Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7346

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan as subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, para o exercicio 2019, con carácter plurianual.

BDNS (Identif.): 437548.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello, cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración asinado entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e a Federación Galega de Municipios e Provincias para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 ou á norma que o substitúa.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que, téndoselle concedido unha subvención en virtude deste programa dentro dos dous anos anteriores a esta convocatoria, non a xustificasen debidamente e non tivesen renunciado a ela no prazo dun mes, contado desde a data notificación da resolución de concesión.

Segundo. Finalidade

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples.

Consideraranse actuacións subvencionables a execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal, que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguranza, habitabilidade e/ou a accesibilidade. Nas actuacións de reparación, rehabilitación ou conservación de fachadas, carpintaría exterior ou cuberta das edificacións seguiranse os criterios fixados na Guía de cor e materiais elaborada pola Xunta de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas pola Orde do 21 de decembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 246, do 29 de decembro, modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Cuarto. Orzamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, co seguinte distribución plurianual:

Anualidade 2019: por importe de 761.135,62 euros.

Anualidade 2020: por importe de 1.000.000 de euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terá efecto despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote da partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 31 de maio de 2019.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo