Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5271

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 15 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 435984.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos art. 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio), en función dos seus efectivos e do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Segundo. Obxecto

A mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas de establecementos de aloxamento turístico.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:

1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de calidade turística.

3. Actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.

4. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.

5. Actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións, así como embelecemento do contorno.

6. Renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa convocatoria para o ano 2019.

Cuarto. Importe

As subvencións obxecto desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 1.000.000 €, financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo para a xustificación da subvención será ata o 31 de outubro de 2019

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2019

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia