que se executen só durante o ano 2019, a subvención máxima concedida será de 100.000 €.

A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase da seguinte maneira: o 40 % no ano 2019 e o 60 % no ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza