Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6785

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 28 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade durante o ano 2019 e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, establece que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado é un dos órganos de dirección en que se estrutura a Consellería de Política Social.

De acordo co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil; o fomento da participación da mocidade na vida social; a coordinación e supervisión do funcionamento das instalacións xuvenís, tanto as propias da consellería como as dependentes doutras entidades, e a prestación da asistencia técnica necesaria para dar un servizo de calidade; así como o seguimento na xestión da Rede galega de información xuvenil e a súa promoción e desenvolvemento.

Pola súa parte, a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 1, que as políticas públicas dirixidas á mocidade terán como finalidade mellorar a calidade de vida da xente nova, especialmente a través do acceso á información en materia xuvenil e mediante a participación activa dos mozos e mozas no desenvolvemento sustentable, económico e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co artigo 9 da citada lei, a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e potenciará entre a mocidade un sistema de actitudes e preocupacións do cal formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade.

Tamén establece, no seu artigo 48, que as administracións públicas fomentarán a participación da mocidade no seu sentido máis amplo, para así lexitimar e dotar de maior coherencia as políticas de mocidade, adaptándoas á realidade xuvenil de cada momento.

A Consellería de Política Social entende que, en cumprimento deste mandato legal e para lograr unha verdadeira participación da mocidade nos diferentes ámbitos da sociedade actual, é fundamental impulsar actuacións e apoiar os proxectos que desenvolvan as entidades locais e que vaian dirixidos a facilitar a participación da mocidade en actividades de educación non formal, tendo en conta as competencias e aptitudes que derivan desta, sobre todo de cara a mellorar a empregabilidade da mocidade galega. Neste ámbito enmárcase esta nova orde de axudas, dirixida a impulsar proxectos promovidos polas entidades locais no ámbito da educación non formal e que teñan como beneficiarias directas as persoas mozas.

A orde axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e queda sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade, e convocar estas axudas para o ano 2019 (código de procedemento BS305E).

2. Coas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación establecidas no artigo seguinte.

3. Entenderase por iniciativa local dirixida á mocidade un proxecto homoxéneo para a realización dunha actividade ou programa de actividades con unidade de contido, orientada á consecución duns obxectivos claramente definidos, nun ámbito de actuación e nun marco temporal concretos.

Non se considerará como proxecto de iniciativa local, para os efectos desta orde, aquel constituído por actividades que formen parte da programación ordinaria destinada á mocidade da entidade local solicitante e que non encaixe na definición de iniciativa local dirixida á mocidade recollida no parágrafo anterior, nin tampouco o constituído polas funcións ordinarias dos servizos de información xuvenil.

4. As actividades irán dirixidas ás persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, conforme a definición de persoas novas da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Artigo 2. Áreas de atención prioritaria

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritaria as seguintes:

a) Iniciativa local emprendedora: proxectos relacionados co emprendemento e a empregabilidade dos mozos e mozas.

b) Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.

c) Dinamización da información para a mocidade.

d) Fomento de actitudes creativas e innovadoras da mocidade na súa comunidade e na súa contorna.

e) Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.

f) Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

g) Fomento da participación e o empoderamento das mulleres novas galegas.

h) Conservación e posta en valor do ambiente e do patrimonio cultural e natural.

i) Desenvolvemento e dinamización do medio rural.

j) Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.

Artigo 3. Orzamento

Para o financiamento destas axudas destínase un crédito de 500.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.313A.460.0 de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de outubro de 2018, en que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Artigo 4. Solicitantes

1. Poderán solicitar estas axudas os concellos galegos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos.

2. Así mesmo, poderán solicitar as axudas que regula esta orde as agrupacións de concellos, estremeiros e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.

3. Enténdese por solicitude individual a realizada por un único concello e por solicitude conxunta a realizada por unha mancomunidade, consorcio local ou agrupación de concellos.

4. Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude, sexa individual ou conxunta. O incumprimento deste criterio dará lugar á non admisión de todas as solicitudes individuais, dando validez á solicitude conxunta. No caso de que o concello figure en máis dunha solicitude conxunta, non será admitida ningunha delas.

Artigo 5. Requisitos

1. Para obter a condición de beneficiaria, todas as entidades e agrupacións solicitantes deberán, na data da proposta de resolución:

a) Ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio. Para a comprobación do cumprimento deste requisito, consultaranse os datos da rendición do sector local en Galicia publicados polo Consello de Contas na súa páxina web oficial.

b) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

c) Cumprir cos demais requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As mancomunidades e consorcios locais deberán estar formalmente constituídos de acordo coa normativa vixente e ter, de conformidade co que dispoñan os seus estatutos, capacidade e obxecto idóneos para levar a cabo o proxecto.

3. Os concellos que formen parte das agrupacións recollidas no artigo 4.2 terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles deberán cumprir os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo. Por acordo de todos os concellos unha das alcaldías exercerá a representación única e será quen reciba e xustifique a axuda. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 6. Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable abranguerá desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.

2. A contía máxima que se poderá solicitar será de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude será de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos. Para o suposto de concellos resultantes de procesos de fusión municipal poderá solicitarse, así mesmo, un máximo de 15.000 euros no caso de fusión de dous concellos e de 22.000 euros no caso de fusión de tres ou máis concellos.

3. Concederase a subvención polo importe solicitado, tendo en conta os límites fixados no punto anterior, ás entidades locais cuxo proxecto acade a puntuación mínima prevista no artigo 15.1, de acordo coa orde de prelación sinalada no artigo 16.5, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No caso de que o orzamento do proxecto sexa superior ás contías máximas sinaladas no punto 2, quedará por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a execución total do proxecto subvencionado.

5. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante.

Artigo 7. Proxectos e gastos subvencionables

1. Serán excluídos aqueles proxectos que non se axusten ao obxecto e á finalidade destas axudas recollidos no artigo 1.

2. No caso das solicitudes conxuntas, deberá acreditarse suficientemente que o proxecto se realiza conxuntamente e que non se trata de actuacións independentes de cada entidade local. En caso contrario, o proxecto será excluído.

3. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubitado, respondan á natureza do proxecto presentado e resulten estritamente necesarios para levalo a cabo.

4. Quedan excluídos, para os efectos da axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

5. Non será subvencionable a adquisición de equipamento e material inventariable.

6. Non serán subvencionables os gastos de luz, auga, calefacción e teléfono. Poderán subvencionarse outros gastos ordinarios de funcionamento, sempre que estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo IV. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderá superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto, ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

7. Calquera das actividades desenvolvidas será de carácter gratuíto para as persoas destinatarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

8. Serán subvencionables as retribucións salariais totais do persoal propio da entidade que se correspondan coas horas dedicadas á execución do proxecto, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta do empregador.

9. O importe total de gastos de manutención, como comidas, servizos de restauración ou compra de produtos alimenticios, non poderá superar o dez por cento do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel. Ademais, deben estar vinculados de xeito inequívoco coa actividade e realizados durante a súa execución material.

10. No caso dos premios que se outorguen nos concursos ou competicións previstos no proxecto subvencionable e dos obsequios para persoas que colaborasen no desenvolvemento dalgunha actividade, estes deberán incluírse no orzamento do dito proxecto. O límite para os gastos por este concepto será do dez por cento do orzamento total ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

11. Non serán subvencionables os proxectos que consistan na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto. Non será subvencionable, en ningún caso, a contratación de grupos de música e baile nin a adquisición de instrumentos musicais, uniformes ou traxes.

12. Non serán subvencionables os actos que teñan lugar fóra de Galicia.

13. O importe total dos custos de alugamento de espazos e equipamento non pode superar o corenta por cento do orzamento total do proxecto ou da contía xustificada, de ser esta inferior a aquel.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

1. A obtención desta subvención é compatible con outras outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados, sen que en ningún caso o seu importe poida ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo do proxecto.

2. Cando a entidade teña concedida ou solicitada outra axuda destinada ao mesmo proxecto, fará constar esta circunstancia no anexo I. Os concellos que formen parte dunha agrupación, excepto o que exerza a representación única, farano constar no anexo II.

3. A obtención doutras axudas para o proxecto subvencionado deberá serlle comunicada á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado no momento en que se coñeza.

4. No caso de que se incumpran as condicións recollidas neste artigo, será de aplicación o disposto no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, procedemento BS305E), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente e sempre que o prazo de presentación de solicitudes non estea rematado, será requirida para presentala por medios electrónicos. En todo caso, a solicitude non será admitida a trámite se a presentación electrónica se realiza despois do remate do prazo de presentación de solicitudes, logo de resolución que se ditará nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A persoa representante, para a formalización da solicitude e os trámites posteriores do procedemento, será:

a) Se a entidade solicitante é un concello, a persoa titular da alcaldía-presidencia ou a persoa que teña delegada a competencia.

b) Se a entidade solicitante é unha mancomunidade ou consorcio local, a persoa titular da presidencia ou a persoa que teña delegada a competencia.

c) No suposto previsto no artigo 4.2, a persoa titular da alcaldía-presidencia do concello que exerza a representación única da agrupación ou a persoa que teña delegada a competencia nese concello.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades ou agrupacións interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) O certificado da secretaría que recolla o acordo de solicitude da subvención por parte do órgano competente e, se for o caso, o acordo de delegación para a tramitación do procedemento.

