Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2019 Páx. 4411

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 3/2019, do 10 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun resto da estrada OU-531, situado na súa marxe esquerda entre o punto quilométrico 8+330 e o punto quilométrico 8+510, a prol do concello de Vilar de Santos.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A estrada autonómica OU-531 (Xinzo de Limia (N-525)-A Cortegada (OU-801) atravesa o Concello de Vilar de Santos entre os seus PPQQ 5+430 e 9+370. O concello solicita a Consellería de Infraestruturas e Vivenda a transferencia da variante comprendida entre os p.q. 8+300 e 8+480 da marxe esquerda da estrada autonómica OU-531.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do resto da estrada OU-531, situado na súa marxe esquerda entre o p.q. 8+330 e o p.q. 8+510, a prol do Concello de Vilar de Santos, sen prexuízo da configuración, condicións e reordenación do acceso ao treito antigo que se tivesen que facer posteriormente por cuestións de seguridade viaria da OU-531.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilar de Santos do:

– Resto da estrada OU-531, situado na súa marxe esquerda entre o p.q. 8+330 e o p.q. 8+510.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Vilar de Santos deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello de Vilar de Santos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade