Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7376

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se realiza a convocatoria pública, para a anualidade 2019, das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual.

BDNS (Identif.): 437652.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias xa teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras.

No suposto de que unha vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e as actuacións sexan promovidas por estas, só poderá ter a condición de beneficiaria destas axudas unha soa delas.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM).

4. Para acceder ás axudas económicas directas, os ingresos da unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Para os efectos previstos nos números 3 e 4, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia efectuarase na forma prevista no artigo 9 da Orde do 19 de setembro de 2016.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade 2019, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 19 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 23 de setembro).

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As axudas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 07.83.451A.480.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 50.350 euros para a anualidade 2019; por importe de 33.430 euros para a anualidade 2020; por importe de 30.625 euros para a anualidade 2021; por importe de 30.000 euros para a anualidade 2022; por importe de 30.000 euros para a anualidade de 2023 e por importe de 30.000 euros para a anualidade de 2024.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2019 e, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo