Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2019 Páx. 4854

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea, durante o verán de 2019, co obxecto de coñecer a lingua dese país.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado de ensino universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

As liñas de axuda deseñadas pola consellería pretenden cubrir, na medida do posible, as necesidades do alumnado universitario, liñas que, para a súa eficacia e eficiencia, deben adaptarse, entre outras, ás necesidades creadas polo Espazo Europeo de Educación Superior, que exixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a competencia e a capacidade de estudo e traballo no contexto internacional.

Neste marco, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional considera prioritario seguir coa súa política de apoiar economicamente as iniciativas do alumnado do Sistema universitario de Galicia que poidan contribuír a enriquecer os seus coñecementos lingüísticos e a súa cualificación.

Esta orde axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, cento corenta e dúas (142) axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea durante o verán de 2019, do alumnado universitario matriculado no curso 2018/19 nalgunha das universidades do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED416A).

Artigo 2. Orzamento

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, ao existir crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2019. Na súa virtude, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2019, cunha contía global de 142.000 euros, sen prexuízo de que poida ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias da consellería, de conformidade cos supostos recollidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Período e dotación da axuda

1. As actividades para as cales se solicita a axuda terán que ser realizadas no período comprendido, exclusivamente, entre o 15 de xuño e o 31 de agosto de 2019, ambos inclusive.

2. A dotación económica asignada a cada persoa beneficiaria será dun máximo de 1.000 euros.

Artigo 4. Requisitos das persoas solicitantes

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado universitario que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado no curso 2018/19, como mínimo en 50 créditos, excluídos os recoñecidos, validados ou adaptados, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, e ter superado 60 créditos en 30 de setembro de 2018, excluídos tamén os recoñecidos, validados ou adaptados.

O alumnado que estea matriculado no traballo fin de grao poderá incluír os créditos que lle correspondan dentro do mínimo dos 50 créditos exixidos.

b) O curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, excluídas as datas da viaxe, e un mínimo de 15 horas lectivas semanais. O idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

2. Queda excluído desta convocatoria:

a) O alumnado que xa resultase beneficiario desta axuda en anteriores convocatorias.

b) O alumnado que durante o curso 2018/19 sexa adxudicatario dunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+, sempre e cando a estadía que pretenda realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país en que se está a desenvolver o dito programa.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ao teren as persoas incluídas no ámbito subxectivo as competencias técnicas e dispoñibilidade de acceso aos medios electrónicos necesarios para formalizaren as solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez cuberta a solicitude, deberá ser asinada pola persoa interesada con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica e enviada polo procedemento electrónico establecido, quedando así presentada para todos os efectos. Non serán tidas en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación establecido e non obteñan o xustificante de solicitude que deberá ser conservado pola persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude no prazo e na forma establecidos.

2. As solicitudes serán subscritas electronicamente pola persoa interesada ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

3. Para a presentación electrónica deste procedemento, a sede electrónica da Xunta de Galicia dispón de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

4. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 14 de marzo de 2019.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación por calquera medio válido en dereito no caso de actuar por medio de representante.

b) Programa do curso de idiomas para o cal se solicita a axuda, en que deberán figurar o centro e o lugar de destino, o período de duración, as datas de realización do curso, excluídas as datas da viaxe, e o número de horas lectivas semanais.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante, só no caso de actuar por medio de representante.

• Certificado da universidade correspondente, no cal deben figurar o número de créditos superados e a nota media do expediente académico en 30 de setembro de 2018, e os créditos matriculados no curso 2018/19, excluídos os recoñecidos, validados ou adaptados, tanto nos superados como nos matriculados.

• Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

• Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día do pagamento á Consellería de Facenda.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a listaxe definitiva das persoas beneficiarias das bolsas e a contía destas, a listaxe das persoas suplentes e a listaxe das solicitudes denegadas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional www.edu.xunta.gal tanto as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas como as listaxes definitivas.

Artigo 10. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, una vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e logo de examinadas estas e a documentación presentada polas persoas solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional www.edu.xunta.gal/ na epígrafe de Ensinanza/Universidade.

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días, e durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada e achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Unha vez transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que desisten da súa petición, nos termos e nas condicións establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Criterios de avaliación

1. A selección das solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria será realizada pola comisión avaliadora que lles darán prioridade a aquelas que no expediente académico teñan unha cualificación da nota media máis alta.

2. No caso de empate na nota media do expediente académico, terá preferencia para a concesión da axuda aquel alumnado que teña superado un maior número de créditos.

3. Así mesmo, a comisión elaborará unha listaxe de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na cal figurarán as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarias da axuda.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación das axudas mediante a correspondente resolución.

2. A Secretaría Xeral de Universidades comunicaralles a proposta de resolución ás persoas seleccionadas como beneficiarias. A comunicación realizarase por algún dos medios indicados na solicitude (teléfono móbil ou correo electrónico).

No caso de rexeitar a bolsa, deberán renunciar nun prazo de cinco días contados desde a data da recepción da comunicación, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

3. No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, tendo en conta o remanente de crédito, a Secretaría Xeral de Universidades comunicaralles a proposta ás persoas que figuren na listaxe de suplentes pola orde que nela aparecen.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe de persoas beneficiarias das axudas.

b) Listaxe de suplentes, na cal figurarán as persoas que, reunindo os requisitos exixidos, non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarias da axuda.

c) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses e comezará a contar desde o día seguinte ao da data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional http://www.edu.xunta.gal, pola cal se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Pagamento

O aboamento das axudas farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada pola persoa beneficiaria.

Artigo 16. Xustificación e prazo de xustificación

1. As persoas que figuran na listaxe de concedidos, así como as da listaxe de suplentes, se as houber, presentarán a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, os seguintes documentos xustificativos:

a) Certificado de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda. O certificado deberá especificar o lugar, as datas de realización, a duración do curso (mínimo tres semanas, excluídas as datas da viaxe) e o número de horas lectivas semanais (mínimo 15 horas semanais). No caso de estar en lingua estranxeira, deberase traducir para algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma.

b) Documentación acreditativa do custo do curso e dos gastos derivados do desprazamento de ida e volta do país de orixe ao país de destino (tarxetas de embarque, billetes de tren ou autobús, etc.).

2. A dita documentación poderase presentar desde a finalización do curso ata o día 12 de setembro de 2019.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

a) Remitir á Secretaría Xeral de Universidades, unha vez finalizada a actividade, a documentación que se solicita no artigo 16.

b) Comunicar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, a renuncia á axuda no caso de producirse.

c) Informar o órgano que concede a axuda da obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública, ente público ou privado.

d) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, así como da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Acreditar mediante certificación que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde, segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 18. Incompatibilidade, alteración, modificación e reintegro das axudas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas e subvencións concedidas para a mesma finalidade, calquera que sexa a súa natureza ou entidade que as conceda.

2. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas para a mesma finalidade por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Así mesmo, procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obteña a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseen ou oculten feitos ou datos que motivaron a súa concesión.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, á cal se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. De acordo co establecido no artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, que introduciu diversas modificacións na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o contido desta convocatoria será publicado na Base de datos nacional de subvencións, nos termos recollidos no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destas bolsas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file