Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2019 Páx. 5552

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 436610.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 961.1), e con sucursal ou oficina permanente, polo menos, durante un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisiva privada, nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos polas empresas que a integran no momento da súa constitución.

Segundo. Finalidade

A finalidade da resolución é fixar as bases que regularán o réxime de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción da actividade audiovisual galega, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 2.000.000 euros, distribuídos por anualidades: 214.000 euros para o exercicio 2019, 1.204.000 euros para o exercicio 2020, e 582.000 euros para o exercicio 2021, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2018

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais