Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2019 Páx. 7233

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ACORDO do 24 de xaneiro de 2019, da Xefatura Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica, nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas (expediente IN407A 2016/877-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación denominada liña de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas (expediente IN407A 2016/877-1), pola Resolución do conselleiro de Economía, Emprego e Industria do 21 de decembro de 2018, a favor da entidade beneficiaria Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Esta xefatura territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar os días 20, 21 e 22 de marzo de 2019, nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas, respectivamente, para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se expón xunto con esta resolución nos taboleiros de edictos dos ditos concellos, deducida da que se someteu a información pública no Diario Oficial de Galicia do 5 de setembro de 2017, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 21 de agosto de 2017 e no xornal La Voz de Galicia do 29 agosto de 2017, acto a que deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás que se lles practicará notificación individual sinalándoselles os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas das casas consistoriais dos ditos concellos.

Cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación, dirixiranse ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan destas, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa. Neste caso, igualmente, publicarase un anuncio no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado.

A Coruña, 24 de xaneiro de 2019

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña