Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Luns, 21 de xaneiro de 2019 Páx. 3788

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 1/2019, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Xinzo de Limia de varios treitos de estradas.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Xinzo de Limia e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración o día 15 de novembro de 2018 para levar a cabo o acondicionamento da estrada OU-531 (avenida de Celanova), a mellora de vías municipais e racionalización da rede viaria de titularidade autonómica.

O Concello de Xinzo de Limia coa sinatura deste convenio prestou a súa conformidade ao cambio de titularidade dos seguintes treitos de estradas de titularidade autonómica:

Clave

Denominación

PK i

PK f

OU-301

Xinzo de Limia (N-525)-Bande (OU-540)

0+000

0+750

OU-304

Xinzo de Limia (N-525)-Baltar

0+000

0+560

OU-531

Xinzo de Limia (N-525)-A Cortegada (OU-801)

0+000

0+750

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos argumentos recollidos nos informes emitidos polo Servizo de Explotación e Seguridade Viaria e pola Área de Planificación e Proxectos, formulou proposta favorable á transferencia a prol do Concello de Xinzo de Limia de tres treitos das citadas estradas, todos eles integrados no tecido urbano de núcleo do concello e con edificacións e dotacións municipais nas súas marxes.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Xinzo de Limia, dos seguintes treitos de estradas:

• OU-301. Xinzo de Limia (N-525)-Bande (OU-540): do p.q. 0+000 ao p.q. 0+730.

• OU-304. Xinzo de Limia (N-525)-Baltar: do p.q. 0+000 ao p.q. 0+560.

• OU-531. Xinzo de Limia (N-525)-A Cortegada (OU-801): do p.q. 0+000 ao p.q. 0+360.

– Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia para adaptar os treitos iniciais destas estradas ao cambio de titularidade, do seguinte xeito:

OU-301

Xinzo de Limia-Bande (OU-540)

OU-304

Xinzo de Limia-Baltar (Deput.)

OU-531

Xinzo de Limia-Cortegada (OU-801)

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Xinzo de Limia deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Xinzo de Limia, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade