Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5969

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Galicia Europa

EXTRACTO do Anuncio do 18 de xaneiro de 2019 polo que se convoca unha bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

BDNS (Identif.): 436878.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas que teñan a condición de seren naturais de Galicia, seren fillos/fillas de galegos ou acreditaren, mediante empadroamento, residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria, e nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Convocar unha bolsa de formación, para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación con destino na oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras do procedemento están recollidas no anexo I da Orde do 17 de decembro de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Cuarto. Importe

O importe total da bolsa distribuirase do seguinte xeito:

– Retribución bruta (pagamento ao bolseiro): 15.949,08 €.

– Axuda de desprazamento para gastos de viaxe (pagamento ao bolseiro): 1.100 €.

– Seguridade Social: 490,92 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente da Fundación Galicia Europa