b) O proxecto de iniciativa local dirixida á mocidade, redactado seguindo estritamente o modelo publicado como anexo III.

c) O orzamento de gastos desagregado segundo o anexo IV.

d) No caso das solicitudes conxuntas, unha memoria explicativa onde quede claramente reflectido o aforro de custos da execución do proxecto respecto da súa realización de xeito individual.

e) No caso das agrupacións, o acordo de colaboración, en que se incluirá o nomeamento do concello que exercerá a representación única, e os certificados das secretarías dos demais concellos en que conste o acordo do Pleno ou da Xunta de Goberno polo que autorizan o exercicio da representación para a tramitación da subvención por parte do concello nomeado no acordo de colaboración.

f) No caso das agrupacións, un anexo II cuberto por cada un dos concellos excepto o que exerza a representación única.

2. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación complementaria seralle comunicado á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que poderá solicitar da entidade solicitante, en todo caso, todos os documentos e aclaracións que considere necesarios para completar o expediente.

3. A documentación complementaria presentarase obrigatoriamente por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. En todo caso, se o proxecto de iniciativa local dirixida á mocidade se presenta electronicamente fóra do prazo establecido no artigo 9.2, a solicitude non será admitida a trámite.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. De conformidade coa normativa de protección de datos, para a tramitación deste procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

b) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Política Social (http://politicasocial.xunta.gal).

2. Así mesmo, as notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse complementariamente só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se aprecian defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a entidade solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 21 da referida lei.

2. Debido a que se establece un réxime de concorrencia competitiva para a concesión destas axudas e atendendo ao principio de igualdade, a non presentación do proxecto de iniciativa local dirixida á mocidade, xunto coa solicitude, no prazo establecido no número 2 do artigo 9, constituirá un defecto non emendable e comportará a inadmisión a trámite da solicitude.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Criterios de avaliación

1. A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) Adecuación ás áreas de atención prioritaria sinaladas no artigo 2: ata 15 puntos.

b) Calidade do contido do proxecto e das actividades: ata 30 puntos.

c) Calidade do deseño do proxecto e metodoloxía: ata 15 puntos.

d) Compoñente educativo e de participación xuvenil fronte ao lúdico: ata 10 puntos.

e) Creatividade, innovación e orixinalidade do proxecto: ata 15 puntos.

f) Pertenza a zonas do medio rural: ata 10 puntos.

g) Emprego da lingua galega no desenvolvemento das actividades do proxecto, nos materiais escritos e audiovisuais que se elaboren e nas canles de difusión utilizadas para dalo a coñecer: ata 5 puntos.

3. A presentación dunha solicitude conxunta, sempre e cando o proxecto acade a puntuación mínima de 50 puntos conforme os criterios e baremos do punto 2 deste artigo, poderá supor ata 30 puntos adicionais, que se distribuirán do xeito seguinte:

a) 10 puntos adicionais pola presentación da solicitude conxunta.

b) 2 puntos adicionais, ata un máximo de 10, por cada un dos concellos que formen parte da mancomunidade, consorcio ou agrupación.

c) Ata 10 puntos adicionais que se lle outorgarán á memoria recollida no artigo 10.1.d), atendendo ao aforro de custos respecto da realización do proxecto de xeito individual.

4. Aos concellos resultantes dos procesos de fusión de municipios a través da alteración de termos municipais, a que se refire a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, outorgaránselles 40 puntos adicionais sempre e cando o proxecto acade a puntuación mínima de 50 puntos conforme os criterios e baremos do punto 2 deste artigo. Esta puntuación é excluínte da reflectida no número anterior.

Artigo 16. Instrución e comisión de avaliación

1. O órgano instrutor do procedemento será o Instituto da Xuventude de Galicia.

2. A avaliación das solicitudes corresponderalle á comisión de avaliación, conformada do seguinte xeito:

a) Presidente/a: a persoa titular do Instituto da Xuventude de Galicia.

b) Vogais: a persoa titular do Servizo de Actividades para a Xuventude, a persoa que ocupe a dirección do Centro Coordinador de Información Xuvenil e un/unha técnico/a da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

c) Secretario/a: un/unha funcionario/a do Instituto da Xuventude de Galicia.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

4. O órgano instrutor do procedemento poderá solicitar das entidades interesadas a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

5. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión emitirá un informe en que se concretará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non acadaren a puntuación mínima requirida no artigo 15.1 e as que deban ser excluídas por non ser o proxecto subvencionable segundo o artigo 7. No caso de empate na puntuación entre dúas ou máis entidades solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior valoración que realizase a comisión con base en cada un dos criterios e baremos que se reflicten no artigo 15.2, seguindo a orde establecida nel.

Artigo 17. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) As entidades solicitantes para as cales se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase consonte a orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación e ata esgotar o crédito orzamentario.

b) As entidades solicitantes para as cales se propón a denegación da axuda por non acadaren a puntuación mínima establecida no artigo 15.1.

c) As entidades solicitantes para as cales se propón a súa exclusión por non ser o proxecto subvencionable segundo o artigo 7.

2. As entidades solicitantes que, tendo alcanzado a puntuación mínima, non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario, pasarán a conformar unha lista de reserva que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no punto seguinte.

3. No caso de se produciren renuncias a estas axudas por parte das entidades beneficiarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión da axuda ás persoas solicitantes incluídas na lista de reserva prevista no punto anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

Artigo 18. Resolución

1. O órgano competente para resolver será a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, notificaráselles a todas as entidades solicitantes no prazo máximo de cinco meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, deberá entenderse desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 19. Réxime de recursos

1. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Malia o anterior, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, se for expresa. Se a resolución non for expresa, poderase interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Xustificación

A data límite para a presentación da xustificación da subvención é o 20 de outubro de 2019. Xustificarase a totalidade do proxecto subvencionado, para o cal deberá achegarse:

a) O certificado da intervención, ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da cantidade total do gasto realizado na posta en práctica do proxecto subvencionado. Terá a consideración de gasto realizado, en cumprimento do disposto no artigo 3.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, aquel efectivamente pagado pola entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

b) O certificado expedido pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/da alcalde/alcaldesa ou presidente/a, relativo á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada, coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, concepto, importe, data de emisión e data de pagamento.

A distribución dos gastos entre os diversos conceptos deberá corresponderse substancialmente coa desagregación orzamentaria contida no proxecto de iniciativa local presentado coa solicitude.

3º. No caso dos gastos de persoal propio da entidade, deberán detallarse estes gastos, incluíndo identificación do/da traballador/a, posto que ocupa, horas da xornada laboral imputadas ao proxecto, contía salarial equivalente ás horas imputadas ao proxecto e data de pagamento.

4º. A gratuidade, para as persoas destinatarias, de todas as actividades desenvolvidas no proxecto.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) As certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, só no caso de que se opuxesen expresamente á súa consulta automática no trámite de solicitude.

f) Unha memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativa local dirixida á mocidade, segundo o modelo publicado como anexo V. Deberase xuntar á memoria unha reportaxe fotográfica ou audiovisual que reflicta o desenvolvemento das actividades, así como unha mostra do material gráfico empregado.

g) A relación de persoas novas participantes nas distintas actividades co seu nome e apelidos e con indicación da idade para os efectos de acreditar a adecuación aos intervalos de idade establecidos no artigo 1.4 desta orde. No caso de menores, bastará que a relación inclúa as iniciais e a idade das persoas participantes.

Artigo 21. Pagamento e anticipo

1. De acordo co previsto no artigo 63 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, farase o pagamento anticipado do oitenta por cento da subvención concedida, cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros. No caso de que o importe da axuda supere os 18.000 euros, farase o pagamento anticipado dun 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros.

2. Antes de tramitar o pagamento anticipado, o órgano instrutor poderá requirir as certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, sempre que a persoa beneficiaria se opuxese expresamente á súa consulta automática no trámite da solicitude.

3. O aboamento da porcentaxe restante do importe da subvención concedida realizarase unha vez recibida e comprobada a xustificación presentada. No caso de que os gastos totais xustificados sexan inferiores ao orzamento do proxecto subvencionado, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

4. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade local beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 22. Obrigas

As entidades locais beneficiarias deberán:

a) Comunicar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as cales se pide a axuda. Esta comunicación realizarase preferentemente a través do enderezo electrónico
xuventude@xunta.gal

b) Acreditar, ante a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa local dirixida á mocidade, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará toda a información que sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento da iniciativa local obxecto da subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo seguinte.

h) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

i) Cumprir coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.

Artigo 23. Reintegro e réxime sancionador

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa que sexa de aplicación, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Ás entidades locais beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra parte, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información de conformidade co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición adicional primeira. Tramitación anticipada de gasto

Esta orde estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das axudas está condicionada á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 e ao disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional terceira. Ampliación do crédito

Poderase ampliar a contía máxima do crédito dispoñible para esta convocatoria. O incremento queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase no Diario Oficial de Galicia, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo do prazo para resolver.

O órgano competente para resolver acordará, ata o límite do crédito dispoñible e sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención á solicitude ou solicitudes seguintes na orde de puntuación, sempre que acadasen a puntuación mínima establecida no artigo 15.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Supletoriedade

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa en materia de subvencións contida na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro. Igualmente será de aplicación, no que proceda, o Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Disposición derradeira segunda. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar cantos actos sexan precisos para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file