Con data do 19 de decembro de 2018 asinouse o Protocolo de colaboración entre a Fiscalía da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas de Galicia para a prevención da corrupción no sector público autonómico.
Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,
RESOLVO:
Dispoñer a publicación no Diario Oficial de Galicia do Protocolo de colaboración entre a Fiscalía da Comunidade Autónoma e o Consello de Contas de Galicia para a prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, que figura como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2019
José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia
ANEXO
Protocolo de colaboración entre a Fiscalía da Comunidade Autónoma e
o Consello de Contas de Galicia para a prevención da corrupción
no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia
Santiago de Compostela,19 de decembro de 2018.
REUNIDOS:
Dunha parte, Fernando Suanzes Pérez, fiscal superior da Comunidade Autónoma de Galicia, nomeado como tal polo Real decreto 149/2015, que exerce a representación e xefatura do Ministerio Fiscal en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do disposto no artigo 22.4 do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal, aprobado pola Lei 50/1981, do 30 de decembro, modificada pola Lei 24/2007, do 9 de outubro.
Doutra parte, José Antonio Redondo López, na súa calidade de conselleiro maior do Consello de Contas, de Galicia, actuando en nome e representación deste en virtude das atribucións que lle confire o artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia.
Ambas as partes recoñécense competencia e capacidade, respectivamente, para formalizar o presente protocolo, e por iso
EXPOÑEN:
Primeiro. A Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción, atribúe ao Consello de Contas novas competencias nesta materia e introduce modificacións na súa estrutura organizativa, á cal se incorpora unha nova sección para a prevención da corrupción cuxa presidencia corresponde ao conselleiro maior.
Segundo. Entre os obxectivos do Consello de Contas atópase o de promover instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, así como con outros órganos representativos de diferentes entidades públicas, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma.
Terceiro. Que, de conformidade co artigo 124 da Constitución e os artigos 1 e 2 do seu estatuto orgánico, o Ministerio Fiscal, como órgano de relevancia constitucional con personalidade xurídica propia, integrado con autonomía funcional no poder xudicial, ten por misión promover a acción da xustiza en defensa da legalidade, dos dereitos dos cidadáns e do interese público tutelado pola lei, de oficio ou a petición dos interesados, así como velar pola independencia dos tribunais e procurar ante eles a satisfacción do interese social.
O artigo 11 do Estatuto orgánico do Ministerio Fiscal, no seu punto 3º, posibilita a celebración de convenios coas comunidades autónomas logo de autorización do fiscal xeral do Estado.
Cuarto. As institucións asinantes son conscientes de que o fortalecemento da integridade no sector público autonómico e a observancia dos principios éticos e de bo goberno requiren dun plan específico de formación do persoal nos ámbitos da ética, a integridade pública e o control da corrupción.
Quinto. O Parlamento de Galicia, mediante a Recomendación n° 8 aprobada pola Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas na súa sesión do día 27 de abril de 2017, insta o Consello de Contas para que estableza, dentro do programa de actividades de prevención da corrupción, as necesarias medidas de cooperación coa Fiscalía Superior de Galicia que permitan unha persecución integral das prácticas corruptas no ámbito público autonómico.
Sexto. Os obxectivos do protocolo son:
– Poñer en común criterios que se consideren axeitados para a elaboración de plans de prevención da corrupción ou programas de cumprimento normativo polas distintas entidades do sector público da Comunidade Autónoma.
– Establecer mecanismos de comunicación entre ambas as institucións, de forma que se produza un intercambio áxil de información.
– Desenvolver actividades formativas comúns en materias vinculadas ao comportamento ético, a integridade pública e a prevención da corrupción.
Sétimo. Por acordo do 4 de decembro de 2018, o Pleno da institución acordou a celebración do presente protocolo, de acordo co previsto no artigo 7, número 3, da letra I) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia.
Polo anteriormente exposto, as partes acordan a sinatura do presente protocolo de colaboración, que se rexerá polas seguintes
CLÁUSULAS:
Primeira. Obxecto do protocolo
Este protocolo ten por obxecto establecer un marco de colaboración institucional permanente entre as institucións asinantes coa finalidade de impulsar mecanismos dirixidos á prevención da corrupción no ámbito do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segunda. Intercambio recíproco de información
• O Consello de Contas comunicará coa maior celeridade posible ao Ministerio Fiscal que no exercicio da súas funcións observou indicios de delito nos feitos ou condutas que estean sendo obxecto de fiscalización, e remitirá toda a documentación que teña no seu poder.
• O Consello de Contas e a Fiscalía, unha vez detectadas irregularidades no exame das contas que deben render as entidades pertencentes ao sector público da Comunidade Autónoma, sempre que tales infraccións impliquen un menoscabo nos fondos públicos, trasladarán os feitos á Fiscalía do Tribunal de Contas, para os únicos efectos da exixencia das correspondentes responsabilidades contables.
• Sen prexuízo das funcións atribuídas ao Tribunal de Contas, o Ministerio Fiscal comunicará ao Consello de Contas o inicio de actuacións de investigación xudicial respecto das materias que entran no ámbito das súas competencias de fiscalización, así como os acordos de arquivamento ou a remisión das actuacións realizada a outras instancias, para o caso en que se aprecie que poidan existir outras responsabilidades, condutas ou prácticas irregulares non constitutivas de infracción xurídica.
• A Fiscalía e o Consello de Contas comprométense ao traslado recíproco das denuncias e comunicacións que reciban cando se infiran datos suficientes que poidan dar lugar ao exercicio das competencias das respectivas institucións.
• As partes asinantes do presente protocolo remitiranse reciprocamente as respectivas memorias de actividade e aquelas outras publicacións propias que, por referirse a actuacións no ámbito da prevención da corrupción, poidan ser consideradas de mutuo interese.
• Ambas as institucións poñerán en común os criterios adoptados que se consideren axeitados para a elaboración de plans de prevención da corrupción ou programas de cumprimento normativo que afecten as distintas entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.
En calquera caso, a Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia comunicará ao Consello de Contas aqueles feitos que teñan relación co ámbito de actuación deste organismo, de acordo cos criterios fixados na Circular da Fiscalía 4/2013, do 30 de decembro, sobre as dilixencias de investigación, e cos límites previstos no artigo 301 da Lei de axuizamento criminal.
Terceira. Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción
As entidades asinantes establecerán unha canle de información mutua sobre as actividades formativas que vaian desenvolver, e organizarán conxuntamente, de ser o caso, programas formativos dirixidos a actualizar e completar os coñecementos dos servidores públicos e, en especial, os das institucións asinantes, nos ámbitos da ética, a integridade pública e o control da corrupción.
Cuarta. Protocolos específicos de actuación
A implementación das liñas de colaboración a que fai referencia a cláusula segunda, cando proceda, poderá instrumentarse mediante a sinatura dos correspondentes protocolos específicos que definirán aspectos concretos como os sistemas de acceso á información, prazos, fórmulas de traslado, órganos implicados, orzamento e medios humanos e materiais requiridos.
Corresponde á comisión de seguimento a que se refire a cláusula seguinte elaborar e aprobar a proposta dos protocolos específicos de actuación aos asinantes do presente protocolo.
Quinta. Comisión de seguimento
Para o seguimento da execución e do desenvolvemento do presente protocolo crearase unha comisión mixta, composta por dous representantes de cada unha das institucións asinantes. Corresponderá á comisión de seguimento velar polo correcto cumprimento do protocolo, impulsando a realización de cantas actuacións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.
A comisión reunirase cantas veces sexa preciso para a boa marcha da execución do protocolo a petición de calquera das partes.
Sexta. Alcance das actuacións
O disposto neste protocolo non suporá a renuncia nin limitacións a ningunha das potestades ou competencias de cada unha das partes.
Sétima. Modificación do protocolo
Este protocolo poderá modificarse por mutuo acordo das partes asinantes.
Oitava. Protección de datos
O cumprimento das obrigas deste protocolo axustarase ás exixencias derivadas da lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal no que corresponde á confidencialidade da información e dos resultados, aplicando as medidas de carácter técnico, administrativo, informático e organizativo que resulten necesarias para cumprir os requisitos legais e, en particular, garantindo a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, perda, tratamentos ou accesos non autorizados.
Novena. Gastos de execución do protocolo
A aplicación e execución deste protocolo de colaboración, incluíndo para o efecto todos os actos xurídicos que puideran ditarse na súa execución e desenvolvemento, non poderá supoñer obrigas económicas para ningunha das partes que o asina.
Décima. Vixencia do protocolo
O presente protocolo producirá efectos desde a súa sinatura e ten vixencia indefinida. O protocolo poderá ser denunciado por ambas as partes en calquera momento unha vez transcorridos catro anos de vixencia, mediante comunicación escrita á outra parte. A extinción producirá efectos unha vez transcorridos seis meses desde a dita denuncia, sen prexuízo de finalizar aquelas actuacións xa iniciadas e que, por razóns de interese público, se deban levar a cabo.
Décimo primeira. Publicidade e transparencia
En cumprimento do establecido na normativa de aplicación, o Consello de Contas publicará o presente protocolo no Diario Oficial de Galicia, e ambas as partes farán a difusión que corresponda nas súas respectivas sedes electrónicas.
E, en proba de conformidade, asínano por duplicado exemplar os intervenientes no lugar e data sinalados no encabezamento.
Fernando Suanzes Pérez |
José Antonio Redondo López |
Fiscal superior |
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia |