Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2019 Páx. 10750

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

EXTRACTO da Resolución do 7 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para levar a cabo actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 439807.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras privadas, inscritas no Rexistro Administrativo de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que deberán cumprir co establecido na Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no Rexistro de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural para levar a cabo actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificados e diplomas oficiais por parte da Administración pública, así como no Rexistro de Entidades de Formación en Materia de Benestar Animal, reguladas polo Decreto 60/2007, do 22 de marzo, e demais normas que se desenvolvesen ao abeiro da súa normativa.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para desenvolver actividades de formación continua profesional orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeireira na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2019.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta resolución realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 7 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para levar a cabo actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Contía

1. O financiamento das axudas para a programación das accións formativas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 2019.14.A2.422L.770.0 e proxecto orzamentario 2016 00213, por un valor total de 673.015,88 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 336.507,94 euros en 2019 e 336.507,94 euros na anualidade de 2020.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que poidan existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderase incrementar con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

A contía das axudas por curso axustarase ás seguintes premisas:

1. Máximos subvencionables:

a) Máximo 1.500 € por organización de cursos de 20 horas de duración; no caso de cursos de maior ou menor duración, realizarase o cálculo proporcional.

b) Por cada participante suplementario admitido: máximo de 100 €.

c) O máximo da prima por curso de formación será de 2.500 € para cursos de 20 horas; no caso de cursos de maior ou menor duración, realizarase o cálculo proporcional.

2. Non se financiará ningún curso que remate con menos de 10 alumnos nin serán financiables cursos con máis de 30 alumnos.

3. No caso de ser autorizada unha visita dentro do programa do curso, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

4. O límite máximo anual da axuda será de 17.500 € por entidade de formación, incluídas as visitas.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Agacal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto nos artigos 2 e 11 da presente resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019

Manuel Rodríguez Vázquez
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria