Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Mércores, 20 de febreiro de 2019 Páx. 10430

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

De conformidade co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, dispón no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia». E no punto 2 do mesmo artigo establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

No Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2019 publicouse a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas subscribiron o Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, aprobado tanto no Congreso dos Deputados como no Senado, un documento final que consta de 10 eixes e un total de 292 medidas competencia tanto da Administración xeral do Estado, como das comunidades autónomas e das entidades locais. De entre as medidas recollidas no citado Pacto de Estado, algunha delas refírese a competencias específicas que lle corresponde desenvolver, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, como é o caso do recoñecemento dos dereitos ás axudas económicas previstas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, ás mulleres que sufriran violencia vicaria ou violencia por interpósita persona, isto é, o dano máis extremo que pode exercer o maltratador cara unha muller: danar e/ou asasinar os/as fillos/as.

Ademais, con data 19 de decembro de 2018 foi aprobada no pleno do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei pola que se insta á Xunta de Galicia a modificar a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, previstas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, de cara a incluír a creación dun novo tramo que inclúa aquelas mulleres con renda superior a 1,5 veces o IPREM e menor ou igual a dúas veces o IPREM como punto de partida, engadindo situacións complementarias (menores a cargo, discapacidade e dependencia), xa recollidas nas bases reguladoras e que tome como punto de partida a contía de 200 euros.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

Modifícanse o punto 1 do artigo 4 e a alínea f) do punto 1 do artigo 5 da Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, nos seguintes termos:

Un. O punto 1 do artigo 4 queda redactado como segue:

«1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, de acordo coas seguintes especificacións:

1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 650 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 700 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 800 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.

1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 350 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 500 euros/mes

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.

1.3. Se os ingresos da solicitante son superiores a 1,5 veces o IPREM vixente e iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:

a) Con carácter xeral: 200 euros/mes.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, ou unha discapacidade ≥ 33 %: 250 euros/mes.

c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 300 euros/mes.

d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 300 euros/mes.

e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida, e algunha ou algún deles ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 33 %: 400 euros/mes.

f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida, e esta/e ou a solicitante teñan unha discapacidade ≥ 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 400 euros/mes».

Dous. A alínea f) do punto 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

«Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2019

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade