Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Xoves, 31 de xaneiro de 2019 Páx. 6285

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recolle, entre os seus ámbitos de actuación, que a Xunta de Galicia promoverá actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, como a ampliación da rede de centros de atención á infancia.

Tendo en conta o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

A atención á infancia e o apoio ás familias é unha das liñas estratéxicas de actuación da Xunta de Galicia que, a través do Programa de apoio á natalidade (PAN), traballa no desenvolvemento dos mecanismos precisos para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar e laboral.

Neste sentido, o obxectivo da área de conciliación do Programa PAN (PAN-Concilia) é crear un ambiente social favorable en que non entren en conflito as responsabilidades parentais de coidado co acceso e permanencia no mercado de traballo, tanto mediante a posta á disposición das familias de recursos que lles permitan compatibilizar o desempeño profesional cos labores de atención e coidado das fillas e fillos, como mediante o fomento da corresponsabilidade no fogar e da implicación empresarial.

Unha das liñas de acción do PAN-Concilia diríxese á constitución dunha rede galega de centros de educación infantil 0-3 sostidos con fondos públicos articulada e de calidade, como recurso educativo e de prestación de servizo ás familias galegas, en que o papel das entidades privadas de iniciativa social é fundamental.

Esta orde de axudas ten como finalidade materializar a contribución da Administración galega ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e fomentar a mellora da súa calidade.

O Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recolle, no seu artigo 25, as circunstancias que deben concorrer para a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como os requisitos que se deben cumprir.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2018.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o cal foron establecidos,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas económicas para o mantemento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, coa finalidade de consolidar a oferta existente e de ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral no cal se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias (código de procedemento BS420A).

2. Para os efectos desta orde, enténdese por nenas/os de 0 a 3 anos as/os nacidas/os con posterioridade ao 31 de decembro de 2016.

Artigo 2. Financiamento

Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 3.460.152 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellería de Política Social, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Que a escola infantil 0-3 para a cal se solicita a axuda cumpra os requisitos establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, e mais no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, así como na normativa de desenvolvemento.

Artigo 4. Gastos subvencionables e contía da axuda

1. As axudas convocadas teñen como finalidade compensar os gastos que se produzan e/ou se abonen desde o primeiro de xaneiro de 2019 ata a data de xustificación nos seguintes conceptos:

a) Gastos de persoal (non se subvencionarán aqueles importes que excedan os salarios e complementos establecidos para cada categoría profesional no último convenio colectivo de ámbito estatal de centros de asistencia e educación infantil).

b) Gastos de alimentación.

c) Outros gastos xerais de mantemento do centro.

2. A contía da axuda establecerase en función do número de unidades da escola infantil 0-3 autorizadas que estean en funcionamento na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes e da prestación do servizo de comedor, segundo os seguintes módulos, para os efectos do previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e máis nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

Centros con servizo de comedor

Centros sen servizo de comedor

De 1 a 3 unidades

De 4 a 6 unidades

Con 7 ou máis unidades

Contía total por unidade en funcionamento

20.507,00 €

19.579,00 €

18.640,00 €

16.554,00 €

De non estar en funcionamento todas as unidades o ano completo, aplicarase unha redución proporcional ao tempo en que non se prestou o servizo.

3. Para os efectos desta orde enténdese por servizo de comedor o prestado ben por persoal do propio centro, ben por persoal alleo a el contratado con tal fin (servizo de catering), e que inclúe os alimentos. Este servizo comprenderá en todo caso o xantar e, opcionalmente, o almorzo e merenda e/ou cea.

Artigo 5. Procedemento e réxime de aplicación

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

2. No caso de percibírense outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao amparo desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere os gastos da actividade subvencionada.

4. As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variaren as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 7. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación da persoa que solicita a axuda.

b) Datos do/dos centro/s para o/os cal/cales se solicita a subvención (anexo II).

c) Resumo da memoria do centro do curso escolar 2017/18 (máximo de 10 páxinas) onde se aborden os seguintes contidos:

1º. Horarios e servizos que presta.

2º. Unidades en funcionamento (grupos de idade, ocupación, adscrición do persoal educativo ás unidades).

3º. Persoal adscrito ao centro diferenciado por categorías profesionais e xornada laboral.

4º. Descrición xeral das actividades realizadas co alumnado.

5º. Relación de protocolos con que conta.

6º. Mención ás actividades de formación do persoal, de ser o caso.

d) Proxecto lingüístico do centro.

e) Tarifa de prezos vixente, adaptada ao disposto no artigo 21.

2. As entidades que soliciten por primeira vez estas axudas dispoñen dun prazo de dous meses desde a notificación da resolución favorable para enviar a documentación prevista na letra e) do punto anterior.

No suposto de que a tarifa de prezos da escola infantil sufra modificacións durante o ano 2019, deberase informar a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica no prazo dun mes desde que estas modificacións teñan lugar.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. De maneira excepcional, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa reguladora da protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificación de estar ao corrente das obrigas tributarias emitida pola Axencia estatal de Administración tributaria (AEAT).

c) Certificación de estar ao día das obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día das obrigas tributarias coa facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación, quen realizará as correspondentes propostas de resolución.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

4. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40 e 45 da indicada Lei 39/2015, do 1 de outubro, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal de política social (http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de-familia), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

6. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, para aquelas que reúnan todos os requisitos e acheguen a documentación necesaria solicitarase un informe á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social sobre as condicións actuais dos centros solicitantes, para os efectos de constatar o cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais e a data do permiso de inicio de actividades e do previsto na letra a) do artigo 12. Feita esta comprobación, as que cumpran este criterio serán remitidas á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo 11.

7. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, poñerase de manifesto ás entidades interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

8. Respecto dos expedientes nos cales concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos, as avaliará e emitirá o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no relativo aos órganos colexiados, e estará integrada polas seguintes persoas:

Presidenta/e: a persoa titular do Servizo de Conciliación Familiar.

Vogais: dúas persoas traballadoras designadas pola presidencia da comisión; unha delas actuará como secretaria.

2. No informe da comisión figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a axuda, e especificarase a puntuación que lles corresponde e o importe da concesión que se propón para cada unha delas.

Artigo 12. Criterios de valoración de solicitudes

1. As solicitudes presentadas avaliaranse cun máximo de 50 puntos conforme os seguintes criterios:

a) Escolas infantís 0-3 que nalgún dos dous anos anteriores recibiron subvencións da Xunta de Galicia con igual obxecto prestando o servizo á satisfacción da Administración, o que se apreciará con base na xustificación axeitada da dita subvención e na inexistencia de expediente de reintegro ou informe negativo da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais: 25 puntos.

b) Tempo de funcionamento do centro desde a data do permiso de inicio de actividades:

1º. Inferior a 3 anos: 15 puntos.

2º. Entre 3 e 5 anos: 20 puntos.

3º. Superior a 5 anos: 25 puntos.

Para estes efectos, cando se produza un cambio de localización dentro do mesmo concello entenderase que se trata do mesmo centro e, polo tanto, dun traslado da actividade, sempre que se manteñan a titularidade, o cadro de persoal e o alumnado do centro que se traslada.

2. Para ter dereito á subvención en primeira adxudicación será preciso ter un mínimo de 40 puntos. No caso de non existir crédito suficiente para atender os importes solicitados polas entidades que obteñan esta puntuación, non se subvencionarán as unidades de nova creación respecto ao curso 2017/18. Se aínda así é insuficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a todas as entidades que resulten beneficiarias.

3. Unha vez atendidas, dentro das dispoñibilidades orzamentarias, todas as solicitudes que acaden o limiar establecido no punto anterior, teranse en conta as solicitudes que acadasen unha puntuación inferior, determinándose a preferencia, no suposto de empate, en función da puntuación obtida en cada criterio, seguindo a orde en que figuran relacionados; no caso de persistir o dito empate, a preferencia determinarase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 13. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axuda, logo da fiscalización da proposta, facendo uso das facultades conferidas no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

Con anterioridade a ditarse a resolución de concesión deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar é de cinco meses contados a partir do día seguinte á data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

3. No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a ela, a Subdirección Xeral de Demografía e Conciliación poderá, co importe dispoñible, formular proposta de resolución complementaria relativa ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa puntuación obtida.

Artigo 14. Publicación e notificación

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación así como as correspondentes resolucións. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería de Política Social: http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada-de-familia.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir da publicación da resolución no DOG, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, se esta fose expresa, ou seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ademais especificamente a:

a) Asegurar o cumprimento do proxecto educativo na/nas escola/s subvencionadas.

b) Remitir os informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Política Social.

c) Facilitar a inspección e o control dos órganos competentes da Consellería de Política Social respecto dos centros subvencionados.

d) Adaptar a tarifa de prezos da escola infantil 0-3 ao establecido no artigo 21 desta orde.

e) Realizar a selección de solicitudes para a adxudicación de prazas na escola infantil 0-3 de acordo co baremo e coa puntuación establecidos no anexo VI.

f) Prestar servizo cinco días á semana durante todo o ano, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral ou salvo causa xustificada, logo da autorización da Consellería de Política Social.

g) Asegurar na prestación do servizo de comedor que se proporciona unha dieta equilibrada e axeitada á idade dos nenos e nenas e poñer á disposición dos pais e das nais a relación semanal de menús.

h) Cumprir cos contidos exixidos para o proxecto lingüístico, de acordo co Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

i) Enviar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, a documentación que consta nos seguintes dous puntos:

1º. Un certificado de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o modelo establecido no anexo III.

2º. Unha relación do alumnado do centro no curso 2019/20, onde se indique a seguinte información:

– Nome do pai, nai ou representante legal.

– Nome da/do nena/o.

– Meses de asistencia ao centro.

– Importe da cota mensual.

j) En relación coas solicitudes de novo ingreso para o curso 2019/20:

1º. Facilitar unha copia do modelo de solicitude de axudas que figura como anexo IV a esta orde ás persoas que lles soliciten praza, co obxecto de que poidan exercer a opción por unha axuda do Bono Concilia no caso de figurar en lista de espera no centro.

2º. Remitir á xefatura territorial da Consellería de Política Social da súa provincia, con data límite do 12 de xuño de 2019, a relación de solicitantes de prazas do centro que se encontren en lista de espera para o curso 2019/20 e que, pola súa vez, optan polo Bono Concilia. A esta relación xuntaranse todas as solicitudes de axuda do Bono Concilia (anexo IV).

k) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

l) Dar a adecuada publicidade das axudas percibidas a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

m) Dar adecuada publicidade ao número de solicitudes de praza recibidas e ao baremo aplicado para a súa selección a través do taboleiro de anuncios do centro e da páxina web, no caso de que dispoñan dela.

2. As entidades beneficiarias teñen a obriga de subministrar información nos termos previstos no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

3. As entidades que resulten beneficiarias destas axudas por primeira vez disporán dun prazo de 2 meses desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda para adaptar os prezos da escola infantil 0-3 ao disposto no artigo 22.

Artigo 18. Xustificación das subvencións

1. Con base no establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais nos artigos 44 e 52 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e tendo en conta o obxecto e a natureza destas axudas, as entidades beneficiarias deberán achegar coa solicitude final de pagamento (anexo V), que en todo caso se presentará co data límite do 5 de decembro de 2019, a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

1º. Acreditación sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo.

2º. Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos previstos nestas bases reguladoras.

3º. Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4º. Detalle dos gastos realizados durante o ano 2019.

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de opoñerse á súa consulta.

2. A Consellería de Política Social poderá comprobar, mediante técnicas de mostraxe, os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, podendo requirir á entidade beneficiaria a entrega dos xustificantes non achegados inicialmente.

Artigo 19. Pagamento

1. As entidades beneficiarias das axudas percibirán ata o 80 % da cantidade concedida en concepto de pagamento anticipado, con anterioridade á súa xustificación, que se fará efectivo a partir da notificación da concesión. O 20 % restante librarase unha vez xustificada a realización da actividade para a cal se concedeu a axuda nos termos establecidos nesta orde.

2. En todo caso, o importe da axuda non poderá ser superior á diferenza resultante entre os gastos correntes e os ingresos do exercicio 2019.

Artigo 20. Incumprimento, revogación e reintegro de axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Cando se incumpra totalmente a obriga da xustificación da subvención ou non se achegue a documentación prevista na letra i) do artigo 16.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Procederá o reintegro parcial proporcional ao grao de incumprimento nos seguintes supostos:

a) Cando se incumpran parcialmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou se adopte de xeito parcial o comportamento que fundamentou a concesión da subvención, entre o 2 % e o 50 % da axuda percibida, en proporción ao período do ano en que se producise o incumprimento.

b) No caso de xustificación insuficiente segundo os termos do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro das cantidades non xustificadas ou xustificadas insuficientemente.

c) Cando se incumpra a obriga de adoptar as medidas de difusión establecidas no artigo 17, procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida.

d) Cando se dea algún incumprimento do resto das obrigas recollidas no artigo 17, procederá o reintegro de entre o 2 % e o 80 % da axuda percibida, de xeito proporcional ao grao de incumprimento, tendo en conta a súa duración e o alumnado afectado.

3. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia ES82-2080-0300-87-3110063172, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Determinación da renda per cápita mensual

1. As entidades subvencionadas adxudicarán as prazas segundo o baremo que se recolle no anexo VI. Para estes efectos, na valoración da situación económica seguiranse as seguintes regras, de acordo coa definición recollida no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes da Consellería de Traballo e Benestar:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e mais a formada por unha soa persoa proxenitora e:

1º. As fillas e os fillos menores agás que, con consentimento do/da pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

4º. As menores e os menores en situación de acollemento familiar.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de presentación da solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2017, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de unidades familiares formadas por unha soa persoa proxenitora (familias monoparentais) incrementarase o número real de membros que a compoñen nun 0,8 sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe resultante por doce.

2. Cando as circunstancias na data da devindicación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente.

Artigo 22. Prezos

1. As entidades beneficiarias destas axudas estarán suxeitas ao réxime de prezos públicos regulado polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, coas actualizacións derivadas da variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos ao consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos seguintes termos:

a) Atención educativa. Poderán percibir das persoas usuarias o importe dos prezos máximos establecidos, aos cales deberán aplicar as reducións, descontos e exencións que se recollen no dito decreto en función da renda e das circunstancias da unidade familiar. Entenderase que cumpren con este réxime de prezos cando as cantidades cobradas ás/aos usuarias/os non superen, en cómputo anual, a contía que lle corresponda aboar en función da renda da unidade familiar.

b) Servizo de comedor. Poderán percibir das persoas usuarias o importe do prezo máximo unitario establecido no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, quedando eximidas da aplicación das reducións, descontos e exencións recollidos nel.

2. Se algún centro presta outro tipo de servizo distinto dos regulados no decreto indicado no punto anterior, só poderá establecer un prezo polos relacionados a continuación e coas condicións e contías máximas indicadas para cada un deles, agás que se trate do servizo de transporte, polo que poderán seguir percibindo o importe correspondente.

a) Matrícula: prezo máximo por curso 100,00 €.

b) Material: prezo máximo por curso 58,00 €.

c) Cociña, entendida como a prestación do servizo consistente na achega dos medios persoais e materiais precisos para a adecuada distribución e consumo dos alimentos que traen as familias: prezo máximo por mes 25,00 €. Este servizo non poderá cobrarse simultaneamente ao de comedor.

d) Actividades complementarias, que deberán ter carácter voluntario e garantir a atención educativa na aula dos nenos e nenas que non as realicen desenvolvendo outra actividade incluída na programación didáctica. Só se considerarán actividades complementarias as seguintes:

1º. Natación.

2º. Lingua estranxeira, entendida como a impartida por persoal con formación específica e titulación oficial e nunha aula diferente.

Calquera outra actividade distinta das anteriores non se considera actividade complementaria, senón que forma parte do currículo.

Artigo 23. Subcontratación

1. Poderase autorizar a subcontratación total ou parcial (polo importe do 100 %) da actividade subvencionada. A dita subcontratación axustarase, en todo caso, ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 43 do seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Cando a actividade concertada con terceiras persoas exceda o 20 % do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación deberá realizarse por escrito e a súa subscrición deberá ser previamente autorizada pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica nos termos do número 3 deste artigo. En todo caso, a solicitude de autorización, que deberá estar debidamente xustificada, deberá formularse antes da resolución da subvención.

Xunto coa citada solicitude deberase presentar documentación acreditativa da especialización da entidade con que se contrata a realización da actividade, así como a acreditación de que esta entidade se encontra ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

3. A resolución de autorización de subcontratación será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, por delegación do conselleiro de Política Social, e notificarase no prazo dun mes contado desde a data de presentación da solicitude de subcontratación. Esta resolución porá fin á vía administrativa, contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 24. Infraccións e sancións

Ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Control e verificación

Todas as axudas concedidas ao abeiro desta orde estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria, de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 27. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Política Social coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde e no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

A concesión das subvencións obxecto desta convocatoria queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional segunda. Límite das axudas

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2019.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación das facultades para a concesión destas subvencións a favor da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ao abeiro do establecido no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Baremo

As prazas adxudicaranse segundo os seguintes criterios preferentes:

A) Solicitudes de renovación de praza das/dos nenas/os matriculadas/os no curso 2018/19.

B) Solicitantes cunha/cun irmá/n con praza adxudicada (renovada ou de novo ingreso para o curso 2019/20).

C) O resto de solicitudes adxudicaranse segundo a puntuación obtida pola aplicación do seguinte baremo:

1º. Situación socio-familiar.

1.1. Por cada membro da unidade familiar...............................................

2 puntos

1.2. Por cada persoa que, non formando parte da unidade familiar, estea ao seu cargo..................................................................................................

1 punto

1.3. No caso de que o/a neno/a para o cal se solicita a praza nacese nun parto múltiple..................................................................................................

1 punto

1.4. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade ou enfermidade que requira internamento periódico...........................................

2 puntos

1.5. Pola condición de familia monoparental.............................................

3 puntos

1.6. No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais........................................................................................................

6 puntos

1.7. Pola condición de familia numerosa.......................................................

3 puntos

1.8. Outras circunstancias familiares debidamente acreditadas................

ata 3 puntos

2º. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación:

– Nai................................................................................................................... 7 puntos

– Pai................................................................................................................... 7 puntos

2.2. Situación laboral de desemprego (1):

– Nai................................................................................................................... 2 puntos

– Pai................................................................................................................... 2 puntos

2.3. Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

– Nai .................................................................................................................. 3 puntos

– Pai ................................................................................................................... 3 puntos

– (1) Valorarase tal condición coa certificación de demanda de emprego con efectos do día anterior ao da publicación desta orde.

– No caso de familias monoparentais ou naquelas en que o neno ou a nena conviva cun só proxenitor, adxudicaráselles a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous.

– Só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

3º. Situación económica.

R.P.C. mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente:

– Inferior ao 30 % do IPREM........................................................................... +4 puntos

– Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM......................................... +3 puntos

– Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM......................................... +2 puntos

– Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM........................................ +1 punto

– Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM....................................... -1 punto

– Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM..................................... -2 puntos

– Entre o 150 % e o 200 % do IPREM.............................................................. -3 puntos

– Superior ao 200 % do IPREM......................................................................... -4 puntos

• En caso de obter igual puntuación, terán preferencia en primeiro lugar as solicitudes de xornada completa con servizo de comedor sobre as solicitudes de media xornada, e despois a renda per cápita máis baixa.

• Para os efectos desta orde están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente.

• No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes 2ª e 3ª do baremo.

• No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.