Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5971

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña

ANUNCIO das bases da convocatoria pública para proveer unha praza de secretario xeral.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 4/2014, do 1 de abril, básica de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación; o artigo 24 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia, polo que se regulan as funcións do secretario xeral e do director xerente nas cámaras oficiais de comercio; e do artigo 40 e seguintes do Regulamento de réxime interior da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, convócase concurso de méritos para prover a praza de secretario xeral da citada Cámara con arranxo ás seguintes,

Bases e condicións

Primeira.

Quen desexe tomar parte no concurso haberá de reunir os seguintes requisitos:

1. Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade independentes. Así mesmo, poderán participar os estranxeiros con residencia legal en España.

2. Ser maior de idade.

3. Estar en posesión do título de licenciado ou graduado en dereito, de acordo co establecido no artigo 24.1 da Lei 5/2004 do 8 de agosto, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.

4. Dominio da lingua galega a nivel de Celga 3 ou similar.

5. Non padecer enfermidade nin estar afectado ou afectada por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das funcións propias do cargo.

6. Non ter sido separado mediante expediente disciplinario nin despedido do servizo do Estado, das comunidades autónomas, da Administración local ou institucional, ou mediante expediente disciplinario nin despedido das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, o seu Consello Rexional ou Superior, nin atoparse inhabilitado por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Nin atoparse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos e cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ou para exercer as funcións do posto de secretario xeral de cámaras de comercio.

7. Non acharse incurso en causa de incapacidade ou incompatibilidade, conforme á normativa vixente.

Segunda.

As circunstancias e méritos que se recollen nos seguintes puntos serán apreciados e cualificados polo tribunal a que se refire a base cuarta, nunha valoración total de 0 a 90 puntos. Méritos e circunstancias valorables:

1. Prestar servizo, polo menos durante 2 anos, en calquera cámara oficial de comercio, industria, servizos e navegación, nalgún dos seguintes cargos:

A. Secretario xeral, secretario xeral en funcións, secretario xeral adxunto ou director xeral: ata 15 puntos, a razón de 0,07 puntos por cada mes traballado a partir dos 24 meses iniciais.

ou:

B. Técnico nalgunha das áreas ou departamentos dunha cámara: ata 10 puntos, a razón de 0,05 puntos por cada mes traballado a partir dos 24 meses.

2. Coñecemento e experiencia en materia de relacións internacionais e particularmente coas Institucións da Unión Europea, así como coñecemento e experiencia na tramitación de axudas da Unión Europea mediante un contrato laboral ou de prestación de servizos a nivel de título de grao ou similar: ata 10 puntos.

Outorgarase 1 punto por cada máster ou curso superior sobre temas relacionados coas relacións internacionais.

Outorgarase 0,05 puntos por cada mes traballado en temas relacionados con relacións internacionais.

3. Títulos universitarios: estar en posesión doutro título de licenciado ou grao, distinto de dereito: ata 10 puntos, a razón de 5 puntos por cada título relacionado co mundo xurídico, laboral ou empresarial e 1 punto para titulacións sen vinculación ao mundo xurídico, laboral ou empresarial.

Só se valorarán as titulacións académicas recoñecidas polo Ministerio competente como títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

4. Realizar máster ou estudos de posgrao de carácter universitario en áreas relacionadas co mundo xurídico, laboral ou empresarial, ou a Unión Europea. Máximo 10 puntos, a razón de 3 puntos por cada un deles.

5. Acreditar coñecemento do idioma inglés ou outros idiomas: ata 10 puntos, a razón de 1 punto por un certificado A1, 2 puntos por un certificado A2, 3 puntos por un certificado B1, 4 puntos por un certificado B2, 5 puntos por un certificado C1 e 6 puntos por un C2 para cada idioma, sen que os certificados sexan acumulables para un mesmo idioma.

6. Realizar traballos, cursos, seminarios ou publicacións que estean relacionados coa xestión das cámaras, os intereses xerais do comercio, os servizos ou a industria, a empresa: ata 10 puntos, a razón de 0,5 puntos por cada un deles. Só se valorarán os traballos publicados en revistas acreditadas, os cursos ou seminarios impartidos polas administracións públicas, universidades, cámaras de comercio ou calquera outro organismo oficial que teñan unha duración mínima superior a 20 horas e as publicacións en revistas acreditadas.

Unha vez valorados os méritos de cada un dos candidatos, celebrarase a fase de entrevista co tribunal á que só accederán os tres aspirantes que obtivesen o maior número de puntos.

7. Resultado da entrevista persoal que o tribunal realizará aos aspirantes admitidos. Máximo 25 puntos. Na entrevista persoal valoraranse, ademais das capacidades persoais e profesionais dos candidatos, os coñecementos sobre o tecido empresarial da Coruña e de Galicia.

No caso de que no proceso final de selección dos candidatos obtivesen a mesma puntuación será o Tribunal quen resolva.

Terceira.

As solicitudes para participar neste concurso de méritos presentaranse nas dependencias da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, sita na rúa Alameda 30-32; 1º da Coruña, mediante instancia dirixida ao Sr. presidente desta, acompañada da seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI ou pasaporte.

2. Título facultativo ou certificación de estudos que acredite estar en posesión da licenciatura ou gradación exixida.

3. Titulo acreditativo de dominio do idioma galego outorgado pola Xunta de Galicia.

4. Declaración xurada de non ter sido separado de ningún corpo do Estado, Administración autonómica, local ou institucional, corporacións públicas ou cámaras de comercio, industria, servizos e navegación.

5. Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que imposibilite a súa capacidade para o exercicio do cargo.

6. Documentación acreditativa dos méritos alegados. A formación deberá acreditarse mediante a presentación de fotocopia compulsada dos títulos e certificados correspondentes á especialización, doutoramento, máster ou posgrao no caso de titulacións académicas e coa fotocopia compulsada do título acreditativo de asistencia ao curso ou certificación de participación nas actividades formativas. A experiencia profesional debería acreditarse mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos no caso de alegar servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, se é o caso. Ademais, o aspirante deberá anexar un certificado de tarifas, así como calquera outro documento que permita acreditar o cumprimento dos méritos asociados á experiencia laboral.

O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados nin os posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O tribunal deberá reunirse todas as veces que sexan necesarias para levar a bo termo a resolución desta convocatoria.

A convocatoria será anunciada no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de candidaturas finalizará transcorridos 15 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria. A convocatoria e as súas bases estarán expostas no taboleiro de anuncios da corporación convocante.

Finalizado o prazo de admisión de solicitudes, publicarase dentro dos 7 días naturais seguintes no taboleiro de anuncios da Cámara, a lista provisional de candidatos admitidos e excluídos, con indicación mínima de nome e apelidos e, de ser o caso, as causas da exclusión concedéndose un prazo de 10 días hábiles para que os aspirantes que se sinalen poidan emendar erros ou completar a súa documentación.

Transcorrido o prazo anterior de emendas das solicitudes, publicarase no taboleiro de anuncios da Cámara a lista definitiva dos candidatos admitidos e excluídos.

Así mesmo, sinalarase o lugar, data e hora da entrevista persoal que o tribunal manterá cos tres aspirantes que obtivesen o maior número de puntos.

Cuarta.

O exame das solicitudes presentadas e a valoración dos méritos alegados, segundo as puntuacións establecidas na base segunda efectuarase por un tribunal integrado polos seguintes membros:

O presidente da Cámara de Comercio da Coruña ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente do tribunal.

Catro vocais:

1. Dous representantes do Comité Executivo da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña designados polo Pleno.

2. Un representante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.

3. Un profesor da Facultade de Dereito da Universidade, designado polo Pleno da Cámara de Comercio da Coruña.

Actuará como Secretario, con voz pero sen voto, o director xeral da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña.

Quinta.

O tribunal, dentro dos corenta e cinco días hábiles seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes, logo de valorar as solicitudes presentadas de acordo co baremo previsto na base segunda e acreditado documentalmente, publicará no taboleiro de anuncios da Corporación, unha lista provisional coa puntuación obtida por cada candidato en cada un dos puntos, establecendo un prazo de 10 días para presentar alegacións.

Transcorrido o devandito prazo, e vistas e resoltas as alegacións, o tribunal publicará a lista definitiva coa puntuación obtida en cada un dos puntos.

Con posterioridade á publicación desta lista convocaranse os tres aspirantes que pasen á fase de entrevista. Se houbese un empate entre os candidatos con maior puntuación e superasen o número de tres todos eles pasarían á fase de entrevista.

A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de méritos e da entrevista.

O tribunal resolverá e emitirá o correspondente fallo.

Da acta da reunión que celebre o tribunal remitirase copia ao presidente da Cámara, quen dispoñerá a convocatoria dunha sesión extraordinaria do pleno, para a designación para o cargo obxecto de concurso, da persoa que resulte elixida, comunicándose seguidamente o acordo á Administración tutelante.

O tribunal poderá declarar deserto o concurso e, en consecuencia, decidir a non adxudicación da praza.

Sexta.

O nomeamento do secretario xeral aprobado polo Pleno, mediante acordo adoptado pola metade máis un dos seus membros, publicarase no taboleiro de anuncios da Cámara e no Boletín Oficial da provincia e notificarase persoalmente ao interesado, que deberá tomar posesión dentro do prazo máximo de trinta días, contados desde a data de notificación do nomeamento, perdendo os seus dereitos se así non o fixer. Este prazo só poderá ser prorrogado por causa xusta, por petición do interesado, quen deberá solicitalo con anterioridade á terminación daquel.

Sétima.

O concursante que obtivese o cargo virá obrigado a desempeñalo en réxime de contratación laboral e de dedicación exclusiva. A retribución anual da praza de secretario xeral será a que se estableza oportunamente e terá os dereitos e deberes establecidos na Lei galega de cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia e demais normativa cameral e en particular no Regulamento de réxime interior e no de persoal da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña.

Nota:

Calquera aclaración ou información complementaria poderá ser solicitada á Secretaría Xeral da Cámara, sen que iso afecte ningún dos prazos apuntados.

A Coruña, 24 de xaneiro de 2019

Antonio Couceiro Méndez
Presidente da Cámara Oficial de Comercio, Industria,
Servizos e Navegación da Coruña

missing image file