Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7379

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan as subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, para o ano 2019.

O 28 de marzo de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 14 de marzo de 2018, pola que se establecían as bases reguladoras das subvencións do Programa Rehaluga dirixidas ás persoas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2018. Esta orde foi modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 2019).

O artigo 4 da citada Orde do 14 de marzo de 2018 determina: «Poderanse beneficiar destas axudas as persoas físicas, así como as persoas xurídicas privadas, que sexan propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables».

Tendo en conta que no programa de vivendas baleiras tramitado en colaboración cos concellos só as persoas físicas solicitaron a incorporación das súas vivendas a este programa, considérase procedente que as persoas beneficiarias da presente resolución de convocatoria sexan as persoas físicas.

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Así mesmo, esta resolución suxeitase á tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2019 habilítanse créditos para o financiamento das actuacións derivadas desta convocatoria.

De acordo coas competencias atribuídas no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Orde do 14 de marzo de 2018,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o exercicio 2019, as subvencións do Programa Rehaluga, dirixidas ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas en trámite de incorporación no marco do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI426C).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 14.1 das bases reguladoras.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas pola Orde do 14 de marzo de 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 62, do 28 de marzo, modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Terceiro. Finalidade da subvención

Estas subvencións están dirixidas ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas nas cales se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.7 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, por un importe de 100.000 euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), tendo efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Persoas beneficiarias

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Atoparse ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, no momento da concesión da subvención.

b) Non estar incursa nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 29 de novembro de 2019.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I desta resolución. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non obtivo ningunha outra axuda para a mesma vivenda e finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cal é o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para esa mesma vivenda e finalidade.

c) Declaración de que na vivenda se realizaron as actuacións para as que se solicita a subvención.

d) Declaración de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Declaración de que todos os datos da súa solicitude son correctos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante.

b) Título que acredite a propiedade ou o usufruto da vivenda para a que solicita a axuda.

c) Anexo II, de xustificación do gasto realizado, ao que se xuntará a seguinte documentación:

1) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas para a concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

2) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os documentos que xustifiquen o seu pagamento. Para estes efectos, o seu pagamento deberá xustificarse mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante.

d) Requirimento ou informe municipal das actuacións que se van realizar na vivenda.

e) Certificación municipal de que a vivenda se atopa incorporada ao Programa de vivendas baleiras.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou, se é o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante ou da súa representante.

b) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar nos correspondentes cadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén os poderán presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A competencia para resolver correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Resolucións de concesión

1. O procedemento de concesión realizarase segundo o establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres (3) meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima á persoa solicitante para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se desestimase presuntamente a solicitude.

Décimo terceiro. Xustificación da subvención

A xustificación da subvención realizarase coa presentación desta de acordo co establecido no artigo 7 das bases reguladoras.

Décimo cuarto. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

1. Manter a vivenda no Programa de vivendas baleiras durante un período de tres anos, contados desde o día da formalización do primeiro contrato de alugamento.

2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. As demais obrigas que derivan desta resolución ou das bases reguladoras.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos realizaranse preferentemente por medios electrónicos. A persoa interesada deberá manifestar expresamente na súa solicitude a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Non obstante, as persoas interesadas poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a este.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sétimo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file