Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Mércores, 6 de febreiro de 2019 Páx. 7734

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 437925.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiario das subvencións obxecto da presente resolución:

a) Organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura e/ou silvicultura.

b) Empresas ou industrias transformadoras do sector agrario, alimentario e forestal ou da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal.

2. Na realización da actividade subvencionada poderán participar, ademais dos beneficiarios regulados no punto 1, os axentes cooperantes, podendo adquirir tal condición as seguintes entidades:

a) Produtores do sector agroforestal e as súas asociacións e outras organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria.

b) Centros de investigación e experimentación da Consellería do Medio Rural e centros tecnolóxicos participados por ela, así como outros centros públicos de investigación da comunidade autónoma.

c) Entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural, así como as que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal.

d) Entidades asesoras na conservación ou uso sustentables dos recursos naturais.

e) Outras entidades con intereses recoñecidos no ámbito rural.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019. O seu código de procedemento é MR331A.

En ningún caso se financiarán proxectos de investigación básica ou fundamental nin investigacións independentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

1. O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 14.A2.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 1.495.800 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 448.740,00 euros en 2019, 598.320,00 euros en 2020 e 448.740,00 euros en 2021.

De acordo co artigo 25.2 do Decreto11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión das subvencións.

2. De acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e co artigo 30.2 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 2,5 %.

A determinación da contía das axudas realizarase en función do número de solicitudes presentadas e da dispoñibilidade orzamentaria, de acordo cos criterios de priorización establecidos no artigo 16 da resolución.

A intensidade da axuda aos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías será do 80 % dos gastos subvencionables.

A contía máxima subvencionada en cada iniciativa de cooperación será de 100.000 euros. Non se admitirán proxectos cuxa contía real de execución sexa superior a 150.000 euros.

Quinto. Obriga de relacionarse electronicamente

Tanto a presentación das solicitudes de axuda como os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes remata no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018

Manuel Rodríguez Vázquez
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria