Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2019 Páx. 5176

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 14 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia que, por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas ao longo do curso académico 2018/19, teña dificultades económicas para continuar estudos.

BDNS (Identif.): 436012.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que curse estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, no curso académico 2018/19, nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar, en réxime de concorrencia non competitiva, axudas destinadas ao alumnado do Sistema universitario de Galicia cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Orzamento e contía das bolsas

O importe global previsto na orde é de 110.000 euros.

Para determinar a contía da axuda que se lle concederá a cada solicitante, teranse en conta como criterios de distribución os seguintes limiares de renda per cápita:

Limiares de renda

Contía da axuda

Ata 5.000 euros

2.750 euros

De 5.001 a 5.700 euros

2.250 euros

De 5.701 a 6.400 euros

1.750 euros

De 6.401 euros ao importe da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2019 multiplicada por 1,5

1.500 euros

Quinto. Prazo para presentar as solicitudes

– Se a causa sobrevida e imprevista acontecese con anterioridade á publicación desta orde, o prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta orde, o prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida e, nestes casos, a data límite para presentar as solicitudes será o 31 de xullo de 2019, sen prexuízo do sinalado no artigo 3.b) da orde.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional