Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Xoves, 7 de febreiro de 2019 Páx. 7974

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 437724.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiaria

Os concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos; as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

As entidades relacionadas deberán ser titulares dos locais culturais para os cales se solicitan as axudas, e os locais culturais deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano ou prestar un servizo público cultural de carácter continuado, agás no caso de locais cuxo proxecto supoña a súa posta en funcionamento.

Segundo. Finalidade

Continuar co labor de mellorar a infraestrutura dos equipamentos culturais co fin de dotar dos medios necesarios para que as entidades locais comprometidas coa acción cultural poidan executar os seus programas culturais, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais que promovan, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais de Galicia para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito de total 500.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432B.760.0.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a consellería será de 30.000,00 € que, en ningún caso, poderá superar o 90 % do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe de 30.000,00 € ascenderá a 35.000,00 € cando se trate de solicitudes conxuntas, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar). O importe máximo destas axudas non poderá, en ningún caso, superar o custo das actividades que desenvolvan as entidades beneficiarias.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo