Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Martes, 5 de febreiro de 2019 Páx. 7333

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2018 pola que se convocan as subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, para o exercicio 2019, con carácter plurianual.

O 29 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de decembro de 2017 pola que se establecían as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal e se procedía á súa convocatoria para o ano 2018. Esta orde foi modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 2019).

Esta convocatoria axústase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Así mesmo, esta resolución suxeitase á tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2019 habilítanse créditos para o financiamento das actuacións derivadas desta convocatoria.

De acordo coas competencias atribuídas no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Orde do 21 de decembro de 2017,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar, para o exercicio 2019, as subvencións para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal (código de procedemento VI422F).

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 14.1 das bases reguladoras.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras establecidas pola Orde do 21 de decembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 246, do 29 de decembro, modificada pola Orde do 20 de decembro de 2018 (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro de 2019).

Terceiro. Finalidade da subvención

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 20.000 habitantes para que poidan rehabilitar as antigas vivendas de mestres, as doutros oficios e as demais edificacións da súa titularidade, co obxecto de que se destinen, en réxime de alugamento, á residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM). O procedemento de adxudicación destas vivendas é o establecido nas bases reguladoras.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución plurianual:

Anualidade 2019: por importe de 761.135,62 euros.

Anualidade 2020: por importe de 1.000.000 de euros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), e terá efecto despois da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Quinto. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 20.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística ata a data de publicación da presente convocatoria.

b) Contar cun número de demandantes de vivenda inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia no seu concello cando menos igual ao de vivendas para as cales se solicita a axuda.

c) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivese vencido.

d) Estar adherido ou en proceso de adhesión ao Convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a Federación Galega de Municipios e Provincias (en diante, Fegamp) para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2020 ou á norma que o substitúa.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que, téndoselle concedido unha subvención en virtude deste programa dentro dos dous anos anteriores a esta convocatoria, non a xustificasen debidamente e non tivesen renunciado a ela no prazo dun mes, contado desde a data da notificación da resolución de concesión.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará cando se esgote a partida orzamentaria contida nesta convocatoria e, en todo caso, o día 31 de maio de 2019.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase conforme o modelo que se incorpora como anexo I desta resolución. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

4. As solicitudes deberán presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración das axudas solicitadas ou obtidas de calquera entidade pública ou privada ou, de ser o caso, declaración de que non se solicitaron ou obtiveron outras axudas para a mesma finalidade. No caso de que se solicitasen ou obtivesen outras axudas para a mesma finalidade, deberase indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Compromiso de destinar as vivendas rehabilitadas, durante un prazo non inferior a vinte anos, contado desde a finalización das actuacións subvencionadas, ao alugamento a unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras.

g) Compromiso de ter adxudicadas as vivendas rehabilitadas nun prazo non superior a seis meses, contados desde a finalización das obras, conforme o procedemento establecido nas súas bases do Programa de vivendas baleiras.

h) Declaración de que o concello está adherido ou, se for o caso, de que ten solicitada a adhesión ao Convenio de colaboración asinado entre o IGVS e a Fegamp para o desenvolvemento do Programa de vivendas baleiras.

i) Declaración de que todos os datos consignados na solicitude, así como os documentos que se acheguen, son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de ter solicitado a subvención ao IGVS, aceptando os termos da convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se xunta á solicitude.

b) Certificado da secretaría municipal en que se acredite que a edificación ou a vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal e de que se cumpren os requisitos recollidos no punto quinto desta resolución.

c) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar na edificación ou na vivenda. Deberán vir acompañados da seguinte documentación:

1. Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da edificación ou da vivenda, ao ámbito en que se inclúe, ás súas características e ao seu estado de deterioración. Este informe conterá unha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou da vivenda e unha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

2. Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución. Este calendario é necesario para establecer a distribución das anualidades no momento da concesión da subvención.

3. Informe do/da técnico/a municipal de que a actuación proposta cumpre coa lexislación vixente.

Noveno. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro da persoa representante, que será quen teña a titularidade da alcaldía ou da persoa en quen este delegue.

b) Número de identificación fiscal do concello.

2. Cando os concellos interesados se opoñan a estas consultas, deberán facelo constar no correspondente cadro habilitado para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo primeiro. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

1. A instrución do procedemento é competencia da área provincial do IGVS en que estea situado o concello solicitante.

2. A competencia para resolver corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo segundo. Resolucións de concesión

1. O procedemento de concesión realizarase segundo o establecido nas bases reguladoras.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución ou desde que se teña presuntamente desestimado a solicitude.

Décimo terceiro. Xustificación da subvención

A xustificación da subvención realizarase de acordo ao establecido no artigo 18 das bases reguladoras.

Décimo cuarto. Obrigas dos concellos

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas dos concellos beneficiarios as seguintes:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar a vivenda rehabilitada durante un prazo non inferior a vinte anos, contado desde o día seguinte ao da finalización das obras, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos e de acordo co establecido no ordinal sexto desta resolución.

3. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

5. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través do IGVS, de conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.

7. Ter aprobadas e publicadas as bases reguladoras do programa de vivendas baleiras, antes da presentación ao IGVS da documentación xustificativa da subvención concedida.

8. Ter adxudicadas as vivendas rehabilitadas nun prazo non superior a seis meses, contados desde a finalización das obras, conforme o procedemento establecido nas súas bases do Programa de vivendas baleiras.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e demais actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións mediante un correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten na solicitude para estes efectos. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, o IGVS practicará a notificación por calquera outro medio dos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sétimo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo oitavo. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file