Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2019 Páx. 3216

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xaneiro de 2019 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Mencer.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Mencer con domicilio na parroquia de Lubre, R-22, polígono industrial de Bergondo, en Bergondo (A Coruña).

Feitos:

1. O 28 de setembro de 2018, José Ramón Dourado Lema, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Mencer constituíse en escritura pública outorgada en Betanzos (A Coruña) o 28 de setembro de 2018, ante o notario Gonzalo Freire Barral, con número de protocolo 1.106, por José Ramón Dourado Lema que actúa no seu propio nome e dereito e a entidade Panificadora Mencer, S.L. que actúa representada polo seu administrador único, José Ramón Dourado Lema.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 16 de novembro de 2018 na mesma localidade e ante o mesmo notario, con número 1.308 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «o desenvolvemento de accións encamiñadas a potenciar a prevención, defensa e desenvolvemento dos dereitos das persoas que, sexa por razóns de idade ou de enfermidade física ou psíquica, ou por calquera tipo de discapacidade, están necesitadas de especial protección, promovendo a súa integración social e laboral, mellora da súa calidade de vida, prestación de axuda e colaboración, tanto individualmente como colectivo, orientado polos principios de integración social, normalización e integración laboral».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Ramón Dourado Lema como presidente, María Rita Portela Maquieira, en representación da entidade Distribuciones Amoenda, S.L., como secretaria, Juan Jesús Rodríguez Oviedo e Antonia Fernández Campos como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Mencer, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 21 de decembro de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Mencer, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza