Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Xoves, 14 de febreiro de 2019 Páx. 9428

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2019 pola que se convoca un curso para delegados de protección de datos da Xunta de Galicia.

De acordo co Convenio de colaboración subscrito entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de Administración electrónica e protección de datos

RESOLVO:

Convocar un curso para delegados de protección de datos da Xunta de Galicia que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Primeira. Requisitos dos/das participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución o persoal delegado de protección de datos nomeado (en diante, DPD) ou cuxo nomeamento estea previsto a curto prazo e as persoas que formen parte do equipo de apoio aos DPD das consellerías e da Amtega, que se encontren en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou familiar e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria e para cada un dos casos no anexo II.

Toda persoa solicitante que ao inicio ou durante o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web https://egap.xunta.gal

Terceira. Solicitudes e prazos

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matrícula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil e, ao tratarse de actividades impartidas nunha modalidade que inclúe teleformación, deberán dispor dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

6. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

Cuarta. Criterios de selección

1. Persoas nomeadas como delegados/as de protección de datos nas consellerías da Xunta de Galicia, en entidades dependentes ou na Amtega. Xa sexa como titular ou como suplente.

2. Persoas que estea previsto que sexan nomeadas como delegados/as de protección de datos nas consellerías da Xunta de Galicia ou en entidades dependentes, xa sexa como titular ou como suplente.

3. Persoas que formen parte do equipo de apoio ao DPD das consellerías e da Amtega.

As persoas indicadas nos parágrafos anteriores serán ordenadas de acordo cos criterios selectivos que son os sinalados con carácter xeral na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 xaneiro).

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar no dito curso, así como un número adecuado de reservas de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

O prazo de presentación de alegacións será de dez días desde a súa publicación de acordo co artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo
https://egap.xunta.gal a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso. Contra esta listaxe poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde a dita publicación, de acordo co disposto polos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Superación da actividade formativa

Para poder superar a actividade é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións presenciais, se as houber.

– A adecuada realización de todas as actividades que o/a titor/a propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito ao certificado de participación na actividade.

Oitava. Certificados

Para a obtención do certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe en que declare apto/a ou non apto/a cada alumno/a en función do resultado das tarefas e cuestionarios propostos.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP e a Amtega poderán modificar o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Correspóndelle á EGAP e á Amtega prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP e a Amtega resérvanse o dereito a suspender ou cancelar a actividade, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e a Amtega garantirán na actividade derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código: CV19009.

Área de coñecemento: Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa.

Nome do curso: curso para delegados de protección de datos da Xunta de Galicia.

1. Obxectivos.

Os participantes no Programa Avanzado DPD/DPO adquirirán os coñecementos avanzados e as competencias necesarias para consolidar a súa experiencia e desempeñar con excelencia o rol dun DPD/DPO.

É, ademais, un programa aliñado e válido para a preparación do exame de DPD ou DPO e para acreditar o nivel de experiencia exixida no esquema de certificación.

2. Destinatarios/as.

Delegados de protección de datos nomeados (en diante, DPD) ou cuxo nomeamento estea previsto a curto prazo e as persoas que formen parte do equipo de apoio aos DPD das consellerías e da Amtega, xa sexa como titular ou como suplente.

3. Desenvolvemento.

Modalidade: teleformación.

Número de edicións: 1.

Duración: 104 horas.

Datas: do 23 de marzo ao 31 de xullo.

Prazas: 25.

4. Contido.

Unidade 1. Introdución.

Unidade 2. As políticas de protección de datos.

Unidade 3. O Regulamento europeo de protección de datos e futura LOPD. As autoridades de control.

Unidade 4. O delegado de protección de datos (DPD, DPO ou data privacy officer).

Unidade 5. A responsabilidade proactiva.

Unidade 6. O Regulamento europeo de protección de datos e futura LOPD. Transferencias internacionais de datos.

Unidade 7. As técnicas para garantir o cumprimento da normativa de protección de datos.

Unidade 8. Os retos en materia de protección de datos.

Unidade 9. Outra normativa con impacto en protección de datos.