Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7349

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se realiza a convocatoria pública, para a anualidade 2019, das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas, con financiamento plurianual.

O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda, poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas, con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

O 12 de febreiro de 2015, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan rehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Este plan, que está dividido en varios eixes de actuación, dedica o seu eixe 2 á rehabilitación de vivendas e á renovación urbana, e establece diferentes programas e accións orientados á recuperación do patrimonio construído, entre os cales se inclúen os convenios de financiamento con entidades financeiras.

A Orde do 19 de setembro de 2016 aprobou o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e estableceu as bases reguladoras para a concesión das axudas. En virtude do citado programa, establécese unha liña de préstamos para financiar a execución de obras de rehabilitación de edificios e vivendas situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxa concesión poderá ir acompañada dunha axuda económica directa consistente na subsidiación dos xuros dos préstamos cualificados.

Esta resolución ten por obxecto convocar as axudas financeiras do referido programa para a anualidade 2019 e a súa tramitación axústase á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019 habilítanse créditos para o financiamento das axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas.

De conformidade coas competencias atribuídas polo artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar, para a anualidade 2019, as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas (código de procedemento VI406B), que poderán consistir en:

a) Préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas concedidos polas entidades de crédito, no ámbito dos convenios asinados para estes efectos co Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

b) Axudas económicas directas, consistentes na subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das axudas do programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas previstas nesta convocatoria están aprobadas pola Orde do 19 de setembro de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 182, do 23 de setembro).

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 07.83.451A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 50.350 euros para a anualidade 2019; por importe de 33.430 euros para a anualidade 2020; por importe de 30.625 euros para a anualidade 2021; por importe de 30.000 euros para a anualidade 2022; por importe de 30.000 euros para a anualidade de 2023 e por importe de 30.000 euros para a anualidade de 2024.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións protexibles polo programa de préstamos cualificados

1. Serán actuacións susceptibles de acollerse ao programa de préstamos cualificados as previstas no anexo II da Orde do 19 de setembro de 2016.

No caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados, deberanse cumprir as seguintes condicións para acceder ao programa:

a) Incluír o remate de todas as fachadas e/ou cuberta da edificación.

b) Xustificar que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos e que foi habitada durante un mínimo de cinco anos.

2. Non se poderán acoller a este programa as obras que afecten elementos decorativos, ornamentais ou instalacións ou reforma de mobiliario, electrodomésticos ou similares.

3. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude ou, de ser o caso, á memoria e deberán dispor de licenza municipal ou, de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispor de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

4. As obras de rehabilitación non poderán estar iniciadas no momento de presentar a solicitude das axudas.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas que promovan as actuacións de rehabilitación, xa sexan propietarias ou teñan calquera outro título que acredite a posesión do inmoble. Non obstante, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas que sexan membros da dita comunidade e en función da súa porcentaxe de participación nas obras.

No suposto de que unha vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e as actuacións sexan promovidas por estas, só poderá ter a condición de beneficiaria destas axudas unha soa delas.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas propietarias de locais, agás os casos en que se pretenda a súa conversión en vivenda.

3. Para acceder aos préstamos cualificados, os ingresos da unidade de convivencia da persoa solicitante non poderán ser superiores a 6,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (en diante, IPREM).

4. Para acceder ás axudas económicas directas, os ingresos da unidade de convivencia non poderán ser superiores a 5,5 veces o IPREM.

5. Para os efectos previstos nos números 3 e 4, o cómputo de ingresos da unidade de convivencia efectuarase na forma prevista no artigo 9 da Orde do 19 de setembro de 2016.

6. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sexto. Contía e características das axudas

1. Os préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas terán as características indicadas no artigo 4 da Orde do 19 de setembro de 2016.

2. As axudas económicas directas para a subsidiación dos xuros do préstamo cualificado outorgado pola entidade financeira, de acordo co artigo 5 da Orde do 19 de setembro de 2016, terán as seguintes características:

a) A porcentaxe da subsidiación dos xuros do préstamo e a súa duración dependerán do nivel de ingresos da unidade de convivencia da persoa prestameira, de acordo co seguinte cadro:

IPREM

Subsidiación máxima

Duración máxima

Menor ou igual a 4

100 % dos xuros

48 meses

Maior de 4 e menor de 5,5

80 % dos xuros

36 meses

Maior de 5,5 e menor de 6,5

Sen subsidiación

Duración do préstamo

b) O importe máximo do préstamo que poderá ser obxecto de subsidiación será de trinta mil euros (30.000 euros) para os préstamos con garantía persoal e de sesenta mil euros (60.000 euros) para os de garantía hipotecaria.

c) No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, as subsidiacións dos préstamos calcularanse para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras e dos ingresos da unidade de convivencia, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos nas bases reguladoras e nesta resolución. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subsidiación total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as porcentaxes máximas establecidas na letra a) deste apartado.

d) A contía anual da subsidiación será descontada previamente pola entidade financeira das cotas que corresponderían en concepto de amortización de capital e, de ser o caso, de xuros, na parte rateada que corresponda a cada vencemento.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de outubro de 2019 e, respecto ás axudas económicas directas de subsidiación, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Oitavo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, que está dispoñible tamén na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.

2. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a súa solicitude electronicamente, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten a súa solicitude presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas físicas deberán presentar a súa solicitude preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentar, en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. No modelo de solicitude a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que a persoa ou entidade solicitante non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.

Noveno. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades de persoas propietarias.

b) Acta de constitución da comunidade de persoas propietarias, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

c) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a no cal se recolla o acordo de solicitar as axudas financeiras do programa de préstamos cualificados, a relación de vivendas partícipes nas actuacións de rehabilitación, así como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de persoas propietarias, conforme o modelo que se xunta a esta resolución como anexo II, no caso de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

d) Autorización das restantes persoas propietarias para a realización da actuación obxecto de rehabilitación, no suposto de que a vivenda ou edificio pertenza pro indiviso a varias persoas e as actuacións sexan promovidas por estas.

e) Anexo III de comprobación de datos das persoas partícipes no orzamento protexible das obras e das persoas membros das súas unidades de convivencia e declaracións responsables, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

f) Anexo IV de comprobación de datos das persoas membros das unidades de convivencia da persoa solicitante e declaracións responsables, no suposto de actuacións non promovidas por comunidades de persoas propietarias.

g) Proxecto de execución das obras que se pretenden realizar, elaborado por técnico competente ou, de ser o caso, a memoria correspondente.

h) Licenza municipal ou comunicación previa ao concello, segundo proceda, e, de ser o caso, autorizacións sectoriais preceptivas.

i) Documento que acredite a propiedade ou a posesión do inmoble que se pretende rehabilitar, no caso de actuacións non promovidas por comunidades de persoas propietarias.

j) Autorización da persoa propietaria do inmoble para realizar as actuacións de rehabilitación, no suposto de solicitudes presentadas por persoas posuidoras.

k) Licenza de primeira ocupación, certificado de fin de obra ou calquera outro documento que acredite que a edificación ten unha antigüidade mínima de dez anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizadas.

l) Certificado municipal en que conste que a edificación ou a vivenda foi habitada durante un mínimo de cinco anos, no caso de obras consistentes no remate en edificios ou vivendas cuxos paramentos de fachada e/ou cubertas non estivesen finalizados.

m) Certificación médica que acredite o embarazo da propietaria ou posuidora do inmoble e/ou dalgunha muller membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, de ser o caso.

n) Certificado acreditativo da existencia dalgún proceso de adopción en trámite por parte da persoa propietaria ou posuidora do inmoble e/ou dalgunha persoa membro da unidade de convivencia no momento de presentar a solicitude de axudas financeiras, de ser o caso.

ñ) Certificado de discapacidade da persoa propietaria ou posuidora do inmoble e/ou das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia, de ser o caso e para o suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia.

o) Declaración responsable das persoas propietarias ou posuidoras do inmoble e/ou das persoas membros das súas unidades de convivencia dos ingresos obtidos, á cal se deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no dito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Inem e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario, para o suposto de que algunha desas persoas non estivesen obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente, sempre que non se modificasen as súas circunstancias. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. No suposto de que exista a imposibilidade material de obter o documento, a Dirección Técnica de Fomento do IGVS poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a súa acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Décimo. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentasen a documentación complementaria presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. As persoas físicas deberán presentar a documentación complementaria preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. As persoas ou as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

5. No caso de que os documentos que haxa que presentar superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, seguiranse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentacion-de-gran-tamano

Décimo primeiro. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou, de ser o caso, número de identificación fiscal (en diante, NIF) da persoa ou entidade solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

b) DNI ou NIE das persoas partícipes no orzamento protexible das obras, no suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias.

c) DNI ou NIE das persoas membros das unidades de convivencia das persoas propietarias ou posuidoras dos inmobles ou, de ser o caso, das persoas partícipes no orzamento protexible das obras.

d) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) correspondente ao último período impositivo co prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

e) Certificado do nivel de renda expedido pola AEAT da persoa solicitante, no suposto de actuaciones non promovidas por comunidades de personas propietarias, ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

f) Certificados acreditativos de non ter débedas coa AEAT, coa Seguridade Social e/ou coa Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

g) Certificado de empadroamento da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros da comunidade de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas que compoñen as súas unidades de convivencia.

h) Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades de persoas propietarias e participen no orzamento protexible das obras, así como das persoas membros da unidade de convivencia nas cales concorra a dita circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo nos recadros correspondentes habilitados nos anexos I, III e IV e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre o recoñecemento de concesión do préstamo cualificado e, de ser o caso, o outorgamento da concesión da axuda de subsidiación de xuros.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas directas de subsidiación de xuros iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a correspondente resolución de convocatoria.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos no ordinal 8 e/ou non fose acompañada da documentación relacionada no ordinal 9, requirirase a persoa ou a entidade solicitante para que no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta e/ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Unha vez examinada a documentación, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS remitirá unha proposta de recoñecemento do acceso ao financiamento e, de ser o caso, de concesión das axudas económicas directas de subsidiación de xuros á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen resolverá o que en dereito proceda.

4. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral de IGVS non implicará en ningún caso a obrigatoriedade para a entidade financeira de conceder o préstamo cualificado. No suposto de que as entidades financeiras, segundo os seus criterios de solvencia, deneguen a concesión do préstamo, perderase o dereito a percibir a axuda á subsidiación de xuros, sen que esta perda implique dereito a percibir indemnización ningunha.

Décimo cuarto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da solicitude de acceso ao préstamo cualificado e, de ser o caso, da concesión da axuda de subsidiación dos xuros será de tres (3) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou entidade solicitante poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución estimatoria recoñecerá o dereito da persoa interesada a solicitar un préstamo cualificado en calquera entidade financeira que participe no desenvolvemento deste programa, nos termos previstos no artigo 2 da Orde do 19 de setembro de 2016 e, de ser o caso, concederá unha axuda de subsidiación dos xuros do referido préstamo. Así mesmo, a citada resolución establecerá o tipo de préstamo recoñecido, especificando se se trata dun préstamo persoal ou con garantía hipotecaria, o seu importe máximo e o prazo para a súa formalización, que non poderá exceder os tres (3) meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

3. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de vivenda. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo sexto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación do acceso ao financiamento e, de ser o caso, da axuda de subsidiación dos xuros o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras e nesta resolución. Tamén serán denegadas aquelas solicitudes que inclúan actuacións susceptibles de acollerse só parcialmente ao programa de préstamos cualificados.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes de axudas de subsidiación dos xuros que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

Décimo sétimo. Xustificación e pagamento da axuda de subsidiación dos xuros

1. A xustificación da concesión da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado realizarase coa formalización do contrato de préstamo coa entidade financeira, de conformidade coas estipulacións contidas no convenio de financiamento subscrito para estes efectos entre o IGVS e a dita entidade.

Se non se formaliza o préstamo no prazo establecido na resolución de concesión da axuda ou se formaliza un tipo de préstamo, persoal ou hipotecario, diferente do indicado nela, producirase a perda do dereito ao cobramento da axuda, que se declarará mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O pagamento da axuda de subsidiación dos xuros do préstamo cualificado satisfaránllelo ás persoas beneficiarias directamente as entidades financeiras, que posteriormente liquidarán os correspondentes importes ao IGVS, de acordo coas cláusulas contidas no correspondente convenio de financiamento.

3. A xustificación final da subvención realizaraa a persoa beneficiaria mediante a presentación do modelo que figura como anexo V desta resolución, dirixido á Dirección Técnica de Fomento do IGVS, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da data de finalización das obras, xunto cos seguintes documentos:

a) Certificado final de obra.

b) Contrato de arrendamento da vivenda na cal se realizaron as actuacións de rehabilitación, no caso de non destinarse aquela a uso propio da persoa propietaria.

Esta documentación presentarase na mesma forma que a solicitude e a documentación complementaria.

Décimo oitavo. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias, ademais das obrigas recollidas no artigo 16 da Orde do 19 de setembro de 2016, deberán subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para ao cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo noveno. Notificacións

1. As comunidades de persoas propietarias e as súas persoas representantes están obrigadas a recibir as notificacións das resolucións e demais actos administrativos só por medios electrónicos. Para estes efectos, no anexo I deberán optar pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida unha opción diferente.

2. No caso das persoas físicas, as notificacións das resolucións e demais actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, deberán manifestar expresamente, no anexo I, a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). Sen prexuízo do anterior, poderán comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos. As notificacións que se practiquen en papel tamén estarán á disposición da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia para que poida acceder ao seu contido de forma voluntaria.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas e ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorra dez (10) días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Vixésimo primeiro. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Vixésimo segundo. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

Vixésimo terceiro. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión deste programa de axudas.

Vixésimo cuarto. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación noDiario Oficial de Galicia.

Vixésimo quinto. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/20015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file