Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2019 Páx. 10004

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 21 de xaneiro de 2019, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello da Pontenova, no ámbito do parque empresarial (expediente PTU-LU-10/001).

O 28.12.2018 o Concello da Pontenova remitiu documentación de referencia para os efectos de resolver sobra a súa aprobación definitiva, consonte o establecido na disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreriro, do solo de Galicia (LSG), podendo continuar a súa tramitación a teor das normas procedimentais dispostas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA) aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente a esta lei.

Analizada a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento da Pontenova no ámbito do parque empresarial (MP), datada de decembro de 2018, redactada polo arquitecto Manuel Eduardo López Vázquez e a enxeñeira civil e de montes Belinda Yepes Jiménez, con dilixencia da aprobación provisional do 27.12.2018; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Pontenova dispón de normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) aprobadas definitivamente o 23.4.1985. O ámbito do solo industrial conta cun plan parcial (PP) aprobado con data do 30.10.1992, cunha modificación do 17.2.1997.

I.2. De acordo coa documentación remitida polo concello, a tramitación incluíu:

• Documento de inicio de avaliación ambiental estratéxica (21.1.2010) e decisión do non sometemento ao procedemento (16.2.2010, ratificada o 4.4.2012).

• Emisión de informes de empresas subministradoras: Gas Galicia (18.2.2014) comunica a indispoñibilidade da subministración; e Begasa (21.8.2017) referido á estimación da potencia necesaria no sector «S-PE2».

• Emisión de informes municipais, técnico (9.4.2013) e xurídico (11.9.2013).

• Aprobación inicial do plan (10.3.2016).

• Exposición pública, con anuncios en El Progreso (20.4.2016), La Voz de Galicia (21.4.2016) e DOG (18.5.2016). Consta certificado sobre o seu resultado.

• Emisión de informes sectoriais:

a) Axencia Galega de Infraestruturas (4.5.2016), de non afectación ás estradas autonómicas.

b) Demarcación de Estradas do Estado (13.6.2017), favorable.

c) Dirección Xeral de Telecomunicacións (11.5.2016), favorable condicionado á corrección de erros, sendo enviada tal corrección desde o concello (18.5.2017).

d) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (11.8.2016), sobre a non afectación ao patrimonio.

e) Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC) (30.9.2016), favorable.

f) Dirección Xeral de Conservación da Natureza (30.11.2016), favorable condicionado (incorpóranse os parámetros do condicionado no punto 15.4.3 aguas pluviais).

g) Instituto de Estudos do Territorio (27.9.2017), favorable.

h) Servizo de Montes de Lugo (23.10.2017), favorable.

i) Certificado de non emisión de informe de Augas de Galicia (23.11.2017).

• O 10.3.2017 dáse trámite de audiencia aos concellos de Riotorto, San Tirso de Abres, Lourenzá, Trabada, Taramundi, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada. Contestado: Trabada (10.3.2017), Ribeira de Piquín (10.3.2017), A Fonsagrada (10.3.2017), Riotorto (13.3.2017), San Tirso de Abres (13.3.2017), Taramundi (13.3.2017) e Lourenzá (14.3.2017).

• Informes municipais, técnicos (9.3.2017 e 23.11.2017) e xurídico (14.3.2017).

• Aprobación provisional da modificación puntual (1ª do 17.3.2017, 2ª do 30.11.2017).

• Requirimentos do Servizo de Urbanismo de Lugo (19.6.2017 e de 18.1.2018).

• Informe da técnico municipal sobre os servizos municipais de abastecemento e saneamento e sobre a suficiencia das redes (30.5.2018).

• Aprobación provisional da modificación puntual (3ª do 6.6.2018).

• Orde do 10.8.2018 da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de non aprobación da MP, formulando unha serie de obxeccións para emendar.

• Publicación suplemento de notificacións a propietarios catastrais no BOE (21.9.2018) e notificación individual aos propietarios afectados, así como certificado de secretaría de non rexistrarse alegacións (19.12.2018).

• Informes técnicos municipais (19.12.2018) e xurídico (14.3.2017).

• Aprobación provisional da modificación puntual (4ª do 19.12.2018).

II. Aspectos xerais. Obxecto da modificación.

A modificación puntual completa a parte urbanizada do parque empresarial da Pontenova, ampliándoo cara ao sur e modificando a situación das dotacións públicas previstas. Establece dous sectores, un sobre a parte xa transformada (S-PE-1); e o outro que engade os terreos lindeiros cara ao sur (S-PE-2) que actualmente se atopan clasificados como solo rústico de protección de augas (4.37 ha), protección forestal (3.20 ha) e protección agropecuaria (0.11 ha e na totalidade do solo rústico de protección forestal e protección de augas anteriores, xa que se superpoñen).

Afecta un ámbito dunhas 16 ha e altera as determinacións das NSP e do PP, en concreto:

– No sector S-PE-1 de 6.6 ha (sector actualmente maioritariamente urbanizado e edificado), mantense a clasificación do solo urbanizable industrial e altérase a ordenación detallada na zona verde e o equipamento das NSM, así como nunha porción de vía que se incorpora como solo industrial (quinteiro 2).

– No novo sector S-PE-2 dunhas 1.03 ha, a modificación implica a clasificación como solo urbanizable (industrial) dunha pequena parte de terreos incluídos na zona de concentración parcelaria da Pontenova ((actualmente solo rústico de protección agropecuaria (art. 34.2.a) da LSG), de terreos incluídos no núcleo rural de Goios (0.046 ha) e de terreos ao sur (0.33 ha), urbanizables de residencial dispersa.

III. Análise e consideracións.

Analizada a documentación remitida polo concello en relación coas observacións formuladas na anterior Orde da CMAOT do 10.8.2018, púidose comprobar, en xeral, o seu cumprimento. Nomeadamente, no plano O.01 de ordenación de clasificación do solo figura a superposición das diferentes categorías de solo rústico de protección (augas, forestal e agropecuario); eliminouse a zona verde prevista no sureste do sector S-PE-2, que non computaba; pasando a formar parte da vía 30 conectado coas vías das NSP (plano O.02); reduciuse a intensidade edificatoria no sector S-PE-1, pasando a 0.83 m2/m2; no plano 0.05 das vías, recóllese o número e localización das prazas de aparcadoiro de cada sector; e na normativa, o ratio na ordenanza industrial; elimináronse as referencias aos estudos de detalle para a división da propiedade; elimínase o uso residencial; incorporouse a análise de mobilidade; e recóllese na normativa as previsións e medidas correctoras do ESAITP.

Porén, seguen a observarse algunhas incoherencias ou erros, para clarexar ou emendar:

• O criterio de cómputo de edificabilidade modifícase no punto 1.2.24 para computar os sotos e semisotos, pero seguen figurando como non computables no punto 1.2.21.

• Incorpórase o custo das medidas correctoras que figuran no ESAITP na avaliación económica, mais constan 36.300 € en vez de 48.300 €.

• Nos puntos 10.9 e 11.2 figura unha ocupación no sector PE-1 de 36.503,72 m2. Porén, é de 37.531,80 m2 no punto 10.8.1 e no punto 10.9.1.

• No punto 1.2.14 de índice de edificabilidade neta, di edificabilidade bruta.

• Como reserva de aparcadoiros de minusválidos no punto 10.10 figuran 3 no sector S-PE-1 e 2 no S-PE-2. Porén, no punto 11.2 figuran 2 no sector S-PE-1, non cumprindo co mínimo.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello da Pontenova, no ámbito do parque empresarial, condicionado á corrección das obxeccións formuladas no punto III anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello da Pontenova no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda