Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2019 Páx. 3156

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de decembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte Feira da Vinde, a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taborda, na parroquia de Taborda, do concello de Tomiño (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 8 de novembro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Feira da Vinde, solicitado a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taborda (en diante CMVMC) na parroquia de Taborda do concello de Tomiño (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 20.3.2014 Henrique González Ferreira, en calidade de presidente da CMVMC de Taborda, presenta una solicitude de iniciación para a clasificación do monte denominado: Feira da Vide, Feira da Vinde ou Tomada da Feira do Vinte como veciñal en man común a favor dos veciños da CMVMC de Taborda, do concello de Tomiño, acompañado dun informe técnico e pericial, coa descrición do monte, identificación, superficie, ocupacións e estremas.

Segundo. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, acordou en sesión do 9.2.2016, iniciar o correspondente expediente de clasificación.

Terceiro. O 22.2.2017 a secretaria do Concello de Tomiño emite unha certificación da Xunta de Goberno local na cal se indica, en relación co acordo de iniciación do expediente de clasificación da parcela Feira da Vide, que a Xunta de Goberno local se ratifica en acordos anteriores, no senso de non opoñerse á clasificación de montes sempre que teñan uso forestal e comunal.

Cuarto. O 15.3.2016 o presidente da CMVMC de Taborda presenta un escrito por medio do cal se rectifica a configuración perimetral do monte, xa que por un erro se incluíu dentro do seu perímetro unha propiedade particular pertencente a Daniel Pérez Pérez, e indícase que, comparecido no terreo o axente forestal da zona, o propietario do terreo e o perito autor do plano, e tras examinar o documento de propiedade presentado por Daniel Pérez, procedeuse á identificación e delimitación da súa propiedade co monte veciñal, deixando a correcta liña de deslindamento entre ambas as propiedades levantada topograficamente.

Para os efectos de corrixir os erros apreciados, achégase plano topográfico definitivo do monte coa súa correcta denominación da parcela como Feira da Vinde.

Quinto. O monte obxecto deste expediente de clasificación é descrito pola comunidade da seguinte maneira:

Concello: Tomiño.

Parroquia: Taborda.

Nome do monte: Feira da Vinde.

Cabida: 17.283,00 m2 (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

Norte: Remedios Castro González, Candelaria Solleiro Benavides, Venancio Torres Vázquez, José Costas Salgueiro, María Olga Castro González, Manuel Expósito, Urbano Vicente Ferreira, Santiago González Castro, José Álvarez Gaxo, Bienvenido Correa González, Flora Martínez Durán, Eva González González, José Eugenio Parente Tejido, María Rodríguez Reyes, Davinia Castro Calzado, María Vázquez Magán, María Olga Calzado Castro, María del Carmen Domínguez Tejido, Celso Fernández Durán, Pilar Pereira, José Valverde Rial, Concepción Pérez Portas, Manuel Expósito Amorín, Candelaría González Alonso, José Raimundo González Fernández e Daniel Pérez Pérez.

Sur: camiño público TAB-062, camiño público TAB-035, José Álvarez Puentes, Josefina Amorín Salgado, Cristóbal Calzado Tejido, M. Pilar Castro Calzado, Camila Rosalía Castro Castro, Ricardo Castro Fernández, Gumersindo Domínguez Sales, Eugenio Domínguez Senra, Mª Carmen Domínguez Tejido, Gumersindo Fernández Parente, José González Salgueiro, Flor Martínez Durán, José Eugenio Parente Tejido, Emiliano Pazos Martínez, Manuel Pérez Bouzada, María Rodríguez Rodríguez, Nemesio Salguerio Álvarez.

Leste: estrada, María Olga Calzado Casto, María del Carmen Domínguez Tejido, Manuel Expósito Amorín, Celso Fernández Durán, Candelaria González Alonso, José Raimundo González Fernández, Pilar Pereira, Concepción Pérez Portas.

Oeste: camiño público TAB-035, María Sol Castro Martínez, José Castro Vicente, Gumersindo Fernández Parente, José Raimundo González Fernández, María Carmen González Pereira, Modesto López Tejido, Flora Martínez Durán, Víctor Rolán López.

Respecto á súa cabida, cómpre precisar que orixinariamente o monte se atopaba formando unha unidade física, ben que na actualidade está dividido en cinco porcións de terreo separadas por varios camiños que pasaron recentemente a formar parte da rede de camiños públicos municipais.

Sexto. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicítase informe preceptivo do Servizo de Montes e que foi remitido ao Xurado o 12.4.2016, no que se indica, en síntese, que:

– Parcela A, superficie alegada na solicitude: 527 m2.

Estado forestal:

Especies do mato: raso rozado.

Servidumes: liña de transporte de enerxía eléctrica, camiño de paso.

Usos e aproveitamentos observados: rozado recentemente pola Comunidade de Taborda. A parcela non é produtiva para arboredo pola existencia da liña eléctrica e dunha casa. Segundo os veciños sempre pertenceu ao Concello de Tomiño.

- Parcela B, superficie alegada na solicitude: 1.226 m2.

Estado forestal:

Especie arbórea principal: Quercus robur.

Especies secundarias: Pinus pinaster.

Especies do mato: fentos e silvas.

Servidumes: liña de transporte de enerxía eléctrica, camiño de acceso a predio pechado e con alboio.

Usos e aproveitamentos observados: ningún. Parcela sen limpar. Segundo os veciños sempre pertenceu ao Concello de Tomiño.

– Parcela C, superficie alegada na solicitude: 310 m2.

Estado forestal:

Especie arbórea principal: dous pes de Quercus robur.

Especies do mato: silvas e codesos.

Servidumes: liña de transporte de enerxía eléctrica, liña telefónica.

Usos e aproveitamentos observados: ningún. Non ten uso forestal arborizado pola liña eléctrica. Segundo os veciños sempre pertenceu ao Concello de Tomiño.

– Parcela D, superficie alegada na solicitude: 12.595 m2.

Estado forestal:

Especie arbórea principal: Quercus robur.

Especies secundarias: Pinus pinaster.

Especies do mato: está rozado.

Servidumes: liña telefónica, camiño.

Usos e aproveitamentos observados: rozado recentemente pola CMVMC de Taborda.

Un veciño afirma posuír desde hai anos a parte da parcela dedicada a viña.

Segundo os veciños a parcela D sempre pertenceu ao Concello de Tomiño.

– Parcela E, superficie alegada na solicitude: 2.625 m2.

Estado forestal:

Especie arbórea principal: Quercus robur.

Especies secundarias: Pinus pinaster.

Especies do mato: está rozado.

Servidumes: camiño, liña telefónica.

Usos e aproveitamentos observados: rozado recentemente pola CMVMC de Taborda.

Segundo os veciños a parcela D sempre pertenceu ao Concello de Tomiño.

Sexto. O rexistrador da Propiedade de Tui certifica o 23.1.2017 que non figura inscrito neste rexistro ningún predio coa descrición que do monte se fai na solicitude de certificación de cargas.

Sétimo. Feitas as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e aberto período de audiencia, non se presentaron alegacións ou documentación ningunha.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: “Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só nun pasado senón tamén no presente e de xeito continuado; así o establece o artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditada a constante posesión continuada do aproveitamento dos montes polos veciños promotores de forma mancomunada (STS do 7.3.01).

Terceiro. O aproveitamento veciñal da parcela debe valorarse no contexto de unidade do monte e non de xeito individualizado logo da división da parcela

O uso e aproveitamento veciñal do monte queda acreditado a través do informe pericial asinado polo técnico Roberto Ocampo Cardalda, baseado principalmente na recolla de leña para combustible e de mato, toxo e fentos para a preparación da cama do gando e posterior produción de esterco, así como polo acordo da Xunta de Goberno local do 28.12.2007 mediante o cal se estima o recurso presentado pola Comunidade de Montes de Taborda por medio do cal se dá de baixa no Inventario de bens municipais a parcela 279 do polígono 48, Feira da Vinde de 9.503 m2 “(...) tendo en conta as características da mencionada parcela e os compromisos recoñecidos pola comunidade de montes respecto da súa limpeza e dos gastos do informe topográfico (...) as características da parcela xustifican a posible titularidade súa a favor da CMVMC de Taborda”, esta circunstancia desacredita as manifestacións dos veciños recollidas no informe preceptivo do Servizo de Montes, así como polo recoñecemento expreso do Concello a favor da clasificación da parcela como veciñal no acordo adoptado pola Xunta de Goberno local do 15.3.2018

Do informe preceptivo de montes conclúese que, na maior parte da parcela, a comunidade realizou recentemente labores de limpeza e roza, existindo outras zonas do monte improdutivas debido ás condicións existentes (liña eléctrica e telefónica).

Finalmente, a falta de oposición de terceiros durante o trámite de audiencia leva implícito o recoñecemento do carácter veciñal do terreo obxecto do expediente.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Feira da Vinde a favor dos veciños da CMVMC de Taborda, na parroquia de Taborda do Concello de Tomiño (Pontevedra), por reunir os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989, de acordo coa descrición reflectida no feito quinto e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 12 de decembro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra