BDNS (Identif): 437184.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios os concellos galegos, as mancomunidades de concellos de Galicia e os consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias as agrupacións de concellos, estremeiros e/ou dunha mesma comarca, que se xunten para os efectos de levaren a cabo unha iniciativa local conxunta. Neste suposto, todos os concellos quedarán obrigados solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención.
Segundo. Obxecto
Establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade e convocar estas axudas para o ano 2019.
Coas iniciativas locais dirixidas á mocidade tratarase de fomentar a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, especialmente aquelas actividades enmarcadas nas áreas prioritarias de actuación establecidas na orde. As actividades irán dirixidas ás persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.
Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 28 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases que rexen as subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade durante o ano 2019 e se procede á súa convocatoria.
Cuarto. Contía
A contía global da convocatoria é de 500.000 euros.
A contía máxima que se poderá solicitar será de 6.000 euros no caso das solicitudes individuais. Para as solicitudes conxuntas, a contía máxima da solicitude será de 15.000 euros se a entidade ou agrupación está formada por dous concellos e de 22.000 euros se está formada por tres ou máis concellos. Para o suposto de concellos resultantes de procesos de fusión municipal poderá solicitarse, así mesmo, un máximo de 15.000 euros no caso de fusión de dous concellos e de 22.000 euros no caso de fusión de tres ou máis concellos.
No caso de que o orzamento do proxecto sexa superior ás contías máximas sinaladas no parágrafo anterior, quedará por conta da entidade local a diferenza de financiamento necesario para a execución total do proxecto subvencionado.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Sexto. Outros datos
O período subvencionable abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019.
A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.
Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social