Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Luns, 4 de febreiro de 2019 Páx. 7011

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 14 de xaneiro de 2019 pola que se establecen os formularios normalizados que se van empregar nos procedementos administrativos de prazo aberto tramitados ante o Xurado de Expropiación de Galicia.

A publicación da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, supón un novo escenario normativo base para a consolidación da Administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia.

A Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, configura o Xurado de Expropiación de Galicia como o órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

E o Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia, regula a tramitación dos procedementos ante o Xurado, prevendo a súa tramitación electrónica segundo o disposto no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Para facilitar a presentación electrónica dos procedementos de determinación do prezo xusto, a disposición derradeira terceira do decreto faculta a persoa titular da consellería de adscrición do Xurado de Expropiación de Galicia para ditar as resolucións que establezan os formularios normalizados que se van empregar nos procedementos administrativos de prazo aberto tramitados ante o Xurado de Expropiación, por proposta da Presidencia do Xurado. Os formularios estarán accesibles na sede electrónica da Xunta de Galicia e, ademais, terán unha ligazón desde a propia páxina web do Xurado.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de conformidade co establecido na disposición derradeira segunda do Decreto 172/2018, do 20 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os formularios normalizados que se van empregar no procedemento de determinación de prezo xusto por ministerio da lei e no procedemento de recurso de reposición ante o Xurado de Expropiación de Galicia.

Os ditos procedementos habilitaranse na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia cos seguintes códigos:

a) IF208A-Procedemento de determinación de prezo xusto por ministerio da lei.

b) IF208B-Recurso de reposición ante o Xurado de Expropiación de Galicia.

Artigo 2. Forma de presentación

As solicitudes e os recursos presentarase preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados, establecidos nos anexos I e II, segundo o caso, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional e as persoas representantes dunha das anteriores.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas poderán achegar, xunto coa solicitude de inicio do procedemento de expropiación por ministerio da lei IF-208A, a seguinte documentación que se relaciona a título orientativo, que se deberá presentar debidamente foliada, indexada e ordenada cronoloxicamente:

a) Documento acreditativo da presentación da advertencia de iniciación do procedemento expropiatorio por ministerio da lei, despois de transcorrido o prazo de cinco anos desde a entrada en vigor do plan.

b) Documento acreditativo da presentación da folla de valoración á Administración expropiante, pasados os dous anos desde a advertencia indicada na alínea anterior.

c) Documento acreditativo da titularidade do ben na data de presentación da folla de valoración, para o cal será suficiente unha certificación de inscrición no Rexistro da Propiedade. Se o predio non está inscrito, poderase achegar copia auténtica de escritura pública xunto con certificación negativa do dito rexistro.

d) Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo e información sobre dotacións de servizos urbanísticos segundo o establecido no artigo 21 do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de solo e rehabilitación urbana, na data de inicio do expediente expropiatorio. Na dita certificación deberíase facer constar que os bens que se van expropiar están destinados a sistemas xerais ou dotacións públicas locais que non deban ser obxecto de cesión obrigatoria.

2. As persoas interesadas poderán achegar, xunto co formulario de interposición de recurso de reposición IF208B, a seguinte documentación:

a) Texto do recurso.

b) Documentación que acredite a representación do comparecente.

c) Documento/s que acredite a lexitimación do/a recorrente cando a posúa por terlla transmitido outro por herdanza ou calquera outro título.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que cómpre presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas, os documentos identificativos (DNI/NIE para persoas físicas e NIF para persoas xurídicas), tanto das persoas solicitantes coma das representantes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou deixen de realizar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Pluralidade de persoas solicitantes

As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderanse formular nunha única solicitude. Neste suposto, deberase achegar coa solicitude a listaxe completa de persoas solicitantes segundo o modelo específico dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.

Artigo 8. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recollidos nestes procedementos serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Co fin de darlles a publicidade exixida aos procedementos, os datos identificativos das persoas interesadas poderán ser publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2019

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file