Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 1 de febreiro de 2019 Páx. 6977

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se fai pública a convocatoria, mediante procedemento aberto con criterio único (prezo), para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense.

Convócase mediante esta resolución o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Ourense (rúa Villaamil y Castro, s/n, 32004 Ourense) e no enderezo electrónico
http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/producion_e_industrias/poxas/, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 159, do 18 de agosto) e na Orde do 8 de setembro de 1998 pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 180, do 16 de setembro). A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar na sede do Servizo de Montes da Xefatura Territorial na rúa Villaamil y Castro, s/n, 32004 Ourense.

Para este procedemento rexerán a normativa antes citada e os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares que figuran no expediente correspondente no Servizo de Montes de Ourense, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución.

As ofertas poderanse presentar no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao número 988 38 66 97.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do décimo quinto día hábil, contado a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A, coa documentación administrativa cotexada, e o sobre B, coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que se presenten ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2 % do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 106 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE (en diante, LCSP).

3. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 71 da LCSP, así como na redacción establecida pola Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado, e pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

A dita declaración comprenderá expresamente a circunstancia de atoparse ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Facenda estatal, de non ter débedas de natureza tributaria coa Comunidade Autónoma de Galicia, de atoparse ao día no cumprimento das obrigas da Seguridade Social, e de estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Esta declaración presentarase sen prexuízo de que a xustificación acreditativa dos ditos aspectos deba ser presentada, antes da adxudicación, polo empresario a prol do cal se efectuará a adxudicación.

Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos de acreditación do cumprimento das citadas obrigas, agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio corrente, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non terse dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas, no que non se opoña ao establecido na LCSP.

4. Acreditarase a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma, deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable en que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.

Ademais desta documentación, deberá xuntarse a que proceda en cada caso, segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5 % do prezo de licitación, agás nos expedientes en que o aproveitamento se realice a resultas. Nestes últimos casos engadirase o 5 % de fianza complementaria, acadando unha garantía definitiva dun 10 %.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva e, de ser o caso, a complementaria dentro dos dez días hábiles seguintes ao da data en que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares do aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural