Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9725

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación subestación Ludrio 132 kV con dúas novas posicións de liña, no termo municipal de Castro de Rei (expediente IN407A 2018/8632 AT).

Feitos:

Primeiro. O 17.7.2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente e se aprobou o proxecto de execución da nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), na parte que se refire ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica (expediente IN407A 16/2011 AT), promovido pola empresa E.On Distribución, S.L. (actualmente, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.) e que presenta as seguintes características técnicas:

– Dous autotransformadores, 400/132 kV, de 450 MVA de potencia cada un e aparellos asociados.

– Sistema de 132 kV (con dous transformadores 132/20 kV, de 50 MVA de potencia cada un) en parque intemperie, formado por equipamentos convencionais.

– Sistema de 20 kV con tipoloxía de simple barra partida, situado en interior de edificio en celas compactas de illamento SF6 (doce de liña, dúas de transformador, dúas de medida en barras, dúas de servizos auxiliares e dúas para a partición e remonte).

Segundo. O 23.5.2018, a empresa Begasa presentou a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Ludrio 132 kV: dúas posicións de liña, acompañada do proxecto de execución.

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste na ampliación da subestación Ludrio con dúas posicións de liña de 132 kV, co fin de mellorar a interconexión entre os sistemas eléctricos de 132 kV de Galicia, dotando a rede dun maior grao de malla. Esta ampliación ten as seguintes características:

– O sistema de 132 kV con configuración de dobre barra partida, formada por equipamentos convencionais instalados en intemperie amplíase con dúas posicións de liña compostas cada unha por dous seccionadores tripolares de illamento de barras, un interruptor de potencia tripolar, tres transformadores de intensidade, un seccionador tripolar de liña con coitelas de posta á terra, tres pararraios de protección e un transformador de tensión de liña indutivo.

– Instalación dun armario de protección e control e dous contadores para a medida das novas posicións de liña de 132 kV.

– Para as comunicacións da función diferencial entre os extremos das novas liñas, instalaranse dous equipamentos no armario de comunicacións existente, conectando estes equipamentos a través de fibra óptica coa protección de cada nova liña.

Terceiro. O 2.8.2018, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sore o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Cuarto. O 10.9.2018, a xefatura territorial ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24.9.2018.

Durante o período en que a devandita solicitude se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 21.1.2019, a empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. presentou un escrito en que manifesta, en relación co proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica, a súa conformidade con el en canto ás normas particulares desa empresa e da regulamentación vixente.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; coa Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro; na Lei 5/2017, do 19 de outubro; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Ludrio 132 kV: dúas novas posicións de liña, no termo municipal de Castro de Rei (expediente: IN407A 2018/8632 AT).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Begasa, titulado Ampliación subestación Ludrio 132 kV: dúas novas posicións de liña, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia co nº 20181012 e data do 17.4.2018, e no cal figura un orzamento de execución material de 700.197,88 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas