Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2019 Páx. 4439

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de xaneiro de 2019 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, determina no seu artigo 6 que «o prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Atendendo a que segundo a disposición derradeira segunda da devandita orde determina que «esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia», o prazo de presentación de instancias remataría o vindeiro 28 de xaneiro de 2019.

Consonte o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. «A Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiro».

Para favorecer a máxima presentación de solicitudes, o que redunda no obxectivo básico da convocatoria de subministrar formación ao maior número posible de empresas, posibilitando unha mellor e maior execución das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria, é necesario proceder a ampliación do prazo correspondente ata o 11 de febreiro de 2019.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo do artigo 6 da Orde do 7 de decembro de 2018

O prazo que sinala o artigo 6 da Orde do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, queda ampliado ata o vindeiro 11 de febreiro de 2019.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria