Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Xoves, 21 de febreiro de 2019 Páx. 10703

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para levar a cabo actividades de formación continua na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o ano 2019.

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española e no Estatuto de autonomía, na forma establecida no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 52/2018, do 5 de abril, creouse a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (en diante, Agacal) e apróbanse os seus estatutos (DOG núm. 102, do 30 de maio). A Agacal asumirá, desde a súa constitución, as funcións e competencias atribuídas á Dirección Xeral de Ordenación Forestal en materia de formación, innovación e investigación e en materia de innovación tecnolóxica.

Por medio da Resolución do 30 de agosto de 2018 (DOG núm. 177, do 17 de setembro) deuse publicidade do acordo do Consello Reitor da Agacal, adoptado o día 29 de agosto de 2018, polo que se declara formalmente constituído o Consello Reitor da Agacal.

De acordo co Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e co Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) para o período de programación 2014-2020, aprobado pola Unión Europea (UE) mediante a Decisión comunitaria do 18 de novembro de 2015: C (2015) 8144, modificada pola Decisión de execución da Comisión C (2017) 5420 final, do 26 de xullo de 2017, e a Decisión de execución da Comisión C (2018) 5236 final, do 30 de xullo de 2018, dentro da medida M01: Accións de transferencia de coñecementos e información (art. 14), promoverá actividades de formación profesional e adquisición de competencias, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeireira, dirixidas, en especial, a mozas, mozos e mulleres do medio rural.

O Regulamento delegado (UE) 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, completa o Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e da Comisión, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e introduce disposicións transitorias, e o Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo, establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que foi modificado polo Regulamento de execución (UE) 669/2016, do 28 de abril, da Comisión.

O Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o financiamento, xestión e seguimento da política agraria común, derroga os regulamentos (CE) 352/78, (CE) 164/94, (CE) 2799/98, (CE) 814/2000, (CE) 1290/2005 e (CE) 485/2008, do Consello, e as normativas que o detallan en maior profundidade son: o Regulamento delegado (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos, e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e o Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, que establece disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

En particular, esta medida de transferencia de coñecementos e actividades de información debe afondar na promoción de sistemas de formación profesional en materia agropecuaria e forestal, con especial orientación a mozas e mozos agricultores e silvicultores. Así mesmo, deberá contribuír a fomentar o coñecemento e a mellora da formación técnico-económica destinada a elevar a formación empresarial asociativa e/ou comercial, fomentando a organización da cadea agroalimentaria, a transformación e a comercialización dos produtos agrogandeiros e da silvicultura. Deberá tamén contribuír á consecución dos obxectivos transversais do PDR mediante o fomento da formación agroambiental: uso de fertilización orgánica e outras medidas para a xestión e boas prácticas agrícolas.

As actividades e o contido da formación incidirán, entre outros, en aspectos como a mellora da competitividade, a incorporación de tecnoloxías e prácticas innovadoras, a xestión económica e comercial, a calidade dos produtos, a xestión sustentable dos recursos naturais, incluídos os aspectos da condicionalidade, protección do ambiente e conservación da paisaxe, Rede natura 2000 e a mitigación e adaptación ao cambio climático.

A Consellería do Medio Rural, de cara a complementar a oferta formativa que se facilita a través da estrutura da consellería, considera necesario contar coa colaboración doutras entidades nas actividades de formación continua que permitan unha capacitación integral das persoas que traballan no sector agroalimentario galego.

A inscrición no Rexistro de Entidades e o procedemento de homologación dos cursos das entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para realizar actividades de formación continua e transferencia tecnolóxica en materia agraria regúlase na Orde do 17 de marzo de 2009.

Por todo o exposto, en consecuencia co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e posteriores modificacións,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas para a programación de accións formativas realizadas polas entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural para a levar adiante actividades de formación continua profesional orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeireira na Comunidade Autónoma de Galicia, e convocalas para o ano 2019.

O código do procedemento regulado nesta resolución e que facilitará a identificación da sede electrónica da Xunta é o MR204A.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta resolución realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas as entidades colaboradoras privadas inscritas no Rexistro Administrativo de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural, que deberán cumprir co establecido na Orde do 17 de marzo de 2009 pola que se ditan normas relativas á inscrición no Rexistro de Entidades Colaboradoras da Consellería do Medio Rural para realizar actividades de formación continua e transferencia de tecnoloxía en materia agraria, e sobre o procedemento de homologación dos cursos realizados por estas entidades e a expedición de certificados e diplomas oficiais por parte da Administración pública, así como no Rexistro de Entidades de Formación en Materia de Benestar Animal, reguladas polo Decreto 60/2007, do 22 de marzo, e demais normas que se desenvolvesen ao abeiro da súa normativa.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades que:

a) Se beneficiasen dunha axuda anterior declarada incompatible por unha decisión da Comisión, ata que esa entidade reembolse o ingresado ilegalmente cos correspondentes xuros de recuperación.

b) As empresas en crise definidas no punto 35.15 das directrices da Unión Europea aplicables ás axudas estatais nos sectores agrícolas e forestais nas zonas rurais do período 2014 a 2020.

Artigo 3. Organización das accións formativas

1. As accións formativas que se van executar serán actividades de formación continua profesional e exixible, tanto na modalidade presencial como semipresencial, orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeireira, dirixidas preferentemente a mozas, mozos e mulleres do medio rural galego.

2. As actividades e o contido da formación seguirán o establecido nas normativas que desenvolvan e regulen os contidos e requisitos para cada un dos cursos ou modalidades de formación:

a) Cursos de manipulador/aplicador de produtos fitosanitarios.

b) Cursos de benestar animal.

c) Cursos modulares de incorporación á empresa agraria.

Todas as accións formativas que se desenvolvan ao abeiro desta resolución deberán incluír un módulo dunha hora de duración sobre a muller no rural.

3. O cadro de persoal mínimo de profesorado para impartir as accións formativas estará constituído por un docente coa titulación universitaria exixida na regulación específica de cada acción formativa, e poderá participar tamén como profesorado de prácticas persoal con titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia agraria.

Para os cursos de incorporación á empresa agraria será preciso contar cun/cunha profesor/a titulado/a universitario/a en materia agronómica, veterinaria, forestal, tecnoloxía dos alimentos, enoloxía, bioloxía, química, ciencias ambientais e outras titulacións afíns a estas, titulación que terá que ser acorde coa orientación técnico-produtiva do curso.

4. As entidades colaboradoras desenvolverán as distintas accións formativas ofertando un horario que permita realizar todas as actividades, tanto teóricas como prácticas, dando cumprimento ao establecido nos diferentes programas oficiais vixentes. Estes horarios poderán ser distintos para os diferentes niveis ou destinatarios/as, co fin de que cando sexa necesario se facilite unha mellor organización da optatividade, así como un maior rendemento do alumnado segundo a súa idade, situación laboral, colectivo, etc. A xornada diaria poderase repartir en sesións de mañá e tarde, sen que en ningún caso o número máximo de horas diarias que se vaian impartir sexa superior a seis horas por acción formativa.

5. Deberase levar control de asistencia diariamente, que asinará o alumnado á hora de entrada e saída, así como o/a profesor/a ou profesores/as que impartan as clases e co visto e prace da persoa representante da entidade de formación (anexo VI).

6. Cada curso deberá contar cun número mínimo de 10 alumnos pertencentes ao colectivo ou colectivos para o/os que se solicitou o curso durante o seu total desenvolvemento (desde o inicio ata a realización do correspondente exame); ademais, sobre o total do alumnado deste/s colectivo/s, non poderá ser inferior a un 60 % ao longo do desenvolvemento do curso.

7. Os contidos prácticos correspondentes ás accións formativas impartidas deberanse ofertar exclusivamente na modalidade presencial.

8. O exame de cada curso poderá realizalo persoal técnico da Agacal. Para estes efectos, a entidade proporá un rango de datas para realizar o exame cando faga a comunicación previa do curso e a Agacal comunicaralle á entidade a data e hora en que vai ter lugar do exame, así como o lugar. Tamén se indicará quen será o examinador designado pola Agacal.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos previstos por esta resolución, serán de aplicación as seguintes definicións:

1. Agricultor activo: calquera persoa que cumpra o disposto no artigo 8 do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural ou norma substitutiva.

2. Mozas e mozos agricultores: persoa que, no momento de presentar a solicitude, non ten máis de corenta anos, conta coa capacitación e a competencia profesional adecuadas e se establece nunha explotación agraria por primeira vez como titular desa explotación; poderá establecerse de forma individual ou xunto con outros agricultores, en calquera forma xurídica.

3. Pemes: as definidas como tales no anexo I do Regulamento (CE) 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Artigo 5. Contía das axudas

A contía das axudas por curso axustarase ás seguintes premisas:

1. Máximos subvencionables:

a) Máximo 1.500 € por organización de cursos de 20 horas de duración; no caso de cursos de maior ou menor duración realizarase o cálculo proporcional.

b) Por cada participante suplementario admitido: máximo de 100 €.

c) O máximo da prima por curso de formación será de 2.500 € para cursos de 20 horas; no caso de cursos de maior ou menor duración realizarase o cálculo proporcional.

2. Non se financiará ningún curso que remate con menos de 10 alumnos, nin serán financiables cursos con máis de 30 alumnos.

3. No caso de ser autorizada unha visita dentro do programa do curso, financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

4. O límite máximo anual da axuda será de 17.500 € por entidade de formación, incluídas as visitas.

Artigo 6. Financiamento das axudas

1. O financiamento das axudas para a programación das accións formativas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 2019.14.A2.422L.770.0 e proxecto orzamentario 2016 00213, por un valor total de 673.015,88 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 336.507,94 euros no ano 2019 e 336.507,94 euros na anualidade de 2020.

2. Poderanse utilizar outros remanentes que puidesen existir na mesma aplicación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita aplicación orzamentaria poderá ser incrementada con fondos adicionais comunitarios, estatais e da Comunidade Autónoma de Galicia, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas están financiadas con fondos Feader nun 75 %, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 22,5 % e con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente nun 2,5 %.

Artigo 7. Aplicación da normativa comunitaria sobre axudas públicas

Ás axudas reguladas nesta resolución seranlles de aplicación os artigos 14 e 81 do Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Igualmente, aplicaránselles os artigos 42, 107, 108 e 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

As axudas de formación profesional e adquisición de competencias no sector forestal están comunicadas polo Estado español e concedidas de conformidade co artigo 38 do Regulamento (UE) 702/2014 da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE. O número de axuda é SA.43478 (2015/XA) e a base xurídica son as convocatorias públicas das autoridades de xestión baseadas nos programas de desenvolvemento rural Feader 2014-2020, e cunha intensidade de axuda do 100 %.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

As axudas reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra axuda que, co mesmo fin, concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo de que, en ningún caso, o importe das axudas acumuladas poida superar o orzamento solicitado nin a intensidade máxima da axuda.

Artigo 9. Gastos subvencionables

Só serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados, pagados e xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio e que respondan á natureza da actividade subvencionada.

1. As axudas previstas nesta resolución destinaranse a cubrir os gastos, efectuados posteriormente á presentación da solicitude da axuda, que estean directamente relacionados coa realización das accións formativas propostas, e poderán aplicarse aos conceptos que a continuación se detallan, e sempre que non se superen as contías máximas establecidas no artigo 5:

a) Gastos de profesorado: incluirá a impartición das ensinanzas das distintas accións formativas, tanto das horas teóricas como das horas prácticas presenciais: máximo 60 €/hora presencial e máximo 1 €/hora semipresencial e alumno.

O cálculo de gastos de profesorado realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente.

No caso de subcontratación de docentes, en ningún caso se poderá exceder o 50 % do importe de cada acción formativa xustificada.

b) Material didáctico (incluído material de prácticas): 0,50 € por alumno e hora de actividade formativa, ata un máximo dun 25 % do importe total dos gastos subvencionables do curso.

O cálculo de gastos de material didáctico realizarase sobre o número de horas mínimo exixido na normativa reguladora correspondente e un máximo de 30 alumnos.

c) No suposto de que a acción formativa comporte a organización de visitas, sempre e cando sexan autorizadas segundo o artigo 5.5, a maiores financiarase o 100 % dos gastos de desprazamento nun medio de transporte colectivo, debidamente xustificada a oportunidade e necesidade do uso dese transporte concreto.

2. A formación será totalmente gratuíta para todo o alumnado das accións formativas derivadas desta resolución.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

Non será subvencionable ningún gasto correspondente a actuacións ou actividades anteriores á data de presentación da solicitude, nin os derivados dos requisitos que teñen que cumprir os solicitantes para poder concorrer a esta convocatoria.

Artigo 11. Requisitos dos solicitantes

1. As entidades, empresarios individuais ou autónomos solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscrita/o nos rexistros administrativos correspondentes segundo o tipo de formación solicitada e indicados no artigo 2.1 desta resolución.

b) Realizar a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Cumprir coas súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

d) Dispor dunha póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado.

e) No caso de persoa xurídica solicitante, posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar. No caso de persoa física ou xurídica solicitante, non estar inhabilitada para a obtención da subvención pública ou para contratar co Estado, coas comunidades autónomas ou con outros entes públicos.

f) Non incorrer nalgunha das circunstancias relacionadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Cualificacións mínimas do persoal docente.

a) Titulación universitaria de grao superior ou medio en materias agrarias e afíns.

b) O persoal docente de prácticas poderá contar coa titulación de formación profesional dos ciclos medio e superior da familia profesional agraria ou asimilados.

c) Poderán ser docentes de accións de formación práctica os titulares de explotacións agrarias, titulares forestais ou da empresa agroalimentaria e forestal que acrediten una experiencia no sector mínima de 5 anos.

Artigo 12. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes estarán dirixidas á Agacal e presentaraas a entidade solicitante, que debe cumprir o disposto nos artigos 2 e 11 da presente resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da publicación da presente resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades colaboradoras referidas no artigo 2 que teñan a condición de persoa xurídica.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Se a documentación presentada estivese incompleta, será requirido o solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, que comenzará a contar o día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistido da súa petición e se arquivarán as actuacións logo da notificación da resolución en tal sentido, de acordo co establecido nos artigos 21 e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Memoria descritiva das accións formativas que se van desenvolver (anexo II), coa indicación dos seguintes contidos: tipo de acción ou accións formativas solicitadas, obxectivos, colectivo a que van dirixidas, orzamento e, se é o caso, descrición da viaxe formativa programada asociada a un curso ou cursos concretos.

c) Copia da póliza de seguros de responsabilidade civil referente ás instalacións onde se realizarán as actividades e copia da póliza do seguro de accidentes e responsabilidade civil que cubra a totalidade do persoal docente e do alumnado ou, no seu defecto, o compromiso de achegalas con anterioridade ao comezo da actividade lectiva. Esta documentación deberá estar sempre actualizada e á disposición da Administración para a súa comprobación.

d) Anexo III (bis). Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE, se se trata de empresarios individuais, e NIF, no caso das persoas xurídicas.

b) Certificados de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT, coa Seguridade Social e de obrigas tributarias coa Atriga.

c) Titulación universitaria ou titulación non universitaria do persoal docente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 15. Órgano responsable da tramitación

A unidade responsable da instrución dos expedientes das axudas recollidas nesta resolución será a Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria da Agacal.

Artigo 16. Tramitación

1. A avaliación das solicitudes realizaraa unha comisión, que aplicará os criterios expostos no artigo 17. A dita comisión actuará como órgano colexiado constituído polos seguintes membros:

a) Presidente: o xefe da Área de Formación, Investigación e Promoción da Calidade Alimentaria ou a persoa en quen delegue.

b) Secretario: un funcionario da Agacal, designado polo director, que actuará con voz e voto.

c) Vogais: tres funcionarios designados polo mesmo director da Agacal.

2. A comisión de avaliación poderá solicitar a colaboración de avaliadores externos, de recoñecida experiencia nas áreas correspondentes ás propostas presentadas, co fin de emitir informe sobre os proxectos solicitados.

Artigo 17. Criterios de valoración

Para a avaliación e ordenación en orde decrecente das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios de puntuación:

1. En función da tipoloxía dos destinatarios das accións de formación (máximo 80 puntos):

a) Accións formativas segundo a situación laboral dos destinatarios das accións:

1º. Accións dirixidas a produtores primarios e titulares de explotacións: 12 puntos.

2º. Accións dirixidas ao persoal de empresas agrarias, alimentarias e entidades asociativas agrarias (incluídas as profesionais): 10 puntos.

3º. Accións dirixidas a persoas emprendedoras (autoemprego) con actividade agraria, gandeira, forestal, agroalimentaria ou outras para desenvolver no medio rural: 10 puntos.

4º. Persoas con expectativas de incorporación: 13 puntos.

b) Accións dirixidas a colectivos en risco de pobreza e/ou exclusión social:

– Persoa con situación acreditada de estar en risco de pobreza e/ou exclusión social: 5 puntos.

c) Accións dirixidas preferentemente a persoas novas e mulleres do medio rural:

– Mulleres e agricultores/as mozos/as: 30 puntos.

2. En función da temática das accións (máximo 50 puntos):

a) Accións formativas destinadas a adquirir novas competencias profesionais ligadas á innovación en procesos e tecnoloxías e novos produtos.

1º. Actividades formativas relacionadas coa innovación en procesos agrarios, gandeiros ou forestais: 10 puntos.

2º. Actividades formativas exixibles para o exercicio profesional no sector: 10 puntos.

3º. Seguridade alimentaria, calidade en procesos ou prevención de riscos: 5 puntos.

b) Actividades formativas para a xestión sustentable dos recursos naturais, incluídos os aspectos da condicionalidade, a protección do ambiente e conservación da paisaxe. Xestión sustentable de recursos naturais.

1º. Eficiencia en xestión e uso de recursos naturais: 10 puntos.

2º. Restauración, preservación e mellora de ecosistemas: 5 puntos.

c) Accións formativas relacionadas coa mitigación e adaptación ao cambio climático e a Rede natura 2000.

1º. Medidas agroambientais: 5 puntos.

2º. Biodiversidade Rede natura 2000: 5 puntos.

3. A solicitude de axuda deberá acadar un limiar mínimo de puntuación de 39 puntos, que se corresponderá co 30 % da puntuación máxima total que se poida acadar no procedemento de selección en función dos criterios de selección aplicados. De non acadar a dita puntuación quedará excluída.

4. A valoración farase por solicitude, que acadará unha única puntuación, independentemente do número de accións solicitadas. A puntuación única por solicitude obterase como a media entre as puntuacións das accións dentro dunha mesma solicitude.

5. Seleccionaranse aquelas actuacións que obteñan unha maior puntuación como resultado de aplicar os criterios de valoración. No caso de empate, resolverase segundo as solicitudes obtivesen maior puntuación nos criterios e orde seguintes:

1º. Maior puntuación en actividades formativas destinadas a adquirir novas competencias profesionais.

2º. Maior puntuación en actividades formativas para a xestión sustentable.

3º. Maior puntuación en actividades formativas relacionadas coa mitigación e a adaptación ao cambio climático e á Rede natura 2000.

4º. Maior puntuación en situación laboral dos destinatarios das accións.

5º. Accións dirixidas a colectivos en risco de pobreza e/ou exclusión social.

6º. En caso de empate nos puntos anteriores, prevalecerá aquela entidade beneficiaria que teña entre o seu persoal empregado persoas cunha discapacidade oficialmente recoñecida (o criterio será en función do número de persoal nesta situación).

Artigo 18. Resolución e notificación

1. A resolución de concesión das axudas corresponderalle ao director da Agacal, logo da avaliación das solicitudes por parte da comisión. A dita avaliación conterá unha relación dos cursos priorizados que se propoñen para ser financiados co seu correspondente orzamento, xunto cunha relación dos cursos avaliados positivamente, a relación dos cursos que se consideran non financiables, así como unha de reserva de posibles beneficiarios respecto ás contías liberadas por renuncias ou outras circunstancias. Na dita lista incluirán, por orde de prelación segundo o resultado da avaliación efectuada, aqueles solicitantes que, cumprindo as exixencias requiridas para adquirir a condición de beneficiarios, non fosen seleccionados como tales en aplicación do proceso de valoración por esgotamento da dotación orzamentaria.

Conforme o artigo 21.3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o informe de avaliación debe incluír o resultado da avaliación das solicitudes efectuada de conformidade cos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras e convocatoria.

A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada. A dita notificación deberá informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader e que se enmarcan dentro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, medida 1, submedida 1.1, prioridade 1.C, e tamén da obriga do beneficiario en cuestión de publicidade, establecidas no anexo III do Regulamento (UE) 808/2014 da Comisión, do 17 de xullo.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da presente convocatoria será de tres meses contados a partir da publicación da presente convocatoria. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes poderanse entender desestimadas.

8. A Agacal poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

9. Non se concederán nin se pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda implica a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, agás que a persoa solicitante se opoña á súa consulta.

10. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

11. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, farase na correspondente páxina web oficial nos termos previstos no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da concesión por instancia do beneficiario, sempre que se presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación das accións obxecto de subvención, que nestas axudas coincide co prazo para a súa realización, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a acción proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo director da Agacal, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, a persoa interesada comunicará expresamente a súa renuncia ou aceptación á subvención no prazo de dez días desde a súa notificación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao disposto no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, o director da Agacal ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

1. Facer constar en todos os documentos e publicidade das actividades formativas o anagrama da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o emblema da UE e unha referencia á axuda do Feader. Así mesmo, no desenvolvemento da dita actividade, infórmaselles aos participantes que está financiada pola Consellería de Medio Rural, polo MAPA e polo Feader.

Nos locais de impartición das accións formativas deberán figurar, sempre en lugar visible, a publicidade da actividade e o cartel do cofinanciamento (anexo VII), que permanecerán expostos ao longo da realización da dita actividade e deberán presentar en formato electrónico algunha proba documental da súa exposición.

En todas as actividades de información e comunicación que se desenvolvan, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Feader mostrando:

a) O emblema da Unión.

b) Unha referencia á axuda do Feader.

Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader, presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada pola operación, en proporción ao nivel de axuda cos seus obxectivos e resultados e destacando a axuda financeira da Unión.

Os carteis, paneis ou placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación e dos elementos descritos anteriormente. Esta información ocupará como mínimo o 25 % do cartel, da placa ou da páxina web.

2. Comunicarlle á Agacal calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar o desenvolvemento da actividade.

3. Realizar o reintegro das cantidades percibidas coa subvención, xunto cos xuros de demora calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas co fondo Feader, os beneficiarios deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento (UE) 809/2014.

5. Conforme o disposto no artigo 66.1.c) do Regulamento (UE) 1305/2013, os beneficiarios da axuda deberán levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas á acción de formación subvencionada.

6. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acordar os servizos competentes da Agacal, tanto no relativo ao desenvolvemento da actividade como á súa xestión e tramitación administrativa.

7. O Regulamento (UE)1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello establece no artigo 71 o compromiso por parte dos beneficiarios de axudas, no marco das medidas de desenvolvemento rural, de proporcionarlle á autoridade de xestión, aos avaliadores designados ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e avaliación do programa, en particular en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades.

8. Cubrir, antes do inicio do curso, unha ficha de cada alumno, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII.

9. Formalizar a documentación solicitada no anexo IX: comunicación previa ao inicio do curso.

Artigo 22. Pagamento das subvencións

1. A entidade solicitante xustificará a subvención coa data límite do 30 de novembro de 2019, para as accións formativas realizadas no ano 2019, e 30 de novembro de 2020, para as realizadas ao longo do ano 2020, salvo casos excepcionais debidamente autorizados polo órgano xestor acorde co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, logo da petición do beneficiario.

2. As solicitudes de pagamentos (anexo III) poderanse realizar, segundo corresponda, electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común antes da data límite que se indique na notificación da resolución de concesión, xunto cos seguintes documentos:

a) Anexo IV. Memoria cos datos das accións formativas que se desenvolveron cuberta en todas as súas epígrafes, xunto coa documentación fotográfica de todas as súas fases: teórica, práctica e, se é o caso, das visitas correspondentes.

b) Enquisa de satisfacción (anexo V) cuberta por todos os alumnos asistentes á acción formativa, que terá carácter obrigatorio para o acceso ao exame correspondente.

c) Partes de asistencia diarios (anexo VI) de cada unha das accións formativas realizadas. Deberase asinar obrigatoriamente a entrada e saída cunha marxe de 10 minutos no horario establecido. No caso de que algún alumno non asista nesta franxa horaria, deberá indicar a hora exacta de entrada/saída.

Os partes de asistencia deberán estar asinados polos alumnos e polo/s docente/s correspondente/s, coa indicación do número de horas impartidas por cada un deles.

d) Fichas dos/das alumnos/as (anexo VIII) cubertas para todo o alumnado asistente ás accións formativas, debidamente asinadas polo/a interesado/a.

e) Documentación acreditativa de realización dos gastos correspondentes ás actividades subvencionadas, que consistirá nun orixinal e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento mediante transferencia bancaria ou, na súa falta, copia do extracto bancario acreditativo do cargo. As facturas orixinais deberán reunir os requisitos sinalados no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento das obrigas de facturación, e marcaranse cun selo, no cal se indicará a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención; neste último caso precisarase a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

No caso dos gastos de profesorado propio da entidade, deberá presentar contrato de traballo, nómina, xustificante de pagamento mediante transferencia bancaria, o sistema de cálculo do custo/hora de impartición do curso do profesorado, así como unha certificación asinada polo representante da entidade que indique que as horas de impartición do docente na acción aprobada non están financiadas por ningunha outra axuda.

No caso dos gastos de material didáctico, deberán presentar proba documental da súa entrega ao alumnado, que consistirá nun xustificante de recepción detallado e asinado polo alumnado.

f) No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución da acción formativa, deberase achegar unha certificación das viaxes realizadas, xunto coa documentación acreditativa da realización do gasto.

g) Certificación en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas para este mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita o pagamento da subvención.

h) Certificación asinada polo representante da entidade de que o alumnado cumpre cos criterios de valoración para o colectivo do curso aprobado.

3. Segundo o recollido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección, de acordo co artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Segundo o recollido nos artigos 31.5, 33.2 e 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o cumprimento por parte do beneficiario se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos coa aceptación da axuda, a cantidade desta que finalmente teña que percibir o beneficiario ou, se é o caso, o importe que vai reintegrar virán determinados pola aplicación de criterios de gradación, que deberán responder ao principio de proporcionalidade.

Artigo 23. Seguimento e control

1. A Agacal poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das accións subvencionadas. Ademais do seguimento baseado nos informes finais recibidos, a Agacal poderá facer un seguimento técnico da acción formativa mediante a presenza in situ do persoal técnico designado para este fin. O seguimento poderá avaliar o grao de cumprimento das accións formativas propostas.

2. A entidade beneficiaria someterase aos procedementos de comprobación e control financeiro das accións de formación subvencionadas por parte da Consellería do Medio Rural, o organismo pagador do Feader, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e as instancias comunitarias de control.

3. Seralles de aplicación ás axudas recollidas nesta resolución o referido ao réxime de controis, reducións e exclusións regulados no Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1306/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, no que refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

Artigo 24. Recursos

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados.

2. As resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria non porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, perante o presidente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 25. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta resolución ou dos obxectivos da acción subvencionada, a non adopción do comportamento que fundamenta a concesión da subvención, a obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen, o incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado ou de calquera outra Administración pública, así como as demais circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, constituirán causas determinantes de reintegro da subvención por parte do beneficiario, xunto cos xuros de demora.

2. Aos beneficiarios das subvencións seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas na citada Lei 9/2007. Así mesmo, seralles aplicable o procedemento de reintegro de acordo co Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, o Regulamento (UE) 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que respecta ao sistema integrado de xestión e control, e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á condicionalidade, e a modificación realizada polo Regulamento de execución (UE) 2017/1242 da Comisión, do 10 de xullo, ao Regulamento (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.

3. No caso de pagamento indebido, o beneficiario quedará obrigado a reembolsar o importe en cuestión, ao cal se lle engadirán, de ser o caso, os xuros calculados en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de sesenta días, e a data de reembolso ou dedución.

4. Para a aplicación de controis, reducións, sancións e exclusións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no sistema integrado do período 2014-2020, ditou o Fondo Español de Garantía Agraria a Circular de coordinación 32/2017 relativa aos criterios para a aplicación de penalizacións nas medidas de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2014/2020. Recórdase tamén a aplicación neste ámbito da Circular de coordinación 8/2018, relativa ao Plan nacional de controis das medidas de desenvolvemento rural non establecidos no ámbito do sistema integrado do período 2014-2020.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno nos procedementos de subvencións e axudas

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lles subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Lexislación de aplicación

En todo o non previsto nesta resolución, observarase o sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, e Regulamento delegado (UE) 807/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), Regulamento de execución (UE) 808/2014 da Comisión e nos regulamentos (UE) 809/2014, (CE) 1303/2013 e (UE) 807/2014.

Disposición adicional primeira. Marco programático da resolución

As axudas reguladas na presente resolución forman parte do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, polo que a presente convocatoria e as súas bases se deben axustar ao contido do programa.

Disposición adicional segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería do Medio Rural coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Autorízase o director da Agacal para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019

Manuel Rodríguez Vázquez
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file