Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9445

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Social)

EDICTO de notificación de auto de aclaración de sentenza (RSU 2106/2018 IP).

Tipo e nº de recurso: RSU recurso de suplicación 2106/2018 IP

Xulgado de orixe/autos: Seguridade Social 73/2017 Xulgado do Social número 1 de Vigo

Recorrentes: Instituto Nacional da Seguridade Social, Helder Artur Teixeira Pinto

Avogados: letrado da Seguridade Social, Alfredo Briales Porcioles

Recorridos: Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Canteras Oya, S.L., Granitos de Atios, S.A., Belypa Construcciones, S.L., Rocas Graníticas Gallegas, S.A.

Avogados: letrado da Tesouraría da Seguridade Social, Ismael Gómez Solla, Vanesa Rodríguez Fernández, Jorge Gabriel Philippon de Arriba

Eu, María Isabel Freire Corzo, letrada da Administración de xustiza da Sección Primeira da Sala Segunda do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fago saber que no procedemento do recurso de suplicación 2106/2018 desta sección, seguido por instancia de Helder Artur Teixeira Pinto contra a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Canteras Oya, S.L., Granitos de Atios, S.A., Belypa Construcciones, S.L. sobre recarga de accidente, foi ditado auto de aclaración do 22.1.2018 cuxos fundamentos de dereito e parte dispositiva son do teor literal seguinte:

«Fundamentos xurídicos.

Primeiro. De conformidade co disposto no artigo 267 da Lei orgánica do poder xudicial, os xuíces e tribunais non poderán variar as sentenzas e autos definitivos que pronuncien despois de asinados, mais si aclarar algún concepto escuro ou suplir calquera omisión que conteñan, ben como rectificar en calquera momento os erros materiais manifestos e os aritméticos.

Polo seu lado, o artigo 215.2 da Lei de axuizamento civil establece que: “De tratarse de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e substanciadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contados desde a notificación da resolución, logo de traslado polo secretario xudicial da dita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala”.

A parte solicitante do complemento de sentenza sinala que existe no segundo dos argumentos do recurso por ela interposto petición de que se deixe sen efecto a condena mancomunada imposta e se impoña a condena solidaria de todas as empresas declaradas responsables, cuestión sobre a cal non existe pronunciamento ningún.

Da lectura do indicado argumento do motivo do recurso dedúcese claramente que esta sala incorreu na omisión denunciada, e non existe, por tanto, resolución respecto á cuestión exposta.

Segundo. Así pois, débese sinalar que o contido do cuarto fundamento de dereito da sentenza impugnada, para resolver a cuestión exposta e no seu día omitida, é o seguinte:

“No segundo argumento do motivo do recurso interposto pola parte demandante e con idéntico amparo procesual, denuncia a infracción do artigo 164 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2105, do 30 de outubro, con citación de varias sentenzas ditadas pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña e pola Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así como infracción do artigo 1137 do Código civil e a teoría da solidariedade impropia, con cita da Sentenza da Sala do Civil do Tribunal Supremo do 25 de novembro de 2016, argumentando que se debe impor a condena de forma solidaria a todas as empresas declaradas responsables, e non de forma mancomunada.

Debemos sinalar, en primeiro lugar, que as sentenzas ditadas polas salas do social dos diferentes tribunais superiores de xustiza non teñen a consideración de xurisprudencia, segundo o disposto no artigo 1.6 do Código civil, polo que non poden servir de base e fundamento á interposición do recurso de suplicación polo motivo mencionado no artigo 193.c) da Lei reguladora da xurisdición social, reservado á denuncia de infracción de normas substantivas e/ou da xurisprudencia. Tampouco constitúe xurisprudencia, segundo o mesmo precepto do Código civil, unha única sentenza do Tribunal Supremo.

A cuestión debatida foi analizada por sentenza da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do 11 de decembro de 2017, no seguinte sentido: “Non acollemos a censura postulada porque a regra nestes supostos é a mancomunidade e non a solidariedade, a pesar do que sostivemos noutras ocasións (STSXG 02/11/10 R. 669/07). Porque a distribución da responsabilidade débese facer conforme o tempo durante o cal prestou servizos para esas entidades (xa desde as afastadas SSTSX Galicia 02/07/10 R. 5178/06 e 01/07/11 R. 5812/07, e reiterada polas recentes 31/07/17 R. 641/17, 31/03/17 R. 3676/16, 30/06/16 R. 390/15, 28/04/15 R. 1174/13), pois é doutrina reiterada da Sala Primeira do TS (para todas, STS 14/07/03 Ar. 4629), a que sinala que, cando a culpa é imputable a máis dun suxeito, sen que existan elementos conducentes a diferenciar a concreta responsabilidade de cada un, o vínculo de solidariedade é o procedente por ser o máis adecuado, con relación ao prexudicado, para a efectividade da indemnización correspondente (SSTS 26/11/03 Ar. 9142, 20/10/97 Ar. 7272 e 03/12/98 Ar. 9703, entre outras). No mesmo sentido, a STS –Sala Primeira– 07/03/02 Ar. 4151 sinala que a solidariedade se impón cando, intervindo unha pluralidade de axentes con concorrencia causal na produción do evento danoso, non resulta factible individualizar a contribución de cada un, ao devir imposible deslindar as responsabilidades concretas.

E, no presente caso, non hai dúbida de que na conduta culposa evidenciada polas empresas condenadas, ao incumpriren as normas de seguranza e hixiene no traballo (artigo 1.101 do Código civil), resulta factible diferenciar e individualizar a contribución e a concreta responsabilidade de cada unha, dado que o traballador prestou servizos para cada unha delas nos diferentes períodos que se declaran probados no ordinal primeiro do relato fáctico, períodos en que se concretou a contribución causal de cada empresa ao resultado danoso producido (microcontaminacións que conduciron ao desenvolvemento da silicose). Iso comporta que a responsabilidade no montante total da indemnización que se recoñece ao seu favor deba ser proporcional ao tempo traballado polo demandante para cada empresa condenada”.

Asumindo a dita doutrina e tendo en conta que o xuíz a quo procedeu, na sentenza impugnada, a impor a responsabilidade de cada unha das empresas, en porcentaxes correspondentes ao período de prestación de servizos para cada unha delas, xustificando a imposición na forma que consta no fundamento de dereito terceiro da sentenza, argumentación que esta sala comparte, procede entender que a condena das empresas non pode ser solidaria e si mancomunada, polo que procede rexeitar o argumento do motivo do recurso”.

Igualmente débese proceder a trasladar o contido do fundamento de dereito cuarto da sentenza, referido á condena en custas, a un novo fundamento de dereito quinto e sen que isto leve a modificación ningunha do disposto na sentenza, ao desestimarse tamén a infracción denunciada pola parte demandante no segundo argumento do motivo único do recurso de suplicación por ela interposto.

En consecuencia;

A Sala resolve:

Que procede completar a sentenza nos termos sinalados na fundamento de dereito segundo desta resolución.

Faise saber ás partes que contra esta resolución non cabe recurso ningún, sen prexuízo do recurso de casación para a unificación de doutrina contra a sentenza definitiva, que poderán preparar por escrito ante esta sala do social dentro dos dez días seguintes á notificación deste auto, de acordo co disposto nos artigos 220 e seguintes da Lei reguladora da xurisdición social. Expídase certificación da presente resolución para constancia na peza que se arquivará neste tribunal e incorpórese o orixinal, en unión da sentenza e deste auto, ao correspondente libro de sentenzas, logo de devolución dos autos ao xulgado do social de procedencia.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos por esta nosa resolución».

E para que sirva de notificación en legal forma a Rocas Graníticas Gallegas, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 22 de xaneiro de 2019

A letrada da Administración de xustiza