Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2019 Páx. 4852

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I para as pequenas empresas de nova creación e do Programa II de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019 (Programa II).

BDNS (Identif.): 435751.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Segundo. Obxecto

Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e a posta en marcha da actividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I para as pequenas empresas de nova creación e do Programa II de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se realiza a súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse catrocentos mil euros (400.000 €) .

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2019.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2018

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria