Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Mércores, 13 de febreiro de 2019 Páx. 9062

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 4 de febreiro de 2019 pola que se establece o Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 específico para o período de avaliación correspondente aos exercicios 2018, 2019 e 2020.

O Plan estratéxico de Galicia 2015-2020 (PEG), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 28 de xaneiro de 2016, establece que a vontade do Goberno de Galicia, apoiada na experiencia de implementación de plans estratéxicos pasados, é que o PEG non remate coa súa aprobación senón que continúe vivo ao longo da súa vixencia e sexa obxecto de seguimento, avaliación e modificación, para o cal se deberán adoptar as medidas precisas para paliar as desviacións na súa execución, ou ben adaptarse a novos retos que poidan xurdir no vindeiro quinquenio.

O punto terceiro da parte de avaliación define o Plan de avaliación e seguimento do PEG (PASPEG, en diante) e regula os seus elementos substanciais, obxectivo xeral e específicos, alcance, ámbito temporal, estrutura do plan e resumo das avaliacións e actuacións de seguimento, propostas, principios de avaliación, gobernanza do PASPEG, informes de avaliación e seguimento, e revisión e modificación.

Ao abeiro do antedito punto aprobouse a Orde do 30 de xuño de 2016 pola que se establece o Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, específico para o período de avaliación 2016/2017, que definiu as condicións particulares de realización das actuacións de avaliación e seguimento do devandito plan e que se desenvolveron en 2017 e 2018. Os informes de seguimento realizados poden obterse na web do PEG, http://www.planestratexico.gal/seguimento.

Segundo o devandito sistema de gobernanza, como autoridade de avaliación do PEG, corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de planificación económica establecer e manter un sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros que nutra de información á avaliación e seguimento do PEG. Cómpre agora establecer o Plan específico de avaliación do PEG desde 2018 ata o remate da súa vixencia en 2020.

Como unidade de coordinación das actuacións de avaliación e seguimento, a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda define os modelos de execución anual en que se concreten as actuacións de seguimento e convoca a rede de avaliación e seguimento do PEG.

A responsabilidade principal no sistema de avaliación do PEG 2015-2020 corresponde á devandita dirección xeral, a través da Subdirección Xeral de Planificación, tal e como establece o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, que define a estrutura e as funcións da consellería. Ademais, o devandito centro directivo coordina os provedores de datos, para garantir a súa axeitada dispoñibilidade e a súa obtención no momento preciso para o desenvolvemento das avaliacións programadas.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, ao abeiro das competencias establecidas no Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, así como no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da orde

1. A presente orde ten por obxecto establecer o Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, específico para o período de avaliación 2018/2020, e delimitar o alcance e o contido das súas actuacións.

2. Enténdese por período de avaliación, para os efectos desta orde, o ciclo completo de actuacións de xeración e recolla de datos e indicadores e de elaboración dos informes de avaliación e seguimento previstos para cada exercicio.

Artigo 2. Axentes encargados do desenvolvemento das actuacións de seguimento e avaliación

1. Técnicos/as responsables de indicadores.

En cada consellería, así como no ámbito dos órganos dependentes da Presidencia, son as persoas responsables da información relativa aos indicadores asociados aos obxectivos estratéxicos e operativos do PEG e teñen as seguintes funcións:

– Mantemento e actualización dos indicadores de produtividade asociados aos proxectos de gasto dos obxectivos operativos en que se concretan os programas de gasto que xestiona cada servizo orzamentario.

– Mantemento e actualización do sistema de indicadores de resultado asociado aos obxectivos estratéxicos a que contribúen os programas de gasto que xestiona cada servizo orzamentario.

– Revisión dos datos dos indicadores recollidos nos informes de seguimento dos programas que teñan encomendados.

– Colaboración coas persoas encargadas da avaliación do PEG na achega de calquera outro dato ou antecedente que resulte preciso para desenvolver con éxito as actuacións de avaliación e seguimento e na reformulación dos indicadores en cumprimento das recomendacións das correspondentes avaliacións.

2. Responsables dos informes de seguimento.

En cada consellería, así como no ámbito dos órganos dependentes da Presidencia, son as persoas responsables da xestión dos programas de gasto asociados aos obxectivos estratéxicos do PEG, é dicir, director/a técnico/a, secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente nas entidades públicas instrumentais. Desenvolverán as seguintes funcións:

– Elaborar os informes de execución anual correspondentes para o seguimento do PEG 2015-2020.

– Implementar as recomendacións recollidas nos devanditos informes ou explicar por que non se aplican.

3. A rede de avaliación e seguimento do PEG.

Estará dirixida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e composta polos seguintes membros:

– Dúas persoas en representación da Subdirección Xeral de Planificación, das cales unha actuará como secretario/a.

– Unha persoa en representación de cada consellería, así como un representante da Secretaría Xeral da Presidencia, designada de entre o persoal responsable de indicadores.

– Unha persoa en representación de cada un dos seguintes órganos ou entidades:

• O Instituto Galego de Estatística.

• A Secretaría Xeral de Igualdade.

• A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

• O Instituto de Estudos do Territorio.

• A Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

No seu seo impulsaranse as actuacións de avaliación, mantemento de indicadores, coordinación técnica e dispoñibilidade de datos estatísticos. Ademais, terá a tarefa de acreditar, de ser o caso, a aplicación das recomendacións das avaliacións.

4. Equipo avaliador.

Estará composto por persoal independente dos servizos xestores dos programas avaliados, seleccionado de entre o persoal da Subdirección Xeral de Planificación. Poden solicitar a asistencia de persoal facultativo da propia Administración autonómica cando a especificidade do programa obxecto de avaliación así o requira. De xeito extraordinario, cando a escaseza de medios o xustifique, poderá recorrerse a avaliadores externos, sempre que se dispoña de crédito adecuado e suficiente.

Consonte o sinalado no PEG, o equipo avaliador terá como función o seguimento dos resultados das avaliacións e informes de seguimento, así como a formulación de propostas para incorporar as súas conclusións e recomendacións á execución e xestión dos correspondentes programas.

Artigo 3. Sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros do PEG

1. O sistema de rexistro de datos dos indicadores non financeiros do PEG é a base de datos informática que contén a información actualizada dos indicadores que reflictan o grao de avance na consecución dos obxectivos do plan.

2. Os indicadores modificados ou revisados adecuaranse á correspondente ficha técnica.

3. A persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, así como a persoa titular da secretaría xeral técnica de cada consellería, nomeará, polo menos, un/unha técnico/a responsable de indicadores, que deberá recompilar e transmitir todos os datos precisos para o proceso de seguimento e avaliación referentes ás liñas de actuación do PEG que sexan obxecto da xestión da súa sección orzamentaria, na cal se encadrarán os entes instrumentais dependentes.

4. Na ficha técnica de cada indicador figurarán as persoas responsables nomeadas ao abeiro do indicado no punto anterior.

5. O persoal técnico responsable responde da obtención da información precisa para o mantemento dos indicadores, da carga de datos coa periodicidade indicada no punto sete e de asegurar a dispoñibilidade dos datos estatísticos que se inclúen nas operacións estatísticas da súa competencia, no que atinxe aos indicadores de produtividade e de resultados do PEG.

6. O sistema contable xumco2 será a ferramenta informática que operará como rexistro dos indicadores de referencia, os seus valores obxectivo e realizado, e vincularaos cos indicadores financeiros.

7. Os datos dos indicadores de resultado e produtividade actualizaranse no primeiro trimestre de cada ano para reflectir os datos do exercicio anterior. A Subdirección de Planificación poderá encargar aos/as técnicos/as responsables de indicadores as actuacións que coide pertinentes para verificar a fiabilidade dos indicadores actualizados.

Artigo 4. Informes que se elaborarán respecto aos exercicios 2018, 2019 e 2020

1. Consonte o previsto no Plan de avaliación e seguimento do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, respecto a cada exercicio realizaranse informes de seguimento da evolución da xestión financeira e indicadores.

2. Realizarase un informe por programa, obxectivo estratéxico e servizo con base no soporte informático desenvolvido para o efecto cos datos precargados no xumco2, para os efectos de elaboración do informe. Este deberá remitirse á dirección xeral competente en materia de planificación económica, para a súa avaliación e proposta de recomendacións, na primeira quincena do mes de abril do ano seguinte ao do exercicio correspondente.

3. Os informes serán asinados polas persoas responsables do seguimento, que serán os da xestión dos respectivos programas, é dicir, cada director/a técnico/a, secretario/a xeral, director/a xeral ou equivalente nas entidades públicas instrumentais.

4. A consellería competente en materia de planificación económica elaborará un informe resumo sobre o seguimento dos obxectivos do PEG.

Artigo 5. Informe resumo anual de seguimento dos obxectivos do PEG

O informe anual de seguimento do Plan estratéxico 2015-2020 incluirá:

– Un informe sintético ou executivo cos principais avances acadados polas actuacións desenvolvidas ao abeiro do PEG 2015-2020 que conterá, así mesmo, unha análise dos obxectivos transversais e dos indicadores de contexto.

– Un informe sobre o grao de avance da execución financeira.

– Un informe co avance dos indicadores de resultados.

– Un informe dos principais indicadores de produtividade, que consistirá nunha análise relativa ao grao de eficacia respecto dos valores previstos e unha análise da eficiencia, que relacione as realizacións de indicadores cos recursos financeiros mobilizados para a súa consecución.

– Ademais, o informe conterá unha relación exhaustiva dos valores acadados polos indicadores, tanto de resultados e de produtividade como dos financeiros. Presentarán os valores acadados na anualidade correspondente, os valores acumulados desde 2015 dos indicadores de produtividade, así como a comparación cos valores previstos, e o grao de eficacia e eficiencia.

O devandito informe elevarase ao Consello da Xunta para o seu coñecemento ao longo do mes de xullo do ano seguinte ao do exercicio correspondente. Neste informe figurarán como anexos os informes de seguimento de cada obxectivo estratéxico e programa de gasto.

Artigo 6. Información para avaliacións plurianuais

No seo das reunións da rede de avaliación e seguimento do PEG acordaranse as actuacións e os datos adicionais que haberá que recoller para a elaboración dos informes plurianuais de avaliación previstos no PASPEG 2015-2020.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para desenvolver as previsións contidas nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda