Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2019 Páx. 4393

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 2/2019, do 10 de xaneiro, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa, da provincia de Pontevedra, para o sustentamento en común do posto de Tesouraría.

Os concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa acordaron aprobar definitivamente a agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de tesourería e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Os concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa teñen a obriga de manter un posto de Tesourería nos termos do artigo 14 do Decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, e poden agruparse entre si para o sustentamento en común dun único posto de Tesourería, ao que corresponderá a responsabilidade administrativa das funcións propias deste posto de traballo en todos os municipios agrupados.

Desta forma acádase unha maior eficiencia e racionalidade dos recursos humanos, pois neste caso a agrupación constitúe unha medida de aforro económico sen a mínima perda de capacidade na xestión administrativa.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigo 14 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, por lo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional; 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Requiriuse informe á Deputación Provincial de Pontevedra e á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 9 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; en relación co 14 dese mesmo decreto, o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; o artigo 15 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Aprobar a agrupación dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e Vilaboa, na provincia de Pontevedra, para o sustentamento en común dun posto único de Tesourería, da subescala Intervención-Tesourería e con forma de provisión concurso, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza