Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Luns, 21 de xaneiro de 2019 Páx. 3786

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 175/2018, do 20 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da Vía Ártabra, treito: N-VI - AP-9, de clave AC/04/156.01.4.1, nos concellos de Cambre, Oleiros e Sada.

Antecedentes:

Primeiro. Mediante a Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 12 de xaneiro de 2017 aprobouse provisionalmente o proxecto de construción da Vía Ártabra, treito: N-VI - AP-9, de clave AC/04/156.01.4.1, e no Diario Oficial de Galicia, do 8 de febreiro de 2017 publicouse o anuncio polo que se somete o proxecto aprobado a información publica e informe das administracións afectadas.

Segundo. Tras a análise dos certificados, informes e alegacións presentados, e tal e como establece o artigo 22.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, aprobouse no Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2018 o expediente de información pública e informe das administracións afectadas, do proxecto de construción da Vía Ártabra, treito: N-VI - AP-9, de clave AC/04/156.01.4.1.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dun treito da autovía AG-13 (Vía Ártabra), en concreto, o que une a estrada N-VI coa autoestrada AP-9, dando continuidade ao treito actualmente en servizo que une O Castelo, extremo sur da VG-13, coa estrada N-VI.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción da Vía Ártabra, treito: N-VI - AP-9, de clave AC/04/156.01.4.1.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade