Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Martes, 22 de xaneiro de 2019 Páx. 4035

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 435258.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que conten coa declaración de municipios turísticos galegos.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios destas subvencións os 18 xeodestinos e subxeodestinos descritos no mapa oficial de xeodestinos de Galicia, publicado pola Axencia Turismo de Galicia, que deberán estar representados por algunha das seguintes entidades:

Mancomunidades e consorcios locais de Galicia constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Contratación de persoal nas oficinas de turismo dos concellos declarados municipios turísticos galegos e dos xeodestinos durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

O dito persoal poderá contratarse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambas as dúas datas incluídas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións a concellos declarados municipios turísticos e a xeodestinos de Galicia, para a contratación de persoal nas oficinas de turismo nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (TU900A).

Cuarto. Importe

Contía de 300.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 11 A2 761A 460.0, proxecto 2015 00006, financiada con fondos propios da comunidade autónoma.

As actuacións subvencionables poderán acadar un máximo de axuda de 5.200 euros por entidade beneficiaria, sempre que os gastos subvencionables sexan iguais ou superiores a este importe. No caso de que os citados gastos non acaden os 5.200 euros, a contía da axuda será, como máximo, o importe dos gastos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para a xustificación da subvención será o 30 de outubro de 2019.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia