Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2019 Páx. 2160

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de decembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Garabulla e outros, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán, na parroquia de Guillán, do concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 8 de novembro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Garabulla e outros a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán, na parroquia de Guillán, do concello de Vilagarcía de Arousa, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 21.5.2008, Belén Raposo Pérez, actuando en calidade de representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán (Vilagarcía de Arousa), presenta unha solicitude de iniciación do expediente de clasificación dos montes denominados:

a) Parcela 1-monte Garabulla.

b) Parcela 2-monte Raposeira.

c) Parcela 3-Raposeira.

d) Parcela 4-monte Brasal.

Coa solicitude de clasificación xúntase informe de planimetría, a cal se viu complementada mediante informe presentado neste organismo mediante escrito con rexistro de entrada do 12.12.2008. A devandita planimetría considérase como suficiente para a correcta identificación das parcelas.

En relación con este aspecto debe sinalarse, así mesmo, que consta no expediente de referencia (folio 40 e seguintes), informe emitido pola Sección de Topografía do Servizo de Montes, do 11.9.2009, onde se fai constar unha serie de aspectos e circunstancias para ter en conta en relación coas diferentes parcelas cuxa clasificación se insta, entre as cales se deben destacar as seguintes:

1. Na parcela 1, denominada Garabulla, solicítase a clasificación de dúas parcelas catastrais que teñen como titular catastral a propia CMVMC de Guillán, pero inclúe unha estrada con referencia catastral 36060A01909022 que consta a nome do Concello de Vilagarcía e que forma parte da rede de comunicacións do lugar de Garabulla (...). Esta parcela localízase na parroquia veciña de Arealonga.

2. Na parcela 3, denominada Raposeira, solicítase a totalidade da parcela, sendo o Concello de Vilagarcía o titular catastral e con cualificación de urbana (...). Un anaco da parcela consta a nome de María Teresa Porto Díaz e outro anaco dun titular catastral en identificación.

3. Na parcela 4, denominada Brasal, solicítase a totalidade da parcela con titular catastral o Concello de Vilagarcía (...).

Segundo. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 26.11.2009, incoar o correspondente expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase e recíbese informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais, que consta no expediente administrativo de clasificación no folio 60 e seguintes e emitido o 27.1.2010, en que se fai constar, entre outros aspectos relevantes, os seguintes:

«En contestación á primeira pregunta, se se pode considerar como monte, tal e como o define a Lei 43/2003, de montes, todas e cada unha das catro parcelas solicitadas para clasificación, tan só a parcela 1 (Garabulla) é monte.

En contestación á segunda pregunta, se os aproveitamentos observados son de carácter comunal, a resposta para as catro parcelas é negativa, pois non se observan na actualidade aproveitamentos agroforestais de ningún tipo nin de natureza xurídica de índole colectiva (comunal).

En contestación á terceira pregunta, se se observan instalacións e se estas teñen carácter comunal e quen as promoveu, cómpre informar que a parcela 4 (Brasal) alberga dúas construcións para uso común (polideportivo e casa da cultura), sen que polos datos de que se dispón se poida atribuír a súa promoción e xestión á CMVMC de Guillán. Tamén existe unha pequena superficie destinada ao uso de lecer (mesas e asentos) na devandita parcela, pero non se dispón de información da entidade que os situou alí».

Cuarto. O 26.3.2010 o Concello de Vilagarcía de Arousa remite certificado expedido pola Secretaría do Concello onde se fai constar que a Xunta de Goberno local, en sesión do 16.3.2010, acordou manifestar a súa desconformidade coa solicitude de clasificación presentada pola CMVMC de Guillán, e fai constar, entre outros datos relevantes, os seguintes:

«(...) As parcelas 3 e 4 hai moitos anos que non tiveron aproveitamento forestal, xa que serven como equipamentos públicos do Concello de Vilagarcía, un deles en estado ruinoso e outro en pleno uso.

Na parcela número 3 existe unha edificación que no seu día foi a escola de nenas de Guillán e, tras ser ocupada como vivenda en condicións precarias, hoxe está en total abandono.

Na parcela 4 levántase o centro cultural de Guillán, o polideportivo, unha zona de lecer, composta por parque infantil e área de descanso. Todos estes equipamentos de uso e titularidade pública foron executados polo Concello de Vilagarcía de Arousa».

Quinto. O Rexistro da Propiedade de Vilagarcía certifica, o 17.2.2010, que os predios dos cales se solicita certificación non constan inscritos a nome de ningunha persoa.

Sexto. O 8.4.2010, a CMVMC de Guillán presenta escrito de alegacións en resposta ao sinalado no informe de Montes e achega a sentenza ditada no procedemento ordinario número 458/2007, xunto co informe emitido polo enxeñeiro de montes Alejandro Arias Otero con data do 8.4.2010.

Sétimo. O 14.1.2013 presenta novo escrito Belén Raposo, en representación da CMVMC de Guillán, en que se solicita a clasificación dos montes obxecto do presente expediente por silencio administrativo positivo, ao abeiro do artigo 25 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e do disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño.

Oitavo. Á vista da documentación achegada polo solicitante e do informe do Servizo de Montes, os montes obxecto do presente expediente abranguen unha superficie de:

Parcela 1 Garabulla: 6.324,8 m².

Parcela 2 Raposeira: 985,5 m².

Parcela 3 Raposeira: 0,26 hectáreas.

Parcela 4 Brasal: 13.219,93 m².

Noveno. O 8.2.2016 tivo lugar unha reunión do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, notificada á parte interesada o 23.2.2016, pola que se acordaba a non clasificación do monte Garabulla e outros, solicitada pola CMVMC de Guillán, ao considerar que non se cumprían os requisitos fixados na Lei de montes.

Décimo. Contra a citada resolución a CMVMC de Guillán interpuxo recurso de reposición con data de rexistro de entrada do 22.3.2016, no cal, en síntese, se alega o seguinte:

Existencia de declaracións asinadas de veciños que acreditan o uso comunal dos montes obxecto de clasificación (achégase copia destas declaracións).

Existencia dun certificado da empresa Redenor, S.L. do 18.3.2016, respecto de traballos de limpeza realizados nunha serie de predios cuxa referencia catastral se indica (achégase factura do 15.10.2014 sobre os ditos traballos).

Mención a unha certificación expedida pola Secretaría do Concello de Vilagarcía do 9.3.2016 sobre cesións duns terreos e respecto da cal a CMVMC de Guillán entende que supón un recoñecemento por parte do Concello da titularidade do monte Garabulla e outros.

Décimo primeiro. A estes feitos son de aplicación as seguintes:

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións, en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. Procede admitir o recurso de reposición interposto de contrario por concorrer os requisitos fixados no artigo 124 da dita Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceira. Entrando a analizar o fondo da cuestión controvertida, e tomando como punto de partida as alegacións que serven de sustento ao recurso de reposición presentado, esta parte difire da postura mantida de contrario en canto á virtualidade da nova documentación achegada e citada nos feitos para facer decaer a resolución pola cal se denega a clasificación sobre o monte Garabulla e outros.

En efecto, e unha vez mais, convén mencionar o disposto no artigo 1 da Lei de montes, no artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e no artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia, Lei 7/2012, do 28 de xuño, de acordo cos cales cómpre entender por monte veciñal en man común:

«Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e coa prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado, de forma sólida e fidedigna, o aproveitamento consuetudinario en man común por parte da agrupación veciñal, á marxe das cuestións relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais.

Pois ben, extrapolando o concepto e as exixencias que se condensan na normativa analizada ao caso concreto, e tomando en consideración moi especialmente as observacións que se condensaban no informe emitido polo Servizo de Montes e Industrias Forestais relativas ao aproveitamento e uso actual do monte, pódese colixir que non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación.

É certo que agora, a diferenza do que aconteceu no expediente de clasificación, se achega nova documentación tendente a acreditar dalgún xeito este aproveitamento consuetudinario, pero este xurado considera que é insuficiente para acadar tal obxectivo.

E isto é así porque, ben que as declaracións asinadas polos veciños do lugar dando conta da existencia deste suposto uso do monte desde tempo inmemorial é un elemento que se debe tomar en consideración e sustenta moitas resolucións deste xurado favorables á clasificación, no presente suposto non pode ser así posto que baten frontalmente co contido preciso e detallado do informe do Servizo de Montes pero, sobre todo, porque hai outra parte que figura como interesada no presente expediente, o Concello de Vilagarcía de Arousa que, na mesma liña que o Servizo de Montes, manifesta que non lle consta ningún aproveitamento veciñal desde tempos inmemoriais por parte da CMVMC de Guillán e que as instalacións de uso público existentes na parcela (polideportivo e área de recreo) foron promovidas polo propio Concello.

Partindo desta premisa fundamental, tampouco poden acollerse as alegacións que fai a CMVMC de Guillán á hora de sinalar que o Concello de Vilagarcía de Arousa recoñeceu no seu momento a propiedade comunal dos terreos, facendo referencia a un convenio asinado o día 17 de abril de 2015 sobre cesión dunha franxa de terreo e constitución dunha servidume de paso. E isto porque, como acabamos de sinalar no parágrafo precedente, o propio Concello, emprazado neste expediente de clasificación, o 26.3.2010 remitiu un certificado expedido pola Secretaria do Concello onde se fai constar que a Xunta de Goberno local, na sesión do 16.3.2010, acordou manifestar a súa desconformidade coa solicitude de clasificación presentada pola CMVMC de Guillán, e fixo constar, entre outros datos relevantes, os seguintes:

«(...) As parcelas 3 e 4 hai moitos anos que non tiveron aproveitamento forestal, xa que serven como equipamentos públicos do Concello de Vilagarcía, un deles en estado ruinoso e outro en pleno uso.

Na parcela número 3 existe unha edificación que no seu día foi a escola de nenas de Guillán e, tras ser ocupada como vivenda en condicións precarias, hoxe está en total abandono.

Na parcela 4 levántase o centro cultural de Guillán, o polideportivo, unha zona de lecer, composta por parque infantil e área de descanso. Todos estes equipamentos de uso e titularidade pública foron executados polo Concello de Vilagarcía de Arousa».

Así pois, e aínda que poida parecer que existe contradición na postura mantida polo Concello, este órgano dá preferencia á manifestación expresa feita pola Administración local no seo do presente expediente de clasificación sobre o documento de cesión que agora se presenta en reposición.

E finalmente, polo que respecta á factura correspondente aos labores de limpeza e o certificado asinado pola empresa mercantil Redenor (18.3.2016), a conclusión a que se chega, logo de contrastar os datos que constan no expediente de clasificación e os informes de Montes, é que esta factura, de data moi posterior ao inicio do expediente (15.10.2014), así como a certificación da empresa, son insuficientes para enervar a resolución denegatoria da clasificación que se impugna, máxime cando esta última tan só se refire a «rozas en monte veciñal de Guillán 2014» sen precisión algunha sobre os terreos.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Desestimar o recurso de reposición presentado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Guillán en relación co monte Garabulla e outros, coa ratificación íntegra da resolución de non clasificación do 8 de marzo de 2016.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 18 de decembro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra