Eu, Sinesio Novo Fernández, letrado da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Lugo, fago saber que no procedemento con número DSP 818/2017 deste xulgado do social, seguido por instancia de Tania García Martínez contra a entidade Definiclas, S.L. e o Fogasa, sobre despedimento, se pronunciou sentenza cuxa decisión é a seguinte:
«Que, estimando a demanda interposta por Tania García Martínez contra a empresa Definiclas, S.L., debo declarar e declaro improcedente o despedimento da demandante con efectos con data do 21 de agosto de 2017, e condeno a demandada a que, no prazo de cinco días contado desde a notificación desta resolución, opte entre readmitir a demandante nas mesmas condicións que rexían antes de producirse o despedimento ou indemnizala pola extinción da relación laboral coa cantidade de 175,14 euros e, no caso de readmisión, a aboar os salarios de tramitación, a razón de 31,84 euros diarios. De non optar no referido prazo entre a readmisión ou a indemnización, enténdese que procede a readmisión.
Así mesmo, condeno a demandada ao pagamento á demandante da cantidade de 1.782,03 euros por salarios debidos e vacacións non gozadas co xuro moratorio do 10 %.
Notifíqueselles esta resolución ás partes, facéndolles saber que non é firme e que contra ela cabe interpor, ante este xulgado, recurso de suplicación, que resolverá a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O recurso de suplicación deberá anunciarse ante este xulgado, por escrito ou comparecencia, dentro dos cinco días seguintes á notificación da sentenza.
Ao anunciar o recurso deberá xuntarse o documento que acredite o ingreso de 300 euros como depósito para recorrer no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento número 2322-0000-65-0818-17, baixo apercibimento de non dar trámite ao recurso, agás que o recorrente sexa traballador, habente causa seu, beneficiario do réxime público da Seguridade Social, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes deles, sindicato ou beneficiario do dereito á asistencia xurídica gratuíta.
Ademais, cando a sentenza condenase ao pagamento de cantidade, o recorrente que non goce do beneficio de xustiza gratuíta deberá acreditar, no momento de anunciar o recurso, ter consignado no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento 2322-0000-60-0818-17, a cantidade obxecto da condena, e poderase substituír a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval solidario de duración indefinida e pagadoiro en primeiro requirimento emitido por entidade de crédito.
No caso de que algún dos anteriores ingresos se verifique mediante transferencia bancaria, esta deberase dirixir á conta ES 55 0049 3569 92 0005001274, e farase constar como beneficiario “Xulgado do Social número 1 de Lugo” e como “concepto” o número de conta correspondente ao presente procedemento que proceda dos dous mencionados nos dous parágrafos que anteceden.
Advírteselles ademais ás partes que deberán facer constar nos escritos de interposición do recurso e de impugnación, de ser o caso, un domicilio na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para efectos de notificacións, dando cumprimento ao disposto no artigo 198 da Lei reguladora da xurisdición social.
Así, por esta a miña sentenza, da cal se unirá testemuño literal aos autos orixinais, pronúncioo, mándoo e asínoo».
E para que lle sirva de notificación en forma a Definiclas, S.L., en ignorado paradoiro, expido e asino o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.
Lugo, 17 de xaneiro de 2019
O letrado da Administración de xustiza